O capítulo 4 da serie documental sobre Francisco Fernández del Riego profunda no papel fundamental que o protagonista do Día das Letras Galegas desempeñou na construción de redes entre a Galicia interior e a Galicia exiliada durante os anos escuros do franquismo e tamén tendendo pontes entre os vellos galeguistas e as novas xeracións.
Naqueles tempos Del Riego foi un dos galeguistas que máis relación mantivo cos mozos e mozas que coñecerían a literatura galega a través do labor da Editorial Galaxia, na que don Paco se encargaba de múltiples tarefas, dende a recepción de orixinais ata a corrección. Neste selo volvería publicar en galego, animado por Del Riego, o propio Álvaro Cunqueiro, nel viu a luz ‘Longa noite de pedra’ de Celso Emilio Ferreiro e Galaxia foi tamén a editorial que deu a coñecer novos nomes das nosas letras como Xosé Luís Franco Grande, Xohana Torres ou María Xosé Queizán, esta última unha das persoas que enriquece este capítulo co seu testemuño.
A cuarta das seis entregas de 'Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu' conta tamén coa participación de Malores Villanueva, Xesús Alonso Montero, Camiño Noia, César Cunqueiro, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás, Francisco Castro, Margarita Ledo e Víctor F. Freixanes.