Rosario, Julia e Dolores levan toda a vida formando parte do tecido asociativo que se foi xerando na aldea do Couto desde os anos oitenta. "Entre os veciños e veciñas compramos o terreo e construímos a casa; cada quen facía o que podía". Así naceu a Casa dos Veciños, lugar de reunión da Asociación Cultural Monte Branco.
Para conseguir os cartos botaron man de inxenio: "Colliamos o tractor e iamos polas festas porque era onde se facían os cartos. Vendiamos bebidas e bocadillos de bisté". Desde aquela, a Escola de Verán, o Festiletras e centos actividades máis. Por alí pasaron desde Isaac Díaz Pardo a Sés, desde Fina Casalderrey a Xabier Díaz, facendo da aldea testemuña privilexiada dos cambios xeracionais na cultura galega. "Xamais pensei aprender tanto, nin tratar coa xente que tratei", explica emocionada Rosario, fan declarada de Ángel Carracedo.
Julia, Dolores e Rosario falan do despoboamento do rural, sabedoras de que "o que non hai é traballo". Con todo, Julia pensa que "se houbera máis iniciativas como esta, a xente non marcharía tanto". Recordan tamén como a asociación se manifestou contra a celulosa que ían achantar na desembocadura do Anllóns: "Se houbera celulosa non habería agrupación de mariscadoras, nin este ambiente, nin teriamos estas vistas que temos."