Amosando publicacións coa etiqueta política. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta política. Amosar todas as publicacións

25/03/23

Anxo Quintana: "Non vale só con que os nacionalistas o teñamos claro, temos que convencer á maioría"

Anxo Quintana é unha figura clave na historia recente do nacionalismo. Militante do BNG desde a súa fundación foi alcalde de Allariz, a súa vila natal, durante algo máis dunha década. Aquela xestión á fronte do concello converteuno nun referente do municipalismo nacionalista. En 2003 sucede a Xosé Manuel Beiras converténdose en Portavoz Nacional do BNG. Foi o primeiro nacionalista en ocupar un escano no Senado desde a Transición e tamén o primeiro vicepresidente nacionalista da Xunta de Galicia. Este último cargo exerceuno durante catro anos, os mesmos que durou o goberno de coalición co PSdG. Após a vitoria electoral do Partido Popular en 2009 abandona a dirección do BNG. 

Quintana entende a política como un exercicio de consenso que vaia máis alá dos convencidos e defende un proxecto nacionalista útil para o país e as súas xentes. 

Nós Televisión reúnese con el no Hotel Palacio del Carmen en Compostela. Manteñen unha conversa pausada, centrada nos seus anos de responsabilidade institucional, nas súas ideas sobre as necesidades do país e nas súas reflexións sobre o presente e futuro do nacionalismo galego. #AnxoQuintana #RostrosdoPaís #Nacionalismo

18/02/23

Ana Miranda voltará a Palestina cunha delegación europea oito anos após ser deportada polas autoridades de Israel

 Información en Nós Diario


 

Emilio Pérez Touriño: "Galiza perdeu o tren da reforma estatutaria"

O compromiso político de Emilio Pérez Touriño comeza nos anos finais da ditadura franquista. Militante activo nas loitas democráticas, pasa polo Partido Comunista antes de se integrar definitivamente no Partido Socialista a finais dos anos oitenta. Economista e profesor universitario, Pérez Touriño ocupa diversos cargos na administración do Estado durante os gobernos de Felipe González. En 1998 accede á secretaría xeral do Partido dos Socialistas de Galicia e en 2005 convértese en presidente da Xunta de Galicia, encabezando o goberno de coalición co Bloque Nacionalista Galego. 

Emilio Pérez Touriño publica en 2022 o libro El horizonte europeo onde reflexiona sobre o futuro da socialdemocracia e a idea de Europa. Reunimonos con el na Faculdade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago para conversarmos sobre o presente da Unión Europea, a experiencia do goberno de coalición cos nacionalistas e os retos que Galiza ten aínda pendentes.

28/01/23

Teresa Táboas: “Para ser verdadeiramente nacionalista, hai que ser profundamente universal”

 Desde moi nova Teresa Táboas é consciente da importancia do territorio na conformación da identidade galega. Filla de emigrantes galegos, nace na cidade de México, aínda que a familia mantén un contacto constante con Galiza. 

Fórmase a cabalo entre dúas realidades moi distintas, mais sempre cun apego moi forte á terra na que se acabou por desenvolver profesionalmente. De firmes conviccións nacionalistas, Táboas foi, desde agosto de 2005 até abril de 2009, Conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza durante o goberno de coalición do PSdeG co BNG. 

Foi a primeira muller en acceder ao cargo de Decana-Presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a segunda muller Conselleira Titular do Consello Superior dos Consellos de Arquitectos de España desde 1931. 

En xullo de 2021 é electa membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos. 

Nós Televisión reúnese con ela na Biblioteca do Museo do Pobo Galego para falar de nacionalismo, xestión institucional, a importancia de seguir rachando o teito de cristal e os desafíos territoriais aos que se enfronta o noso país.

09/01/23

Lula frea o asalto bolsonarista aos poderes do Brasil: "Todos eles pagarão com a força da lei"

 Información en Praza Pública

Lula da Silva, visitando as instalacións do Palácio de Planalto na noite do 8 de xaneiro de 2023, tras o asalto bolsonarista © Ricardo Stuckert, fotógrafo oficial de Lula da Silva


 

11/12/22

Entrevista a Miguel Ángel Santalices deputado do PP e presidente do parlamento galego en "Nós Televisión"

Miguel Ángel Santalices entrou na primeira liña da política despois dunha ampla experiencia como xestor sanitario. Entre outros, dirixiu o Hospital Xeral de Vigo e o de Ourense, lugar desde onde foi un privilexiado observador dos avances da sanidade en Galicia durante as últimas décadas. Conta con orgullo como, antes de se decidir por iniciar os estudos de Medicina, o seu pai levouno a pedir consello a Don Ramón Otero Pedraio e que este, nada máis que o animou a "tocar a gaita como o seu tío avó", o célebre Faustino Santalices. 
A entrada en política deste arraiano, nacido no concello de Bande, prodúcese a comezos dos anos noventa, cando se incorpora ao Partido Popular. Desde a Quinta lexislatura do Parlamento de Galicia exerce de deputado e é a partir do ano 2016 cando pasa a presidir esa institución.
Miguel Ángel Santalices recibe a Nós Televisión na biblioteca do Pazo do Hórreo e ao longo da conversa vai debullando as súas ideas sobre Galicia, o galeguismo e os retos que temos como sociedade neste século XXI.