09/11/22

Xurxo Lobato: "No país do Nunca Máis"

 Historia dun libro publicado no 2003 tras a traxedia do "Prestige"

Este libro quere ser a crónica visual do movemento xerado arredor de Nunca Máis dende o ano 2002 e grande parte do 2003, e dos que fixeron das palabras dignidade e solidariedade unha inmensa marea.

Velaquí unha ollada sobre os feitos. A crónica dun acontecemento que nos conmocionou e que de seguro ha significar un antes e un despois para moitas galaegas e galegos. A realidade é segundo a percibimos e segundo a ordenamos nas nosas emocións e sentimentos. Fica con este libro o testemuño do que aconteceu. Diante da catástrofe o país reaccionaba.

No país do Nunca Máis é un libro de fotoxornalismo que inaugura unha nova colección en Galaxia, a colección Reportaxe. Unhas fotos que son testemuño do meirande movemento cívico que permanecerá en todos nós ao longo dos anos. Un libro feito coas emocións e a honestidade das emocións.

Nomes como Manolo Rivas, Antón Losada, Anxo Quintana, Ramón Chao, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Reixa, Ignacio Ramonet, Mario Bennedetti, Xavier Queipo ou César Antonio Molina entre outros aportan os seus textos a este libro para deixar constancia do seu apoio ao movemento Nunca Máis.