11/12/22

Entrevista a Miguel Ángel Santalices deputado do PP e presidente do parlamento galego en "Nós Televisión"

Miguel Ángel Santalices entrou na primeira liña da política despois dunha ampla experiencia como xestor sanitario. Entre outros, dirixiu o Hospital Xeral de Vigo e o de Ourense, lugar desde onde foi un privilexiado observador dos avances da sanidade en Galicia durante as últimas décadas. Conta con orgullo como, antes de se decidir por iniciar os estudos de Medicina, o seu pai levouno a pedir consello a Don Ramón Otero Pedraio e que este, nada máis que o animou a "tocar a gaita como o seu tío avó", o célebre Faustino Santalices. 
A entrada en política deste arraiano, nacido no concello de Bande, prodúcese a comezos dos anos noventa, cando se incorpora ao Partido Popular. Desde a Quinta lexislatura do Parlamento de Galicia exerce de deputado e é a partir do ano 2016 cando pasa a presidir esa institución.
Miguel Ángel Santalices recibe a Nós Televisión na biblioteca do Pazo do Hórreo e ao longo da conversa vai debullando as súas ideas sobre Galicia, o galeguismo e os retos que temos como sociedade neste século XXI.