Amosando publicacións coa etiqueta movementos sociais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta movementos sociais. Amosar todas as publicacións

17/11/22

#LugarDe | Unha vida no Couto

 Rosario, Julia e Dolores levan toda a vida formando parte do tecido asociativo que se foi xerando na aldea do Couto desde os anos oitenta. "Entre os veciños e veciñas compramos o terreo e construímos a casa; cada quen facía o que podía". Así naceu a Casa dos Veciños, lugar de reunión da Asociación Cultural Monte Branco. 

Para conseguir os cartos botaron man de inxenio: "Colliamos o tractor e iamos polas festas porque era onde se facían os cartos. Vendiamos bebidas e bocadillos de bisté". Desde aquela, a Escola de Verán, o Festiletras e centos actividades máis. Por alí pasaron desde Isaac Díaz Pardo a Sés, desde Fina Casalderrey a Xabier Díaz, facendo da aldea testemuña privilexiada dos cambios xeracionais na cultura galega. "Xamais pensei aprender tanto, nin tratar coa xente que tratei", explica emocionada Rosario, fan declarada de Ángel Carracedo. 

Julia, Dolores e Rosario falan do despoboamento do rural, sabedoras de que "o que non hai é traballo". Con todo, Julia pensa que "se houbera máis iniciativas como esta, a xente non marcharía tanto". Recordan tamén como a asociación se manifestou contra a celulosa que ían achantar na desembocadura do Anllóns: "Se houbera celulosa non habería agrupación de mariscadoras, nin este ambiente, nin teriamos estas vistas que temos."

09/11/22

Xurxo Lobato: "No país do Nunca Máis"

 Historia dun libro publicado no 2003 tras a traxedia do "Prestige"

Este libro quere ser a crónica visual do movemento xerado arredor de Nunca Máis dende o ano 2002 e grande parte do 2003, e dos que fixeron das palabras dignidade e solidariedade unha inmensa marea.

Velaquí unha ollada sobre os feitos. A crónica dun acontecemento que nos conmocionou e que de seguro ha significar un antes e un despois para moitas galaegas e galegos. A realidade é segundo a percibimos e segundo a ordenamos nas nosas emocións e sentimentos. Fica con este libro o testemuño do que aconteceu. Diante da catástrofe o país reaccionaba.

No país do Nunca Máis é un libro de fotoxornalismo que inaugura unha nova colección en Galaxia, a colección Reportaxe. Unhas fotos que son testemuño do meirande movemento cívico que permanecerá en todos nós ao longo dos anos. Un libro feito coas emocións e a honestidade das emocións.

Nomes como Manolo Rivas, Antón Losada, Anxo Quintana, Ramón Chao, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Reixa, Ignacio Ramonet, Mario Bennedetti, Xavier Queipo ou César Antonio Molina entre outros aportan os seus textos a este libro para deixar constancia do seu apoio ao movemento Nunca Máis.


 

 

15/08/22

A mostra "Rostros da Memoria. Ferrol 1972" permanecerá en Fene do17 ao 31 de agosto


 A Praza do 10 de Marzo, no barrio fenés de San Valentín, acollerá ás 20:30 horas deste mércores 17 de agosto a inauguración oficial da exposición "Rostos da Memoria. Ferrol 1972", un proxecto fotográfico e artístico de Xurxo Lobato en homenaxe ás persoas que sufriron a represión do franquismo polas loitas obreiras na cidade de Ferrol en 1972, “que seguen vivas e merecen un recoñecemento público no ano do 50 aniversario dos asasinatos de Amador e Daniel, "segundo o fotógrafo. 

 A mostra -que permanecerá na praza ata o 31 de agosto- está promovida pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol co apoio das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática. Tras a súa estrea en Fene, a mostra percorrerá o resto de concellos integrados no ente supramunicipal, como Ares, Cabanas, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.