Amosando publicacións coa etiqueta cartografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cartografía. Amosar todas as publicacións

25/11/24

A revolución do gran triángulo

A medición do Gran Triángulo a principios do século XIX foi un dos fitos científicos máis importantes da súa época. Os coñecementos, a versatilidade e a resistencia fronte ás condicións adversas do Matemático Rodríguez contribuíron de maneira decisiva ao éxito da expedición, liderada polo astrónomo francés Jean-Baptiste Biot. 

Durante case dous anos, o científico galego fíxose cargo de localizar, instalar e manter operativos os vértices nas illas Baleares, facendo posible as medicións, baseadas no método da triangulación. A súa participación nesta aventura científica sen precedentes axudou a establecer, naquel momento, a medida exacta do metro, a nosa unidade de lonxitude, agasallo da Revolución Francesa. 

Un vídeo producido por GCiencia para a exposición da Real Academia Galega de Ciencias adicada ao Matemático Rodríguez, Científico Galego do Ano 2024.

25/10/23

Este mapa interactivo mostra todos os faros do mundo

Lighthouse Map é unha aplicación de libre acceso para coñecer a distribución dos xigantes que iluminan os mares

Información en GCiencia

Lighthouse Map é un mapa interactivo que mostra a ubicación dos faros de todo o mundo.
 

27/02/21

O mapa de Fontán, rostro e alma da vella Galicia

 "Un país non se fai só con lingua e literatura senón con xeografía, historia e ciencia". Domingo Fontán colocou rostro a Galicia. A súa carta xeométrica, realizada no ano 1834, foi algo máis que un mapa para os vellos galeguistas da Xeración Nós e para escritores como Cunqueiro ou Castelao. Coñecemos ben quen foi Domingo Fontán? Viaxamos ata o Concello de Portas, o seu lugar de orixe e onde aínda queda moito desta figura tan relevante para a nosa historia e cultura.

11/06/20

Domingo Fontán: Galicia cartografiada nas súas verdadeiras proporcións

Domingo Fontán Rodríguez (Portadeconde, Portas, 7 de abril de 1788 - Cuntis, 24 de outubro de 1866), ilustrado galego, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia.
Pasou boa parte da súa vida vinculada á Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou os estudos de Filosofía, matriculouse ao longo dos anos en Leis e Cánones, Ciencias Exactas e Teoloxía. En 1811 comezou a súa carreira de profesor nesta universidade.




Foi elixido deputado polo Partido Liberal pola provincia de Pontevedra en 1837, ocupando este posto ata 1843, ano en que se retirou. Fontán fixo da súa causa a defensa de Galicia, sobre todo na abolición dos foros e na loita contra o caciquismo.

Participou na creación da primeira fábrica de papel de Galicia, construída en Lousame en 1863, e traballou tamén no deseño do trazado da primeira linea férrea de Galicia en 1858, que uniu Santiago con Carril, proxecto aprobado polas Cortes en 1861, e que non foi inaugurado ata dez anos despois.

Está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa do convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.

A CARTA XEOMÉTRICA DE GALICIA

A Carta Xeométrica de Galicia é un mapa físico de Galicia, o primeiro da historia realizada con medicións matemáticas, obra de Domingo Fontán.

Domingo Fontán investiu na súa realización dezasete anos da súa vida (1817-1834). Esta obra foi o primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (medición de bases, triangulación, altimetría barométrica, etc.). Para cartografar Galicia aproveitou os avances científicos, provenientes sobre todo de Francia, e desenvolveu unha rede xeodésica, establecendo puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos, para os que empregou instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago e adquiridos en Paris e Londres.             
Tomou como punto cero a torre da Berenguela, na Catedral de Santiago de Compostela. En 1817 iniciou os traballos da Carta, realizada a unha escala 1:100.000, pero ata 1830 non obtivo o apoio oficial para a súa redacción. Nese momento queda exento de impartir clases na Universidade de Santiago. Para realizar esta Carta tivo que percorrer a pé e a cabalo toda Galicia.  Nela aparecen localizadas as 4.000 igrexas das parroquias galegas e todos os accidentes xeográficos importantes acadando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite. En 1834 acaba os traballos da Carta, e preséntaa á Rexente María Cristina que dará orde de imprimila. ata 1845 non foi posible a súa impresión, que se realizou en París, baixo a súa dirección polo gravador  L. Bouffard.
O escritor da Xeración Nós, Ramón Otero Pedrayo, conserva unha das Cartas orixinais no seu pazo de Trasalba (Amoeiro, Ourense).