Amosando publicacións coa etiqueta letras galegas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta letras galegas. Amosar todas as publicacións

27/05/23

Publicación dos textos gañadores do Certame das Letras Galegas do IES Monelos 2023

Os gañadores do certame literario das letras galegas 2022 foron na 1ª categoría (1º ESO, 2º ESO e 3º ESO).

En narrativa breve, a gañadora foi Inés Insua Puente de 1º ESO co relato O broche dos soños. En poesía foi Stefany Noemí Vásquez Yerbes de 3º de ESO cos poemas Abismo e Corazón. 

Na 2ª categoría (4º ESO, 1º e 2º Bacharelato) a gañadora foi Sara Lorenzo Naya de 4º ESO co poema Dous paxaros.

Ditos textos publicámolos neste apartado (ver entrega do premio).

Aproveitamos este espazo para presentar o programa de Radio Monelos sobre a figura de Francisco Fernández del Riego e un video elaborado por Política Lingüsitica ao que se lle dedica o día das Letras Galegas 2023.

O broche dos soños 

Querido diario, non vas crer o que me pasou hoxe. Voucho contar pero antes teño que falar de onte. 

Eu ía tan tranquila de volta do instituto pensando nos deberes de bioloxía que nos puxeran cando tropecei con algo. Mirei o que era e vín que se trataba dun broche con forma de folerpa de neve. Collino pensando que era moi bonito e que ninguén o botaría de menos se o levaba. Pois iso, leveino a casa e deixeino na mesa de noite a carón da miña cama e fun facer deberes e outras cousas. 

Esa noite antes de durmir púxenmo diante do espello para ver como me quedaba pero, admítoo, non fixera caso a miña nai e fun á habitación máis tarde do que debía e alí, diante do espello, escoitei como se acercaba ao meu cuarto a ver se xa estaba acostada. Asusteime, porque non quería que me castigase ou rifase, e tireime directa a miña cama e apaguei a luz (o interruptor está pegado á miña cama). Xusto a tempo, cando entrou a miña nai finxin estar dormida e, grazas a iso, salveime. Pero tamén grazas a iso durminme co broche posto. 


 Esa noite soñei que no cole faltaba o profe co que tiñamos exame ao día seguinte. Tamén que despois ía a un parque. atopaba dous euros e por último que ao volver a casa, ao poñer o programa de cociña, o cociñeiro se disfrazaba de pescador para facer unha sopa de pescado. Si, xa sei que teño uns soños bastante recurrentes, pero comparados cos do meu irmán non son nada. 

Pois o raro comeza agora: estaba no recreo ao día seguinte (hoxe) estudando cos meus amigos para o exame, e veu un compañeiro a dicirnos que o profe faltaba. Eu, claramente, alegreime, pero tamén me sorprendín porque nolo dixeron da mesma forma que no meu soño. E o raro non remata agora; volvía toda feliz a casa porque non fixera o exame e xusto tropecei (xa van dous en dous días seguidos, son moi torpe, seino) e mirei ao chan e había ¡nada menos que dous euros! Daquela comecei a asustarme, en serio ¿que pasaba hoxe?¿por que todo o que soñara a noite anterior estaba a sucederme de verdade? Fun correndo a casa e encendín a tele e... adiviña o que pasou. Efectivamente, o cociñeiro estaba disfrazado de pescador porque ía cociñar unha sopa de pescado. Entrei en pánico e non sabía que facer para averiguar que era o que pasara; sabía que non podía ser coincidencia porque todo estaba a suceder exactamente como no meu soño. 

Tiña que decatarme do que estaba a pasar, de que ou quen facía isto, porque a noite anterior tivera un sono tranquiliño e beneficioso pero un non controla os soños, e se no teu soño ocorre algo malo de verdade e logo todo se fai realidade, podería armarse unha boa traxedia. Mirei por todos os lados da casa e de repente fixeime no broche con forma de folerpa de neve que estaba no meu escritorio, xusto onde o deixara ao espertar e darme conta de que o tiña posto esta mañá. Unha lámpada fixo clic na miña cabeza ¡pois claro! ¡tiña que ser iso! Esa era única cousa que fixo aquela noite diferente das demais. O broche fixera que os meus soños se fixeran realidade na vida. 

Collino e saín gritando da casa dicindo que volvía en media hora/unha hora. Non lle din tempo a miña nai a replicarme porque cando estaba a preguntarme onde ía ir, eu xa estaba no portal , de camiño ao bosque que hai cerca do barrio. Corrín ata chegar alí e xa dentro do bosque busquei unha pedra mais ou menos pesada. Cando atopei unha que cumpría os meus requisitos, deixei o broche no chan e comecei a esmagalo. Eu pensaba que non se ía romper porque teño moitos libros nos que o obxecto máxico non se rompe cando ao prota lle ocorre algo polo estilo, pero para a miña sorte, rompeuse en dous. Despois de esmagalo un pouco máis, cavei un burato no chan e metín os restos do broche dentro. Funme a casa pensando en que tivera moita sorte de non soñar nada raro que puidese crear grandes problemas para todos. 

Pois iso é todo por hoxe, sei que ninguén o crerá se llo conto (case nin eu mesma o creo), así que por iso o escribo aquí. Ata a próxima, querido diario. 

Inés Insua Puente (1º ESO)

Abismo

Síntome nun abismo.
Un abismo sen fin e
angustiantemente escuro
e frío.
 

Veña, ilumíneme e quénteme todo
coa súa presenza e sáqueme
de aquí.
Sexa o meu anxo salvador.


Por favor, veña.
 

Veña,veña, veña, veña.
 

Veña e sálveme!
 

Non se afaste de min, non agora.
Implórolle, pídolle de xeonllos que
que deixe de ignorarme.


Rézolle a Deus, rézolle ao home, rézolle a vostede.
 

Non me deixe só, deidade miña.
 

Por que vai con outras persoas e me deixa?
 

Non ve que vos necesito?
 

Non ve que sen vostede eu non vivo?
Que sen vostede non son ninguén, simplemente unha cuncha baleira e soa?
 

Estou nun abismo, nacín nun abismo.
Un abismo interminábel e xeado.
 

Veu, iluminouno e volveuno
máis cálido coa súa presenza y tenrura;
pero ao final non me sacou, deixoume alí.


Vivo nun abismo que sempre me consumirá e
falecerei alí. 

 

Corazón

Ámote.
 

Non entendo como poden dicir iso.
Como sabes que sentes, de verdade, iso?
 

Non fai falta entendelo completamente.
Alegras os meus días e fas latexar loucamente
o meu corazón.
 

Corazón?
Eu non posúo algo así.
Posuín varios corazóns que dixeron amar
ao meu.


Comín cadanseus corazóns para que o
seu amor chegara a mín.


Mais non funcionou, non obstante,
estou seguro de que contigo si.


Despértasme unha fame atroz.
O meu corazón, inexistente, quere sentir ao teu.
Quero comerte.
Es de tal fermosura que quero devorarte.


Concederíasme ese favor?
Comereite lenta e exquisitamente.
A túa luz, o teu amor que tanto me expresas,
quero sentilo.


O teu sangue, tan doce e vermello, quenta o meu interior.
A túa carne, tan saborosa e suculenta, éncheme de enerxía.


O meu corazón, inexistente, parece formarse.
O amor, o teu amor, ilumíname.


Así séntese ser verdadeiramente amado e,
sobre todo, amar?


Ámote, de ser así.


Vouche agradecer todo o teu sacrificio
amándote para sempre.


Agora es o meu corazón.

 

Stefany Noemí Vásquez Yerbes (3º ESO)

 

Dous paxaros 

Nós somos dous paxaros que voan xuntos,
dous corpos, dúas almas que se abrazan.
En cada beixo, sentimos o amor que flúe,
e nas nosas mans, atopamos a paz que ansiamos.


O teu sorriso é a luz que me guía,
o teu corazón é o meu fogar.
En ti, eu atopo a miña alegría,
e todo o meu ser se pon a vibrar.


Amarte é a miña doce condena,
o meu corazón prisioneiro do teu amor.
Cautivado pola túa esencia serena,
nos teus brazos atopo o mellor sabor.


O noso amor é como o mar que non para,
nunca deixamos de navegar.
Xuntos, constuímos a nosa eterna morada,
e nada poderá xamais nos separar.


Cada día, agradézolle ao destino
por terme levado ata ti.
Porque eres a miña metade, o meu camiño,
e a razón pola que eu quero vivir.


Nos teus ollos brilla a eternidade,
o teu sorriso encende o meu ser.
Amarte é a miña doce realidade,
unha condena da que non quero fuxir, senón ter.


Nós somos dous paxaros que voan xuntos,
dous corpos, dúas almas que se aman.
E cando teño o teu amor nos meus brazos,
sinto que a vida vale a pena.


Sara Lorenzo Naya (4º ESO)

21/05/23

Entrega premios "Letras Galegas 2023" e "Galego Con Ciencia"

O 16 de maio fixéronse entrega dos premios "Letras galegas 2023" e "Galego Con Ciencia" do IES Monelos.

As gañadoras do concurso literario foron:

Stefany Noemí Vásquez Yerbes na modalidade de poesía na primeira categoría (1º, 2º e 3º ESO).

Inés Insua Puente na modalidade de narrativa breve na primeira categoría (1º, 2º e 3º ESO)

Sara Lorenzo Naya na modalidade de poesía na segunda categoría (4º ESO, 1º e 2º de Bacharelato)

No concurso  de Galego Con Ciencia a gañadora foi:

Elena Álvarez-Azumendi Gutiérrez na categoría de 1º e 2º ESO.

Parabéns aos gañadores!

25/04/23

Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu - Sempre a pé de obra (VI)-Letras Galegas 2023

O derradeiro episodio da serie sobre o protagonista do Día das Letras Galegas aborda a súa obra literaria, que abrangue unha extensa produción como divulgador e articulista, dous libros de memorias e unha novela, 'O cego de Pumardedón', así como diversos libros de viaxes, entre outras obras. 

O capítulo sexto conta tamén o seu papel á fronte da Fundación Penzol e como presidente da Real Academia Galega, e completa o perfil máis humano dunha das grandes figuras da cultura galega do século XX. 

'Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu' é unha serie documental de seis episodios sobre o intelectual ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2023.

14/04/23

Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu - Xermolar da semente (IV) -Letras Galegas 2023

 O capítulo 4 da serie documental sobre Francisco Fernández del Riego profunda no papel fundamental que o protagonista do Día das Letras Galegas desempeñou na construción de redes entre a Galicia interior e a Galicia exiliada durante os anos escuros do franquismo e tamén tendendo pontes entre os vellos galeguistas e as novas xeracións. 

Naqueles tempos Del Riego foi un dos galeguistas que máis relación mantivo cos mozos e mozas que coñecerían a literatura galega a través do labor da Editorial Galaxia, na que don Paco se encargaba de múltiples tarefas, dende a recepción de orixinais ata a corrección. Neste selo volvería publicar en galego, animado por Del Riego, o propio Álvaro Cunqueiro, nel viu a luz ‘Longa noite de pedra’ de Celso Emilio Ferreiro e Galaxia foi tamén a editorial que deu a coñecer novos nomes das nosas letras como Xosé Luís Franco Grande, Xohana Torres ou María Xosé Queizán, esta última unha das persoas que enriquece este capítulo co seu testemuño. 

A cuarta das seis entregas de 'Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu' conta tamén coa participación de Malores Villanueva, Xesús Alonso Montero, Camiño Noia, César Cunqueiro, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás, Francisco Castro, Margarita Ledo e Víctor F. Freixanes.

26/03/23

Un documental web da Academia percorre a traxectoria de Fernández del Riego: "o seu grande amor foi Galicia"

 Información Praza Pública


'Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu' é unha serie documental de seis episodios sobre o intelectual ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2023, producida pola propia e institución e realizada pola produtora Miramemira co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. 

O primeiro capítulo, "As luces primeiras", repasa a infancia de Francisco Fernández del Riego no seo dunha familia acomodada de Lourenzá e mais a adolescencia e os primeiros anos de mocidade, que transcorreron tamén en Monforte de Lemos (onde estudou nos Escolapios) e, máis adiante, Santiago de Compostela, onde se trasladou a familia para darlles estudos universitarios a todos os irmáns. O relato lembra a intensa afección temperá á lectura de don Paco, a súa amizade con Álvaro Cunqueiro, a quen coñeceu sendo aínda un cativo nas festas do Conde Santo de Modoñedo; as súas primeiras publicacións na revista 'Páginas Calasancias' e 'Vallibria', que dirixía 'Trapero Pardo'; continúa co espertar ao galeguismo consciente cando comeza a estudar Dereito en Madrid e avanza o activismo político e cultural xa de volta en Galicia, cando o 25 de xullo de 1931 iza a bandeira galega e le dende o balcón do concello de Lourenzá o que foi seguramente o primeiro manifesto de celebración do Día de Galicia na Mariña lucense. 

A narración avanza ao longo das seis entregas coas lembranzas de persoas que coñeceron e estudaron a figura de don Paco, e tamén coa vivencia de autoras e autores das novas xeracións da conmemoración do Día das Letras Galegas que o propio Del Riego propuxo crear no seo da RAG en 1963, cando se celebrou por primeira vez cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Son Malores Villanueva, Manuel Román, Ramón Nicolás, María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Fina Casalderrey, Margarita Ledo, Camiño Noia, Rosa Aneiros, Francisco Castro, Xosé Manuel Soutullo, Dolores Vilavedra, Patricia Arias Chachero, Antón Santamarina e Víctor F. Freixanes; e mais Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés, Cándido Paniagua e Ledicia Costas. 

Tamén participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais o músico do Valadouro Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en "off" de don Paco nos anos de mocidade e madureza, respectivamente. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo, que recorreu á percusión inspirándose no propio carácter de don Paco.