Todos os días milleiros de adolescentes en Galicia procuran información en Internet. A mocidade galega non só busca contido que a entreteña, senón que quere solucionar as súas dúbidas para sentirse autónoma e independente, para sentirse adulta.
Entre as buscas máis relevantes resaltan as ligadas ás prácticas deportivas. Coa serie de vídeos Adestra a túa lingua queremos achegarlle á mocidade información sobre o deporte, derrubar mitos sexistas e normalizar e fomentar o emprego de termos técnicos deportivos en galego que son pouco populares e coñecidos.
Alexandre Campos Ramírez, coñecido como Alexandre de Fisterra, (nado en Fisterra en 1919 e falecido en Zamora no 2007) foi editor, escritor, inventor, republicano e testamentario de León Felipe.
Fillo do radiotelegrafista de Fisterra, Alexandre viviu nesa vila ata os cinco anos, para se trasladar despois á Coruña. Ós quince anos marchou estuda-lo bacharelato a Madrid.
Unha vez alí, a zapataría do seu pai quedou arruinada, polo que ó non poder paga-lo colexio privado no que estudaba, o director púxoo a corrixi-los deberes dos párvulos pagando así a matrícula. Tamén traballou na construción coma peón de albanel, como bailarín de claqué e despois nunha imprenta. Ademais foi nesta cidade onde coñeceu a León Felipe (do que sería testamenteiro), que xunto con Rafael Sánchez Ortega, editaron o xornal Paso a la juventud para vendelo pola rúa.
A guerra e o exilio
En novembro de 1936 quedou sepultado nun dos bombardeos de Madrid durante a Guerra Civil. Ó ter feridas graves foi trasladado a un hospital de Montserrat (Barcelona). Alí coñece moitos nenos feridos coma el, incapaces de poder xogar ó fútbol, e foi daquela cando pensou no futbolín inspirándose no tenis de mesa.
Confioulle ó seu amigo Francisco Xavier Altuna, un carpinteiro vasco, a fabricación do primeiro futbolín seguindo as súas instrucións. Non obstante, non puido vende-lo invento a nivel industrial xa que tódalas fábricas de xoguetes, a maioría en Valencia, estaban a fabricar armamento por mor da guerra. Patentou a invención en Barcelona no ano 1937 ó igual có primeiro pasafollas de partituras movido co pé que fixo para unha rapaza pianista da que estaba namorado. Co triunfo franquista na guerra, tivo que se exiliar a Francia cruzando a pé os Pirineos e debido a que estivo a chover durante dez días, perdeu a patente que levaba no macuto.
No ano 1948 marcha a Quito (Ecuador). Alí funda a revista Ecuador 0°, 0', 0" coa que dedicaba cada número a poetas dun país. Máis tarde, en 1952, foi a Guatemala, e alí despois de mellora-lo futbolín comezou a fabricalos, facendo un bo negocio. Alí foi ademais onde xogou partidas contra o Che Guevara. Isto aconteu mentres había democracia no país, xa que tralo golpe de estado do coronel Carlos Castillo Armas, foi roubado e secuestrado, quedando sen nada.
Axentes especiais españois embarcárono pois nun avión en dirección a España, pero el puido escapar, refuxiouse nos lavabos do avión e construíu unha bomba ficticia envolvendo xabrón con papel de aluminio. Con esa "bomba" ameazou a tripulación e gañou o favor dos viaxeiros logo de dicirlles que era "un refuxiado español". O avión desviouse a Panamá. Máis tarde marcha a México onde atopou amigos poetas e escritores polo que permaneceu alí adicándose ás artes gráficas e a editar. Así fundou e presidiu a editorial chamada Editorial Finisterre Impresora dende a cal editou a revista do centro galego de México e libros de variados poetas, entre os que se atopan León Felipe e Juan Larrea. Ademais foi redactor de El Nacional e editou un facsímile da revista Galeuska e o primeiro libro de poemas do nicaragüense Ernesto Cardenal.
O regreso
Cando volta a España logo de morrer Franco sorprendeuse ó ver que o futbolín se estendera amplamente, malia que gran parte desta divulgación se debera ó feito de que os fabricantes valenciáns asumiran o xogo coma nacional. Convenceu a editorial Alianza para reimprimir as obras completas de León Felipe e traballou intensamente na divulgación da obra deste poeta, de quen xestionaría a herdanza coma testamentario.
Os últimos anos da súa vida vivíunos en Zamora (a patria chica de León Felipe), onde faleceu, na súa casa do barrio de Pinilla. As súas cinzas foron espalladas no Río Douro ó seu paso pola cidade de Zamora e no Atlántico en Fisterra.
Era membro non numerario da Real Academia Galega.
Curiosidades
O grupo coruñés Os Diplomáticos de Monte Alto compuxo unha canción dedicada ó futbolín que comeza mencionando ao inventor: Ano 37, guerra civil / Alexandre de Fisterra inventa o futbolín. A canción fíxose famosa ó ser parte do videoclip do contentor infantil da Televisión de Galicia Xabarín Club.
Estaba casado coa cantante lírica María Herrero.
Malia toda a gran cantidade de facetas, Alexandre dicía que a súa vocación frustrada era «ser arquitecto».