Presentamos un novo número de “Camiño do Corgo” en dixital. Esta cabeceira xa é alma deste instituto pois acaba de cumprir 25 anos neste 2024. A revista pretende reflectir, neste novo formato, un soporte multimedia para ser lida, escoitada e vista. Serve para presentar as actividades realizadas por parte do Equipo de Dinamización este curso. Aí están os programas de Radio Monelos con seus contidos fundamentais: “Historias da Coruña” con vinte relatos sobre a nosa cidade e o noso barrio e un seguimento dos cantantes e grupos musicais galegos, con outros dezaseis exemplos presentes na contraportada e que suman un total de 48 desde que iniciamos esta andaina no curso 2021-2022. Tamén están presentes as mulleres, neste caso non falamos só de individualidades senlleiras senón de colectivos historicamente feminizados vinculados á historia da nosa urbe: lavandeiras, peixeiras, costureiras, cigarreiras... e como non, algún relato literario está presente para ser escoitado como o final da “Rateira” de Agatha Christie da adaptación realizada pola profesora Luísa Corredoira. Da man das profesoras Mónica Alonso e Elena Conde demos un paso na Radio: levar ao directo nos recreos un programa que de momento foi mensual centrado sobre o Parlamento europeo. E moitas actividades máis que podedes ver nesta edición.
Porén o elemento vertebrador deste curso e da revista foi a figura de Luísa Villalta. Esta coruñesa polifacética, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2024, serviunos para realizar varias tarefas (carteis, programa de radio e audición de poemas) coa coordinación da profesora Montserrat Puime. Todo isto pódese ver, tamén, na revista. Pechamos esta editorial facendo referencia ao seu derradeiro poemario publicado postumamente no ano 2004, o ano do seu falecemento, e que se titula “En Concreto”. Nel aparecen moitos poemas centrados na nosa cidade e un especificamente que se titula “A Estación” onde a poeta reflexiona sobre os trens na nosa cidade non son de paso senón de chegada ou de saída e remata nas súas últimas estrofas así:
Onde nós non hai nunca un destino
que ser un anónimo fin
ou un glorioso comezo
máis alá somente o mar
e a incertidume da luz
o extremo
o abismo
o espello detido en nós
Que esta publicación sexa, en concreto, do voso agrado.