Amosando publicacións coa etiqueta dinamización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dinamización. Amosar todas as publicacións

13/05/24

Concurso Letras Galegas IES Monelos 2024

O xurado composto polos profesores e profesoras Antonio Frade Fraga, Marta Rafael Balsa e Mar Rodríguez decidiron conceder o premio na categoría de 4º de ESO e Bacharelato na modalidade de narrativa do concurso das Letras 2024 convocado polo EDLG do IES Monelos ao alumno de 1º de bacharelato Alejandro Lorenzo Naya polo seu relato titulado "Malo será".

Tal como queda establecido nas bases do concurso a continuación publicamos o relato gañador en Cotarelo.

 Malo será

Comezaba un novo día, e con el a resaca e o cansazo dunha interminable noite de San Xoán. Paseabas por Riazor e o Orzán e vías as fogueiras, xa sen brasas, as botellas de alcohol e algún que outro borracho que aínda permanecía na praia. A noite de San Xoán dá comezo ao verán, a mellor estación do ano, xa que non hai escola, pero sobre todo non hai exames, así que podes facer o que queiras. É unha época feliz. Ou iso cria eu, mentres vía o branco, frío e triste corpo,sen vida, do meu mellor amigo Samuel.

El mirábame, mentres estaba deitado boca arriba sobre unha prancha de metal situada dentro dun cuarto frío. Eu, parado ao seu carón, só podía pensar en como chegara a esa situación, se só pasaran unhas horas desde que falei con el.

Por fin rematou o curso, e para celebralo, Samuel e mais eu decidimos vernos ao día seguinte no parque de Oza, como é habitual. Para nós é tradición reunirnos nese parque para charlar, ademais, agora puxeran uns bancos e xa non tiñamos que sentar no chan. Cando cheguei á casa amoseille as notas á miña familia, non sabía como pero aprobara inglés, recoñezo que son terrible e non me gusta nada. Grazas a que pasei todo, meus pais deixáranme ir cos meus amigos en San Xoán. Oxalá viñese Samuel!, pero seguro que non vén. Xa que temos pensado ir á praia de Riazor para queimar todos os apuntes deste ano, teño moitas ganas de queimar os apuntes de lingua castelá, porque estou farto de Bécquer e das súas rimas e lendas ata os narices, deberían facer esa materia como optativa e non como troncal.

Era ese mesmo día pola noite, non podía durmir, así que decidín poñerme a mirar Instagram, para a miña sorpresa atopei unha foto de hai uns meses de Samuel e a súa actual ex-moza Sofía. Mirei para ela e só puiden sentir compaixón polo meu amigo, xa que a súa moza lle foi infiel en reiteradas ocasións, ela intentou negalo todo, pero decatámonos da mentira. Despois diso, Samuel entrou nunha depresión, da que tardou varios meses en saír.

Estiven presente en todo momento, desde que Samuel se deu conta da infidelidade ata que volveu a ser el mesmo. Tentei axudalo, aínda que nunca tivera parella e non entendía, de primeira man, ese sufrimento amoroso; pero nunca usei a psicoloxía das películas para darlle consello. Non sei se era a mellor opción, pero expliqueille repetidas veces que deixase ir o que non pode controlar, que deixase ir a Sofía. Ninguén cambia se non recoñece un problema. Deixa de esperar cousas que simplemente non che queren dar, explicacións, o final da relación, desculpas... Xa que haberá momentos nos que soamente ti terás que avanzar. Pero sobre todo, recalqueille que ás veces o final é un comezo que soamente ti podes trazar.

Ao principio, non o entendía, non entendía que tiña que deixala ir, que el lle estaba facendo dano. Samuel só pensaba en Sofía, non podía quitala da cabeza. Mentres ela deixara de pensar nel hai uns meses. Co paso do tempo, Samuel mellorou, comprendeu que o amor non é como o das películas, que ten os seus pros e contras, que cada rapaza é un universo. Cando foi final de curso sentíase xenial, deixara atrás os seus demos do pasado, xa non pensaba en Sofía e volveu lucir feliz, con aquel fermoso sorriso de orella a orella.

Cando quedei con el no parque, vino pálido, coma se vise a Raskolnikov matando aquela anciá no seu apartamento de San Petersburgo. Comecei falando do fin de curso e do que nos agardaba o vindeiro curso en segundo de bacharelato, ou como lle chamamos nós, o ano da solución final. Samuel non parecía moi contento, pero parecía que pouco a pouco ao longo da conversa se animaba un pouco máis. Eran as dezanove horas cando, ao lonxe, vimos pasar a Sofía, levaba un vestido negro moi axustado, pero que lle quedaba marabilloso, un bolso vermello cereixa e uns tacóns negros, que dubido moito que durasen a noite de San Xoán. Nese momento mirei para Samuel, estaba contento, tiña un sorriso radiante, propio dunha persoa feliz consigo mesma. Por fin deixouna ir.

Despois as vinte horas separámonos.  El marchou para a súa casa, xa que non quería ir de festa, e eu fun para a miña casa, para cambiarme e saír cuns amigos.

Ás cero horas atopábame dándoo todo coa canción do Mundial de fútbol de Sudáfrica, todo isto fíxeno acompañado duns holandeses. Era unha noite marabillosa de xuño, case non había vento, e o que había era un pracer para o corpo, o ceo estaba despexado e non houbese altercados durante a noite Todo o mundo estaba pasándoo de morte, ata Samuel.

Samuel morreu o 24 de xuño ás cero horas e trinta minutos, mentres durmía. Tomara quince somníferos da súa nai, que non se decatara de que llas roubara. Isto provocoulle unha convulsión moi grande que o levou a un fallo de órganos múltiples, pero non se decatou, atopábase profundamente durmido, por desgraza, un soño do que nunca espertará.

De todo isto decateime cando volvía da festa. O pai de Samuel chamoume, contoume o que pasou. Cando cheguei ao CHUAC, deixáronme ver o corpo do meu mellor amigo. Cando o vin todo o que puiden pensar foi por que o fixo. Virao non hai moito tempo, e estaba feliz, volvía a ser o mesmo de antes. Non entendo por que non dixo nada, despois de todo éramos amigos. Podería axudalo, aínda que non fose moito, pero iso era mellor que nada. Tamén podería pedir axuda aos seus pais, para iso están, non si? Se non aos seus pais, a un psicólogo para iso estudaron, para axudar a xente cos seus problemas a través das palabras. Nese momento veu á miña cabeza una cousa que nos contara a nosa profesora de filosofía, Chiruca. Ela explicounos que a esencia do ser humano é dinámica, non estática. Somos un fluxo constante de leccións e experiencias. É dicir, cada momento presente é unha oportunidade para moldear a nosa identidade e o noso destino. En cada momento podemos elixir ser algo diferente ao que fomos. Mentres haxa unha posibilidade de vida, hai unha posibilidade de redención. Pero por que escoller ese destino?

Foi aí cando comprendín que ninguén podía acompañalo no seu sufrimento. En vez de pedir axuda, refuxiouse en si mesmo, crendo que se podía curar a un mesmo, sen axuda de ninguén.

Despois de estar un tempo na morgue, decidín ir falar cos seus pais. No momento en que saín de alí parei, mirei cara atrás e mirei por última vez ao meu mellor amigo, nese momento lembreime daquel poema de Jorge Manrique que dicía “Nuestras vidas son los ríos, que van a dar a la mar que es el morir”, porén o río de Samuel chegou ao mar demasiado pronto. Déronme unha nota que Samuel tiña na man cando o atoparon, que dicía: "Por fin, xa son feliz". Cando o lin púxenme a chorar. Acababa de entender por que Samuel estaba tan feliz,el entendera que a morte era a súa única saída e que tería que morrer para ser feliz. Se o soubese non o deixara ir para a casa, arrastraríao se fose necesario para que non chegase. Falando con el, dicíndolle que non pensase en suicidarse, iso podería impedilo, ou quizais non, pero era mellor pensar iso que asimilar que o meu mellor amigo, ao que levaba máis de dez anos vendo todos os días, estaba morto.

Xa pasara unha semana dende que o enterraron. Non quería saír da casa e tampouco quería que os meus amigos viñeran a visitarme. Nun momento dado, cando xa non podía pensar, pola tristeza, mirei Instagram e volvín ver a foto de Samuel e Sofía. Foi nese momento, mirando a foto, cando levantei a cabeza e dixen para min: "Soamente eu, poderei avanzar".

Alejandro Lorenzo Naya (1º de Bacharelato)

07/05/24

Encontro IES Agra de Leborís (A Laracha) e IES Monelos

Actividade realizada polo alumnado de 1º ESO B do IES Monelos (6/52024) con outros compañeiros do IES Agra de Leborís entre Caión e Baldaio.

 
Solucionario da ximcana de Caión
 

Tempo na Coruña do 7 ao 14 de maio

 Exemplo duns dos programas emitidos semanalmente por Radio Monelos ao longo do curso. Coordinado pola profesora de Bioloxía Sonia Bermúdez.

Predición elaborada polas alumnas de 1º de ESO Paula Rial, Carmen Tarrón e Laura Virosta para a Meteoescola.

Editorial da Revista "Camiño do Corgo 2023-24": "En Concreto"

Presentamos un novo número de “Camiño do Corgo” en dixital. Esta cabeceira xa é alma deste instituto pois acaba de cumprir 25 anos neste 2024. A revista pretende reflectir, neste novo formato, un soporte multimedia para ser lida, escoitada e vista. Serve para presentar as actividades realizadas por parte do Equipo de Dinamización este curso. Aí están os programas de Radio Monelos con seus contidos fundamentais: “Historias da Coruña” con vinte relatos sobre a nosa cidade e o noso barrio e un seguimento dos cantantes e grupos musicais galegos, con outros dezaseis exemplos presentes na contraportada e que suman un total de 48 desde que iniciamos esta andaina no curso 2021-2022. Tamén están presentes as mulleres, neste caso non falamos só de individualidades senlleiras senón de colectivos historicamente feminizados vinculados á historia da nosa urbe: lavandeiras, peixeiras, costureiras, cigarreiras... e como non, algún relato literario está presente para ser escoitado como o final da “Rateira” de Agatha Christie da adaptación realizada pola profesora Luísa Corredoira. Da man das profesoras Mónica Alonso e Elena Conde demos un paso na Radio: levar ao directo nos recreos un programa que de momento foi mensual centrado sobre o Parlamento europeo. E moitas actividades máis que podedes ver nesta edición. 

Porén o elemento vertebrador deste curso e da revista foi a figura de Luísa Villalta. Esta coruñesa polifacética, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2024, serviunos para realizar varias tarefas (carteis, programa de radio e audición de poemas) coa coordinación da profesora Montserrat Puime. Todo isto pódese ver, tamén, na revista. Pechamos esta editorial facendo referencia ao seu derradeiro poemario publicado postumamente no ano 2004, o ano do seu falecemento, e que se titula “En Concreto”. Nel aparecen moitos poemas centrados na nosa cidade e un especificamente que se titula “A Estación” onde a poeta reflexiona sobre os trens na nosa cidade non son de paso senón de chegada ou de saída e remata nas súas últimas estrofas así:

Onde nós non hai nunca un destino

que ser un anónimo fin

ou un glorioso comezo

 

máis alá somente o mar

e a incertidume da luz

o extremo

o abismo

o espello detido en nós

 Que esta publicación sexa, en concreto, do voso agrado.

29/04/24

Radio Monelos: "A Rateira" de Agatha Christie (último capítulo)

Programa elaborado polo alumnado de 1º de bacharelato do IES Monelos.

Adaptación da profesora de Lingua e Literatura Galega Luísa Corredoira

 

Capítulos anteriores: 

1º Capítulo  (Gravado e emitido no curso 2021-2022)

  2º Capítulo (Gravado e emitido no curso 2022-2023)

26/04/24

5º programa en directo de Radio Monelos

Programa gravado e emitido o 26 de abril.

Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo

Coordinan as profesoras: Mónica Alonso e Elena Conde.

Técnica: Alejandro Lorenzo.

Locutores: Martín e Inés Jaspe.

Embaixadoras Junior que interveñen: Covadonga Somorrostro e Aldara Eiroa

Eslogan: Álvaro Cardalda

Entrevista aos alumnos de 2º de bacharelato lectores de manga: Alex Dourado, Iria Hidalgo e Nerea Revilla. 

06/04/24

Radio Monelos: Letras Galegas 2024. Luísa Villalta

Presentamos neste apartado unha serie de actividades realizadas ao longo deste curso para o día das Letras que ten como centro a figura da coruñesa Luísa Villalta:

1º. Emisión dun programa de radio elaborado por Catalina Bago e Sabela García de 3º ESO.

2º. Deseño duns carteis que foron a concurso coordinada pola profesora de Lingua e Literatura Galega Montse Puime.

3º Ilustración de 11 poemas de Luísa Villalta, centrados na nosa cidade, elaborados polo alumnado de 4º de PDC coordinada o labor pola profesora do ámbito sociolingüístico Pilar Tobar.

4º Unidade didáctica (que se pode descargar) complementaria aos carteis elaborada por Montse Puime.

1º. Programa de radio elaborado polas alumnas de 3º ESO Catalina Bago e Sabela García.


 
 
2º. Carteis elaborados pola profesora de Lingua e Literatura Galega Montserrat Puime Sabugueiro.
 
 
Anexo: escoitar outros poemas musicados por alumnos de 1º de Bacharelato:
 
Obelisco recitado por Lucas Eiroa 

A Ana Pillado por Nicolás Castro    

29 de xaneiro por Jhonatan Cucañame
 
3º Ilustración de 11 poemas elaborados polo alumnado de 4º de PDC
 

4º unidade didáctica elaborada pola profesora Montserrat Puime
 
 
 

03/04/24

Radio Monelos: programa sobre a fotógrafa Ruth Matilda Anderson

 No seu centenario da súa visita a Galicia (1924-1925). Programa elaborado polas alumnas de 4º ESO Sara Castro e Sofía Regueiro.


01/04/24

4ª EDICIÓN DO CONCURSO “GALEGO CON CIENCIA” ORGANIZADO POLO EDLG DO IES MONELOS

BASES E OBXECTIVOS 

1. Poderá participar todo o alumnado matriculado no IES Monelos no curso 2023-2024. 

2. O obxectivo do concurso é fomentar o emprego da lingua galega naquelas materias nas que o galego non é a lingua vehicular na ESO (bioloxía, física e química, matemáticas, tecnoloxía, informática). Tamén preténdese que alumnado acade unha mellora no seu rendemento académico. 

3. O concurso durará 4 semanas. Empezará na semana do 15 de abril de 2024 e rematará na semana do 6 ao 10 de maio (coincidindo coa semana das Letras Galegas). 

4. O concurso terá tres niveis: 

• 1º e 2º de ESO. 

• 3º e 4º de ESO. 

• Bacharelato. 

5. Tódalas semanas en que haxa concurso, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, fará públicas dez preguntas, por cada unha das modalidades, relacionadas coas materias citadas na base segunda desta convocatoria. Estas deberán ser contestadas polo alumnado participante, antes das 14 horas do venres correspondente. 

6. O concurso será eliminatorio, organizado da seguinte maneira: 

• Durante a primeira semana (15 ao 19 de abril) poderán continuar participando o alumnado que acerte polo menos sete das dez cuestións formuladas. 

• Na segunda semana (do 22 ao 26 de abril) poderán continuar participando o alumnado que acerte polo menos oito das dez cuestións formuladas. 

• Na terceira semana (do 29 de abril ao 3 de maio) poderán continuar participando o alumnado que acerté polo menos nove das dez cuestión formuldadas. 

• Na derradeira semana (6 a 10 de maio) poderán ser gañadores unicamente os que acerten todas as cuestión formuladas. 

 7. O cuestionario será publicado na web do instituto e no blog do equipo de dinamización www.cotarelomonelos.blogspot.com 

 8. O alumnado deberá responder (accedendo a través da web do instituto ou do blog do EDLG) ao formulario editado en google.docs. Nel indicarase o seu nome, apelidos, curso e grupo. É importante comprobar as respostas antes de contestar. En caso de que un concursante envíe dúas ou máis respostas só será admitida a primeira. 

9. O primeiro día lectivo de cada semana en que dure o concurso, farase público na páxina web e no blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e na web do instituto, o alumnado que continua no concurso nos seus diferentes niveis. 

10. Para a elaboración e selección de preguntas, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega contará co asesoramento dos departamentos citados na base segunda desta convocatoria. 

11. Haberá dous premios únicos por cada nivel: 

• 1º Premio contará cun vale que se poderá intercambiar na cafetería do centro Alfredo’s Bar. 

• 2º Premio contará cun vale que se poderá intercambiar na cafetería do centro Alfredo´s Bar. 

12. En caso de empate de gañadores a última semana o desempate farase do seguinte xeito: 

a) Maior puntuación nas tres semanas previas. 

b) De persistir o empate realizarase un sorteo sobre os que teñan igual puntuación máxima, tanto para o primeiro como o segundo posto. 

12. A participación neste concurso suporá a aceptación destas bases. 

Resultados finais

Accede ao cuestionario da 4ª semana (do 6 ao 10 de maio):