Amosando publicacións coa etiqueta concursos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concursos. Amosar todas as publicacións

18/05/24

Entrega dos premios Letras Galegas do IES Monelos

O xoves 16 de maio fixéronse entrega dos premios Letras Galegas convocados polo EDLG do Centro.

Alejandro Lorenzo Naya  de 1º de bacharelato gañou o concurso na modalidade de narrativa na categoría 4º de ESO e Bacharelato.

Elena Álvarez-Azurmendi Gutiérrez de 2º de ESO gañou o concurso de Galego con Ciencia na categoría de 1º e 2º de ESO na súa 4ª edición.

O director, Antón Orosa, fixo entrega dos premios.

Parabéns aos gañadores!

Alejandro Lorenzo Naya gañador do premio de narrativa na súa categoría

 

Elena Álvarez-Azurmendi Gutiérrez gañadora do premio de ciencia na súa categoría

13/05/24

Concurso Letras Galegas IES Monelos 2024

O xurado composto polos profesores e profesoras Antonio Frade Fraga, Marta Rafael Balsa e Mar Rodríguez decidiron conceder o premio na categoría de 4º de ESO e Bacharelato na modalidade de narrativa do concurso das Letras 2024 convocado polo EDLG do IES Monelos ao alumno de 1º de bacharelato Alejandro Lorenzo Naya polo seu relato titulado "Malo será".

Tal como queda establecido nas bases do concurso a continuación publicamos o relato gañador en Cotarelo.

 Malo será

Comezaba un novo día, e con el a resaca e o cansazo dunha interminable noite de San Xoán. Paseabas por Riazor e o Orzán e vías as fogueiras, xa sen brasas, as botellas de alcohol e algún que outro borracho que aínda permanecía na praia. A noite de San Xoán dá comezo ao verán, a mellor estación do ano, xa que non hai escola, pero sobre todo non hai exames, así que podes facer o que queiras. É unha época feliz. Ou iso cria eu, mentres vía o branco, frío e triste corpo,sen vida, do meu mellor amigo Samuel.

El mirábame, mentres estaba deitado boca arriba sobre unha prancha de metal situada dentro dun cuarto frío. Eu, parado ao seu carón, só podía pensar en como chegara a esa situación, se só pasaran unhas horas desde que falei con el.

Por fin rematou o curso, e para celebralo, Samuel e mais eu decidimos vernos ao día seguinte no parque de Oza, como é habitual. Para nós é tradición reunirnos nese parque para charlar, ademais, agora puxeran uns bancos e xa non tiñamos que sentar no chan. Cando cheguei á casa amoseille as notas á miña familia, non sabía como pero aprobara inglés, recoñezo que son terrible e non me gusta nada. Grazas a que pasei todo, meus pais deixáranme ir cos meus amigos en San Xoán. Oxalá viñese Samuel!, pero seguro que non vén. Xa que temos pensado ir á praia de Riazor para queimar todos os apuntes deste ano, teño moitas ganas de queimar os apuntes de lingua castelá, porque estou farto de Bécquer e das súas rimas e lendas ata os narices, deberían facer esa materia como optativa e non como troncal.

Era ese mesmo día pola noite, non podía durmir, así que decidín poñerme a mirar Instagram, para a miña sorpresa atopei unha foto de hai uns meses de Samuel e a súa actual ex-moza Sofía. Mirei para ela e só puiden sentir compaixón polo meu amigo, xa que a súa moza lle foi infiel en reiteradas ocasións, ela intentou negalo todo, pero decatámonos da mentira. Despois diso, Samuel entrou nunha depresión, da que tardou varios meses en saír.

Estiven presente en todo momento, desde que Samuel se deu conta da infidelidade ata que volveu a ser el mesmo. Tentei axudalo, aínda que nunca tivera parella e non entendía, de primeira man, ese sufrimento amoroso; pero nunca usei a psicoloxía das películas para darlle consello. Non sei se era a mellor opción, pero expliqueille repetidas veces que deixase ir o que non pode controlar, que deixase ir a Sofía. Ninguén cambia se non recoñece un problema. Deixa de esperar cousas que simplemente non che queren dar, explicacións, o final da relación, desculpas... Xa que haberá momentos nos que soamente ti terás que avanzar. Pero sobre todo, recalqueille que ás veces o final é un comezo que soamente ti podes trazar.

Ao principio, non o entendía, non entendía que tiña que deixala ir, que el lle estaba facendo dano. Samuel só pensaba en Sofía, non podía quitala da cabeza. Mentres ela deixara de pensar nel hai uns meses. Co paso do tempo, Samuel mellorou, comprendeu que o amor non é como o das películas, que ten os seus pros e contras, que cada rapaza é un universo. Cando foi final de curso sentíase xenial, deixara atrás os seus demos do pasado, xa non pensaba en Sofía e volveu lucir feliz, con aquel fermoso sorriso de orella a orella.

Cando quedei con el no parque, vino pálido, coma se vise a Raskolnikov matando aquela anciá no seu apartamento de San Petersburgo. Comecei falando do fin de curso e do que nos agardaba o vindeiro curso en segundo de bacharelato, ou como lle chamamos nós, o ano da solución final. Samuel non parecía moi contento, pero parecía que pouco a pouco ao longo da conversa se animaba un pouco máis. Eran as dezanove horas cando, ao lonxe, vimos pasar a Sofía, levaba un vestido negro moi axustado, pero que lle quedaba marabilloso, un bolso vermello cereixa e uns tacóns negros, que dubido moito que durasen a noite de San Xoán. Nese momento mirei para Samuel, estaba contento, tiña un sorriso radiante, propio dunha persoa feliz consigo mesma. Por fin deixouna ir.

Despois as vinte horas separámonos.  El marchou para a súa casa, xa que non quería ir de festa, e eu fun para a miña casa, para cambiarme e saír cuns amigos.

Ás cero horas atopábame dándoo todo coa canción do Mundial de fútbol de Sudáfrica, todo isto fíxeno acompañado duns holandeses. Era unha noite marabillosa de xuño, case non había vento, e o que había era un pracer para o corpo, o ceo estaba despexado e non houbese altercados durante a noite Todo o mundo estaba pasándoo de morte, ata Samuel.

Samuel morreu o 24 de xuño ás cero horas e trinta minutos, mentres durmía. Tomara quince somníferos da súa nai, que non se decatara de que llas roubara. Isto provocoulle unha convulsión moi grande que o levou a un fallo de órganos múltiples, pero non se decatou, atopábase profundamente durmido, por desgraza, un soño do que nunca espertará.

De todo isto decateime cando volvía da festa. O pai de Samuel chamoume, contoume o que pasou. Cando cheguei ao CHUAC, deixáronme ver o corpo do meu mellor amigo. Cando o vin todo o que puiden pensar foi por que o fixo. Virao non hai moito tempo, e estaba feliz, volvía a ser o mesmo de antes. Non entendo por que non dixo nada, despois de todo éramos amigos. Podería axudalo, aínda que non fose moito, pero iso era mellor que nada. Tamén podería pedir axuda aos seus pais, para iso están, non si? Se non aos seus pais, a un psicólogo para iso estudaron, para axudar a xente cos seus problemas a través das palabras. Nese momento veu á miña cabeza una cousa que nos contara a nosa profesora de filosofía, Chiruca. Ela explicounos que a esencia do ser humano é dinámica, non estática. Somos un fluxo constante de leccións e experiencias. É dicir, cada momento presente é unha oportunidade para moldear a nosa identidade e o noso destino. En cada momento podemos elixir ser algo diferente ao que fomos. Mentres haxa unha posibilidade de vida, hai unha posibilidade de redención. Pero por que escoller ese destino?

Foi aí cando comprendín que ninguén podía acompañalo no seu sufrimento. En vez de pedir axuda, refuxiouse en si mesmo, crendo que se podía curar a un mesmo, sen axuda de ninguén.

Despois de estar un tempo na morgue, decidín ir falar cos seus pais. No momento en que saín de alí parei, mirei cara atrás e mirei por última vez ao meu mellor amigo, nese momento lembreime daquel poema de Jorge Manrique que dicía “Nuestras vidas son los ríos, que van a dar a la mar que es el morir”, porén o río de Samuel chegou ao mar demasiado pronto. Déronme unha nota que Samuel tiña na man cando o atoparon, que dicía: "Por fin, xa son feliz". Cando o lin púxenme a chorar. Acababa de entender por que Samuel estaba tan feliz,el entendera que a morte era a súa única saída e que tería que morrer para ser feliz. Se o soubese non o deixara ir para a casa, arrastraríao se fose necesario para que non chegase. Falando con el, dicíndolle que non pensase en suicidarse, iso podería impedilo, ou quizais non, pero era mellor pensar iso que asimilar que o meu mellor amigo, ao que levaba máis de dez anos vendo todos os días, estaba morto.

Xa pasara unha semana dende que o enterraron. Non quería saír da casa e tampouco quería que os meus amigos viñeran a visitarme. Nun momento dado, cando xa non podía pensar, pola tristeza, mirei Instagram e volvín ver a foto de Samuel e Sofía. Foi nese momento, mirando a foto, cando levantei a cabeza e dixen para min: "Soamente eu, poderei avanzar".

Alejandro Lorenzo Naya (1º de Bacharelato)

11/05/24

Unha ducia de finalistas da XI edición dos Premios Martín Códax da música galega

O vindeiro mércores 15 de maio entréganse no Pazo da Cultura Pontevedra os galardóns da undécima edición dos Premios Martín Códax da Música, unha festa dirixida por Xurxo Souto que promete ser “unha gran celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea”. Velaquí unha mostra da calidade e variedade da escena galega actual, con algunhas das bandas e artistas finalistas.

Información en Praza Pública


 

26/04/24

Lavandeira

 Vídeo presentado polo IES Monelos ao concurso Cinema na escola organizado polo Concello da Coruña.

Actúa alumnado de 1º de ESO

 

01/04/24

4ª EDICIÓN DO CONCURSO “GALEGO CON CIENCIA” ORGANIZADO POLO EDLG DO IES MONELOS

BASES E OBXECTIVOS 

1. Poderá participar todo o alumnado matriculado no IES Monelos no curso 2023-2024. 

2. O obxectivo do concurso é fomentar o emprego da lingua galega naquelas materias nas que o galego non é a lingua vehicular na ESO (bioloxía, física e química, matemáticas, tecnoloxía, informática). Tamén preténdese que alumnado acade unha mellora no seu rendemento académico. 

3. O concurso durará 4 semanas. Empezará na semana do 15 de abril de 2024 e rematará na semana do 6 ao 10 de maio (coincidindo coa semana das Letras Galegas). 

4. O concurso terá tres niveis: 

• 1º e 2º de ESO. 

• 3º e 4º de ESO. 

• Bacharelato. 

5. Tódalas semanas en que haxa concurso, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, fará públicas dez preguntas, por cada unha das modalidades, relacionadas coas materias citadas na base segunda desta convocatoria. Estas deberán ser contestadas polo alumnado participante, antes das 14 horas do venres correspondente. 

6. O concurso será eliminatorio, organizado da seguinte maneira: 

• Durante a primeira semana (15 ao 19 de abril) poderán continuar participando o alumnado que acerte polo menos sete das dez cuestións formuladas. 

• Na segunda semana (do 22 ao 26 de abril) poderán continuar participando o alumnado que acerte polo menos oito das dez cuestións formuladas. 

• Na terceira semana (do 29 de abril ao 3 de maio) poderán continuar participando o alumnado que acerté polo menos nove das dez cuestión formuldadas. 

• Na derradeira semana (6 a 10 de maio) poderán ser gañadores unicamente os que acerten todas as cuestión formuladas. 

 7. O cuestionario será publicado na web do instituto e no blog do equipo de dinamización www.cotarelomonelos.blogspot.com 

 8. O alumnado deberá responder (accedendo a través da web do instituto ou do blog do EDLG) ao formulario editado en google.docs. Nel indicarase o seu nome, apelidos, curso e grupo. É importante comprobar as respostas antes de contestar. En caso de que un concursante envíe dúas ou máis respostas só será admitida a primeira. 

9. O primeiro día lectivo de cada semana en que dure o concurso, farase público na páxina web e no blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e na web do instituto, o alumnado que continua no concurso nos seus diferentes niveis. 

10. Para a elaboración e selección de preguntas, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega contará co asesoramento dos departamentos citados na base segunda desta convocatoria. 

11. Haberá dous premios únicos por cada nivel: 

• 1º Premio contará cun vale que se poderá intercambiar na cafetería do centro Alfredo’s Bar. 

• 2º Premio contará cun vale que se poderá intercambiar na cafetería do centro Alfredo´s Bar. 

12. En caso de empate de gañadores a última semana o desempate farase do seguinte xeito: 

a) Maior puntuación nas tres semanas previas. 

b) De persistir o empate realizarase un sorteo sobre os que teñan igual puntuación máxima, tanto para o primeiro como o segundo posto. 

12. A participación neste concurso suporá a aceptación destas bases. 

Resultados finais

Accede ao cuestionario da 4ª semana (do 6 ao 10 de maio):

 


31/03/24

BASES DO CERTAME LITERARIO DAS LETRAS GALEGAS DO IES MONELOS 2024

Luísa Villalta. Letras Galegas 2024

PRIMEIRA.- Poderá participar neste certame calquera alumna/o matriculada/o no IES Monelos durante o curso 2023-2024. Para este concurso estableceranse dúas categorías: -1ª Categoría (1º, 2º e 3º ESO). -2ª Categroría (4º ESO e Bacharelato). 

SEGUNDA.- Cada participante de cada unha das categorías poderá presentar unha proposta a calquera das dúas modalidades: Poesía e Narración breve. - Modalidade de poesía: presentaranse dous poemas como mínimo, de tema e forma libres. - Modalidade de narración breve: a extensión máxima será de cinco páxinas por unha soa cara e o tema libre. 

TERCEIRA.- Os traballos estarán escritos en lingua galega e deberán ser orixinais, inéditos e non premiados. 

CUARTA.- Deberán estar escritos con ordenador, en tamaño A4, espazamento entre liñas simple e tamaño de letra 12; paxinados e sen asinar. 

QUINTA.- Os traballos presentaranse por correo electrónico enviándoos á dirección endliesmonelos@gmail.com. No asunto figurará o PSEUDÓNIMO do autor. No corpo do texto figurarán o PSEUDÓNIMO, TÍTULO DA OBRA e MODALIDADE. Enviaranse dous arquivos adxuntos en PDF. O primeiro deles coa ficha de inscrición do concursante sinalando o seu nome, apelidos, idade e curso; no segundo arquivo irá o traballo que levará o PSEUDÓNIMO e o TÍTULO da obra. 

SEXTA.- Haberá un premio por modalidade, aínda que o xurado poderá declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos traballos presentados. O importe dos premios será de: Modalidade de poesía 

1ª categoría: vale de 30 €. Modalidade de narración breve 

1ª categoría: vale de 30 €. Modalidade de poesía

2ª categoría: vale de 30 €. Modalidade de narración breve

2ª categoría: vale de 30 €. 

 SÉTIMA.- O prazo de entrega de traballos comeza o 8 de abril e remata o día 3 de maio de 2024. 

OITAVA.- A composición e o fallo do xurado darase a coñecer 13 de maio de 2024. 

NOVENA.- A organización do Certame publicará os traballos premiados na revista dixital do EDLG do IES Monelos Camiño do Corgo. Tamén poderán ser publicados algúns traballos non premiados se o xurado o considera oportuno. 

DÉCIMA.- O xurado e a organización do certame están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante a aparición dalgún imprevisto non recollido expresamente nas presentes bases. A participación neste certame implica o coñecemento e a aceptación íntegra destas bases.

15/02/24

Concurso día da muller e a nena na ciencia (11 de febreiro) e día internacional da muller (8 marzo)

BASES DO CONCURSO 11 DE FEBREIRO DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA E 8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 

O EDLG e a biblioteca Nautilus do IES Monelos organiza un concurso no que pode participar todo o alumnado do instituto. O concurso comezará o xoves 15 de febreiro e rematará o venres 8 de marzo. Dito concurso consistirá en atopar o nome de 21 mulleres relacionadas co mundo da ciencia en Galicia (física-química, bioloxía, farmacia, medicina, matemáticas, tecnoloxía, informática, etc) A información sobre estas personalidades será publicada páxina web do instituto no apartado de departamentos e en concreto no de normalización durante estes días con algún aspecto biográfico delas. 

 BASES 

1. Dirixido a todo o alumnado do centro establecéndose unha única categoría.

2. Para poder participar e necesario cubrir un formulario que estará publicado na páxina web do instituto no departamento de normalización e no blog deste equipo: cotarelomonelos.blogspot.com.

3. Gañarán todas aqueles formularios que acerten o nome de todas as personaxes femininas. 

4. Só se concederán ata 5 premios. En caso de haber máis acertantes farase un sorteo público para indicar quen son eses cinco gañadores. 

5. O premio consistirá nun vale canxeable por 5 bocatas e bebida na cafetería Alfredo’s Bar do instituto.

 Responde o cuestionario

29/01/24

14/01/24

Bases do concurso día da paz 1º ESO (30 de xaneiro)

 

1. O concurso está organizado pola materia de Xeografía e Historia de 1º de ESO coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro. 

2. O obxectivo do concurso sensibilizar ao alumnado nos valores da xustiza e da paz, implicándoos na resolución de conflitos de forma pacífica, partindo da súa realidade cotián e dos problemas de convivencia que existen no orde mundial. 

3. No concurso participará todo o alumnado de 1º de ESO. O traballo terá carácter obrigatorio dentro da área de Xeografía e Historia. 

4. A proba consistirá na elaboración dun cartel relacionado co tema do día da paz e da non violencia. 

5. Os carteis quedarán expostos nos corredores do instituto durante o mes de febreiro de 2024. 

6. O xurado estará formado por un representante dos departamentos de xeografía e historia, lingua galega, educación plástica e visual; o representante do equipo de dinamización da lingua galega e vicedirección. 

7. Tamén haberá un xurado popular formado por todo o alumnado do centro. 

8. A entrega dos carteis realizarase antes do 29 de xaneiro. 

9. O mércores 1 de febreiro o xurado reunirase no 1º recreo para deliberar e outorgar os premios aos carteis gañadores. 

10. O xurado popular votará ao longo de toda a semana (do mércores 31 de xaneiro ao venres 2 de febreiro) polo cartel que considere mellor. 

11. Haberá un gañador e un segundo clasificado que terán premio. Por outro lado o xurado popular (alumnado) concederá un único premio ao máis votado. Os premios consistirán: • O primeiro premio dun vale de 5 bocadillos e bebida • O segundo premio dun vale 3 bocadillos e bebida canxeable na cafetería do instituto. Un agasallo por parte do xurado popular tamén canxeable na cafetería do instituto.

21/12/23

Entrega dos premios do concurso de videos de física e química en galego

 O 21 de decembro realizouse a entrega do concurso de videos de física en galego.

Primeiro premio Marcos González Rocha

Segundo premio  Daniel Rey Rodríguez

Finalista Uxía Seoane Lage

 

19/12/23

III Concurso de experimentos de física e química en galego

1º premio: Marcos González Rocha (4º ESO): Densidade

 

2º premio: Daniel Rey Rodríguez (4º ESO): A pila de ácido cítrico

 

Finalista: Uxía Seoane Lage (4º ESO): Experimentos sobre a extensión superficial

13/12/23

Corografíate 2023

Este é o vídeo que presentaron as alumnas de 1º de ESO no concurso Coreografíate que organiza a Asociación Socio-Pedagóxica Galega baseado nun tema dunha exalumna do centro que se chama Hydn e a súa proposta Dáche igual

Non gañamos pero aí tedes o resultado!

Grazas polo traballo de todas!


25/11/23

Gañadoras da II edición do concurso Relatos de Terror IES Monelos

As alumnas Inés Insua Puente (2º ESO B) co relato "A pantasma do lago"  e Marta Souto Naveira (3º ESO A) co relato "A miña historia" foron as gañadoras do segundo concurso de relatos de terror do IES Monelos que organiza a Biblioteca e o EDLG do centro. Parabéns ás gañadoras e moitísimas grazas aos participantes.

 A PANTASMA DO LAGO (Inés Insua Puente 2º ESO B)

 - Conta a lenda que no parque que hai ás aforas desde mesmo pobo morreu unha muller hai moitos anos, perseguida por uns gardas. Supostamente roubara ouro porque era pobre pero a illaron e os gardas comezaron a perseguila. Cando estaba no bosque xirouse para ver canta vantaxe lles levaba aos seus perseguidores pero tropezouse e caeu. Desgraciadamente abaixo había un lago, nesas épocas de xaneiro case xeado. A moza caeu nel e como non sabía nadar e a auga estaba moi fría, morreu cos gardas mirándoa en vez de axudala. Esa mesma lenda conta que a súa pantasma mora por ese lago para vingarse deles e mata a todo aquel que se acerque ao lago.

 

- Si, oh, quen vai crer iso? Espera Nico, estás temblando? En serio o cres?
- Poiss, ehh, non pero é que da moito medo...
- Ti es un caguica, xa ch digo eu que o inventaron uns nenos cando se aburrían. De onde sacaches a historia, David?
-Non sei, contouma un compañeiro de clases.
-Pois vaiamos alí, ao lago , a ver se é verdadeira a historia.
- Ari, ti estás tola? Como imos ir alá? Non nos deixan nin acercarnos ao bosque.
- Pero ás agachadas imos. Non íamos quedar a durmir na miña casa esta finde? Pois imos pola noite. Ademais é xusto a noite de Samaín.
- Si, de noite, aínda menos, dame medo a historia, non che digo o lugar.
- Veña, Nico, que che acompañamos. Que dicides vos, David Clara?
- Non sei, a verdade que dame un pouco de medo pero tamén teño curiosidade. Supoño que por min si.
- Xenial Clara, por iso es a miña mellor amiga. Ti que dis, David?
- Eu vou se ides todos.
- Moi ben, Nico, faltas ti.
- Pe-Pero
- Nico porfiii...
- Ahh Clara non me mires así, ehh, aishn, vale, irei pero como moito unha hora.
- SIIIIIIII!
É así como decidiron os catro nenos ir a se bosque pola noite. Esta cuatripiña estaba formada por Nico, o máis pequeno do grupo (tiña 12 anos); era bastante medoso pero alegre e creativo. Tamén estaban Clara e David, que eran irmáns. Clara tiña 13 anos era bastante hiperactiva pero algo terca. Dani, o maior con 15 anos, tranquilo e intelixente. Por último Ariadna, tamén con 13 anos e bastante enerxética e atrevida.
E así chegou. Xa o tiñan todo preparado, ata conseguiron convencer á irmá pequena de Ari para que non dixese nada a os seus pais.
-Bueno, xa son as doce e media e media e os meus pais xa están durmindo, ímonos?
- Seguro que imos facelo? Non queredes facer un cambio de última hora?
- Que non Nico, imos. Todos tedes a mochila? Pois a diante.
Os catro saíron da casa e colleron cadansúa bici. Pedalearon ata chegar as últimas casas o carón do bosque. Aí as deixaron e colleron dúas lanternas e comezaron a internarse no bosque. Para non perderse, Nico levaba unha voa de fío que enganchara na primeira árbore e que deixaba caer todo o tempo . Así estiveron buscando o lago 20 minutos sen atopar nada.
-Xa levamos 20 min non atopamos nada, e se nos imos?
- Pois a verdade, Nico é que si me aburro un pouco. E ademais os pais de Ari poden espertar en calquera momento.
- Aggh, non sei. Dani ti tamén queres irte?
- Eh... A verdade é que si, teño un pouco de sono.
- Bueno... Vale pero solo 5 min máis porfa.
- 5 min e ímonos, vale Ari?
- Siiii, aproveitémolos.
Xa pasaran 5 min e non atoparan o famoso lago. Estaban por irse cando...
-Que foi ese son?
- Que dis Nico? Eu non escoito nada.
- Cala, Ari, e escoitade todos.
-... Eu non escoito nada.
- Nin eu. Será mellor ir a casa, seguro que estás canso.
Nico agarrou a Clara polos ombreiros, xa que era a única que non falara e preguntoulle a ela.
-Clara, ti si o escoitaches non?
Pero Clara non respondeu. Estaba a mirar a detrás dos outros tres. Como xa imaxinaredes que pasará, os tres xiráronse a ver o que estaba mirar Clara cos ollos como pratos. E o que viron foi unha luz branca acercándose lentamente.
-AHHHH SEGURO É A PANTASMA DA SEÑORA QUE VEN A POR NÓS!!!!
- Relaxa Nico, seguro non é nada...
Cando Ari xirouse para tranquilizar ao seu amigo viu como os demais saíran correndo aterrorizados. Non lle quedou outro remedio que correr detrás deles.
-Que facedes!? Parade un pouco! Escoitádesme!?
Máis ninguén lle respondeu ata que se cansaron de correr e sentaron os tres a carón dunha árbore. Ari quedou de pé mirándoos.
- En serio criades que iso era a pantasma? Sería calquera cousa, non vos asustedes.
- Ehh, ao mellor si que nos pasamos un pouco, síntoo Ari.
- Home grazas David. Será mellor que volvamos a casa. Nico, dame o fío.
Nico púxose pálido e calou.
-Nico? Tes o fío non?
- Pois...ehh... Pode que se me caese co susto.
-NICOO! E agora que facemos? Como saberemos por onde ir?
- Non si, vale? Non s...
A resposta do asustado neno quedou afogada por uns ladridos. Xa non lles deu tempo a gritar cando un can apareceu correndo ata eles. Nada máis alcanzalos comezou a lamberlles a cara.
-E agora de onde sae este can?
- Será de alguén?
-Si, Clara, non ves que ten un colar?
Dito isto David apuntou coa lanterna ao pescozo do can e efectivamente, había un colar.
-Pon... Firulais, que nome máis curioso.
-Ese é, nenos, o meu can.
Todos se xiraron cando soou unha voz grave e masculina detrás deles. Aí estaba un señor duns cincuenta anos apuntándoos cunha lanterna.
-Eu son o gardabosques. Saístes antes correndo me vistes.
- Ostris, non era a pantasma. E ti que fas aquí e de noite?
- Iso mesmo debería preguntarvos a vós. Entrei no bosque co meu can cando escoitei voces e resultou que fostes vós. Será mellor que vos vaiades antes de que se me ocorra preguntarvos algo. Sabedes por onde se sae non?
- Pois andamos un pouco perdidos, é certo.
- Xa vexo. Seguide por aí un pouco e veredes unha pasarela de madeira. Ides por alí e xa está a saída por onde entrastes. Eu vou por outro lado vale?
- Moitas grazas de verdade. Adeus.
- Ata pronto pero non volvades outra vez pola noite. Nin eu ata hoxe vin nunca pola noite, é perigoso.
-Valee.
E seguindo os pasos do gardabosques, saíron do bosque, colleron as bicis, e axitados, volveron á casa de Ariadna a durmir. Mentres eles volvían a casa, o gardabosques tamén facía o mesmo, pero, de súpeto, Firulais comezou a ladrar como tolo. Non paraba d mirar a detrás del.
-Firulais, que pasa?
Non rematara a pregunta cando este saíu correndo na dirección que miraba. O gardabosques ía saír detrás del para evitar perdelo pero sentiu unha persoa en fronte del, na dirección contraria na que saíra correndo Firulais. A persoa semellaba unha muller vestida con roupas antigas. Estaba mollada e emitía unha especie de aura branca. Detrás dela, como se saíse da nada, había un lago.
-Boas noites, está perdida ou algo?
A muller seguiu acercándose sen dicir nada. O gardabosques, xa un pouco asustado, comezou a retroceder, pero cando a muller xa case estaba pegada a el, tropezou e caeu. Pola dor no pé, gritou, pero a muller chegou ata el. O bosque quedou en inmediato silencio.

 

A MIÑA HISTORIA (Marta Souto Naveira 3º ESO B) 

Ola, son Carmen e esta é a historia da miña vida. Son médica forense, máis ben, era. Levo de baixa cerca de dous anos e non hai moito máis de tres semanas que saín do centro psiquiátrico dende o que ocorreu. Non me vin capaz de contarlle esta historia a ninguén ata agora. Miña nai e meu pai levan sen dar sinais de vida desde que me metín nesta carreira porque eles consideraron que o traballo non era para min e ademais eles sempre desexaron que eu quedase coa súa empresa de aluminios, pero eu sabía que ese traballo xamais me enchería, xa que, sempre fun a lista da miña clase, a que sacaba as mellores notas e eu confiaba en que podía chegar moi lonxe. Pero esa confianza desapareceu despois de que me contratasen no peor hospital da cidade, unha oportunidade que tiven que aceptar porque ofrecíanme un bo salario e quedábame preto da casa. Creo que xa estou preparada para contar todo isto, así que, aviso de que esta historia non é apta para xente sensible. 

O meu traballo non serve para todo o mundo. En xeral, a sanidade non está feita para todas as persoas. A xente sensible non podería ser capaz de traballar nun hospital e moito menos de tratar con pacientes. Eu sempre me interesei polas ciencias, concretamente encantábame a anatomía e o corpo humano pero sabía que non sería capaz de tratar con xente enferma todos os días. Así que non atopei outra alternativa que facerme médica forense. Moita xente non sabe en que consiste este traballo pero eu non teño problema en explicalo. Cando una persoa falece, ás veces non se sabe con total seguridade as causas da súa morte, así que realízase una autopsia que consiste nunha inspección de todas as partes do seu corpo para descubrir cal fallou. Non sinto nin padezo cos meus pacientes, ao final é xente que xa faleceu, aínda que ás veces cando resolvo o misterio da súa morte, entristéceme sobre todo cando xente moi nova morre por un cancro que non sabía nin que tiña ou por enfermidades raras. 

Todo ocorreu a noite do Samaín. Tiña garda e iso xa fastidiara todos os meus plans para esa noite. A verdade é que nesta época do ano as mortes sempre se multiplican. Non hai una estadística fixa pero pola miña experiencia pódovos asegurar que o 80% destas son infartos. Podería chegar a entendelo, ao final o obxectivo de moita xente nestas festas é asustar a outros, pero moi forte ten que ser o susto para provocarlle a morte a unha persoa. A ver, que me enredo. Esa noite chegaran 7 cadáveres. Eran 4 mozas e 3 mozos. Decidín facer as autopsias pola orde de chegada. 

A primeira era una moza, morrera aos 34 anos. A autopsia era só para confirmar a súa hemorraxia cerebral despois dun accidente automovilístico. E efectivamente, abrín co bisturí e a simple vista xa se viu o que se esperaba. 

O segundo era un mozo. Tiña posto un disfrace de esqueleto, e víase que chegara xa morto porque non lle sacaran nin a roupa. Aquí poñía que a súa morte fora causada por un tiroteo, nun centro comercial moi próximo ao hospital, do que esperaba recibir moitos casos, pero viuse que a maioría foron directamente para o depósito. Volvendo ao mozo esqueleto, quedei un pouco mirando para el porque non entendía porque me mandaran o corpo se xa se imaxinaban a causa da súa morte. Non lle dei moita importancia porque si que é verdade que ás veces as familias piden autopsias porque non cren aos médicos ou porque queren una segunda opinión. Collín o bisturí e xusto cando ía comezar, soou o teléfono. Era o meu xefe. Saquei rapidamente as luvas e collín. 

Despois de case 20 minutos ao teléfono, resultou que o corpo que tanto tempo levaba esperando a miña autopsia, non a precisaba. Tiña que ir tamén directamente ao depósito. Disque ao ser Samaín, chegara moita xente disfrazada e o que precisaba a autopsia era outro home esqueleto, non este. En 2 minutos, chegou o outro corpo e levaron este. 

Agora si, collín outro par de luvas e púxenme mans á obra. Collín o bisturí e comecei a facer a primeira incisión… Non podía ser. O silencio da sala viuse interrompido por un berro. Un berro que facía estremecerse a calquera que o escoitase, que expresaba unha dor inhumana e que estaba sufrindo moito. Quedei paralizada. Tremíanme as mans como xamais tremeran, non sabía que facer. O home que tiña enriba da mesa non estaba morto, estaba máis vivo ca mín e seguía gritando da dor. Cando realizamos unha autopsia facemos incisións sen medo, case cos ollos pechados. Acabáballe de rasgar varios órganos a ese home e aínda así seguía vivo, despois de todo. Non sabía que facer. Seguía alí, quieta, mirando para a súa cara de sufrimento. Tremíanme as pernas, as mans e varios calafríos atravesáronme durante varios minutos. Non tardou en comezar a encharcarse o chan co seu sangue. Ou reaccionaba ou agora si que ese home ía morrer e eu ía ser a culpable. 

Por fin reaccionei. Tiven que chamar aos médicos de garda porque eu non tiña nada para salvarlle a vida a ese home. Agora o problema era que ninguén respondía. Corrín o máis que puiden ata o quirófano máis cercano. Eu estaba no último andar e o meu destino na primeira. Metinme no ascensor e agardei ata chegar. Baixei empurrando a padiola con todas as miñas forzas. O sangue seguía caendo daquel corpo que seguía con vida, ninguén se explica como. Estaba moi asustada, case non me acordaba como andar. Aquel home seguía berrando. 

Cheguei ao quirófano. Parecía non haber ninguén. Collín uns panos que atopei por alí e fixen presión sobre o corpo para que a hemorraxia parase. En canto o home seguía berrando, cada vez menos e menos porque o seu osíxeno remataba lentamente. Escoitei un ruído. Os gritos cesaron e comezaron a escoitarse os pasos dalguén. Esperaba ansiosa que fora alguén que viña ao meu rescate, pero creo que estaba equivocada. 

Eu seguía facendo presión pero estaba sudando dos nervios. Case non era capaz de sosterme de pé. Viuse unha sombra ao lonxe e cando estiven a punto de ver quen era o home esqueleto perdeu o coñecemento. Intentei atoparlle o pulso e non había. Comencei a reanimación, ao final eses cursos de primeros auxilios sempre serven para algo. Ía necesitar un desfibrilador. Xa era incapaz de facer forza, íame debilitando a medida que pasaban os segundos e a miña cabeza podía estoupar en calquera momento dos nervios e o medo que estaba pasando. Como xa dixen non me gustaba tratar con pacientes e moito menos gustábame o Samaín. 

Non tardei en descubrir quen se escondía detrás daquela misteriosa sombra. Era unha muller, de baixa estatura, pelo castaño e que tiña un aspecto moi malo. A súa roupa estaba rota por todos lados e non tardei en ver todas as feridas que tiña no seu corpo. Nada máis vela entrei en pánico. Aquela muller case non se sostiña de pé e eu non podía axudala. Pero centreime nela. Facíaseme coñecida. Quedou paralizada cando viu o charco de sangue que había baixo os meus pés e ao ver a ese home sobre a mesa co abdome aberto e en paro cardíaco. Ela aproximábase cada vez máis a onde estábamos nós e cando viu a ese home o primeiro que fixo foi sacarlle a máscara que tiña posta na cara. Os ollos daquela moza abríronse como pratos e de alí a uns segundos botou a chorar. Eu tratei de consolala pero quedara petrificada, tirada no chan chorando desconsoladamente ao lado dun charco de sangue. Esa era a situación actual: unha muller que non reaccionaba, non falaba e non paraba de chorar e un home ao que vín por primera vez a cara que tamén se me facía coñecido e ademais se desangraba. Ambos estaban a un paso da morte, o home non paraba de sangrar e a muller íase deshidratar. E volvín a quedar paralizada. Esta vez o medo era moito maior e as preguntas daban voltas na miña cabeza: quen eran aquelas persoas e porque se me facían coñecidas? Que facía aquela muller no quirófano? Por que non paraba de chorar? Como chegara ese home vivo a unha autopsia? 

Volvín escoitar pasos, pero esta vez eran de xente que viña ao meu rescate. Por fin recibirán as miñas chamadas. Entraron varias enfermeiras e tres médicos aínda que non foron suficientes para aqueles dous individuos. Déronme as grazas, aínda que non había nada que agradecerme. Fora unha covarde e unha medrosa. Se aquelas persoas morrían era todo culpa miña. Volvín á sala de autopsias porque aínda me quedaban outros 5 corpos por intervir. O resto da noite foi moi tranquila. Eu quedei traumatizada e fun con moitísimo coidado pensando que agora todos eses corpos ían estar vivos. Acabei o traballo rápido, tiven sorte de encontrar as causas das súas mortes case á primeira. 

Chegara a hora de irme. Eran cerca das oito da mañá e quedaba media hora para que entrase a compañeira do turno de mañá. Ducheime por segunda vez esa noite e púxenme a miña roupa. Fun ao lavabo a lavar os dentes e aproveitei para peinar o pelo. Ao mirarme ao espello deime de conta que aínda restaba unha pequeña marca de sangue ao lado do meu ollo dereito. Limpieina, pechei a porta con chave e marchei. Entrei no ascensor e alí estaba o meu xefe xunto cos compañeiros que intentaran salvarlle a vida a aquelas persoas. Que cruel é o destino ás veces. O meu superior comentoume que xa soubera da noticia, que se compadecía comigo e que eu non tiña a culpa. Eu sabía que no fondo sí que a tiña, porque a carreira de medicina tiven que facela antes de especializarme e eu sabía como tratalo pero o meu medo xogoume unha mala pasada. Tamén me comentou que ambos estaban estables e que a muller preguntara por mín e eu non estaba preparada para facerlles unha visita, así que deille as grazas pola información e marchei para a casa. 

A noite seguinte volvía a ter garda. Era o último día da semana e como todos imaxinades era 1 de Novembro, o día dos defuntos. Esa noite custoume moito traballo aturar. Aínda que tomara varios vasos de café, non durmira nada desde había máis de 24 horas. Os pensamentos non desaparecían da miña cabeza, a culpa non se ía e tamén seguía tendo pendente a visita a aquela parella. Eu mesma sacara a conclusión de que aqueles dous individuos eran un matrimonio porque o sufrimento daquela muller era digno de padecelo por alguén que tes moitísimo medo a perder. Aquela garda foi moi tranquila. Sorprendentemente chegaron só tres corpos e ningún estaba vivo. 

Agora si, a noite acabara e esa visita que levaba atrasando varios días tivo que ocorrer. Fun á segunda planta, que era onde estaban os casos de cirurxía xeral. No mostrador, preguntei por eles. Non sabía como se chamaban pero a enfermeira nada máis verme sabía por quen preguntaba. Os rumores nos hospitais expándense moi rápido. 

Cheguei á habitación 228. Alí supoñíase que estaban eles. Armeime de valor e petei na porta. A verdade é que non estaba ao 100% segura de que estivese preparada pero a curiosidade matábame. Escoitouse unha voz de muller, moi baixiña, dicindome: ‘pasa’. Acatei a orde e abrín a porta. Alí estaban. Cada un nunha padiola, ela con mellor aspecto e el parecía outra persoa. Nada máis verme aquela muller levantouse, miroume de arriba para abaixo e preguntou: 

-Carmen, es ti? 

Non entendía nada. Eses homes con caras tan coñecidas sabían o meu nome. É verdade que calquera persoa llelo puido dicir pero non sei porque deume un presentimento. Respondín: 

-Como sabedes vós o meu nome? 

O home aclarou a gorxa, suspirou e contestou: 

-O teu nome, díxonolo unha enfermeira, pero nós xa o sabíamos. Ti acordastes das persoas que che deron as costas porque decidiches meterte na medicina forense? 

Non podía ser. Evidentemente o primeiro que se me pasou pola cabeza foi que aquelas dúas persoas misteriosas eran meus pais. Pero, como non caera antes nisto? Non tiña sentido que eu non os recoñecese antes. Miña ‘nai’ engadiu:

-De verdade, cremos que mereces unha desculpa. Fomos uns egoístas por non deixarte perseguir os teus soños e ademais presionarte para tirar o teu talento ao lixo. 

Isto non podía ser verdade. Meus pais aceptando que fixeran algo mal? Imposible. Todo isto non tiña boa pinta aínda así quedei un pouco alí falando con eles, recordando vellos tempos e actualizándonos de todo o que nos pasara nestes anos. Estiven cerca de media hora falando con eles e foi un anaco moi entretido. Era algo que levaba desexando máis de 15 anos. Petaron á porta, estrañeime pero respondín cun ‘adiante’. A porta abriuse e apareceu a enfermeira coa que falara anteriormente. 

-Carmen perdoa, equivoqueime no número da habitación. Era a 229, nesta non hai ninguén. Dinme agora de conta despois de media hora. Pero, por que segues aquí e con quen falabas? – díxome. 

Espera, que estaba dicindo? Como que non había ninguén? Levaba dúas horas falando soa ou falando con, fantasmas? Non estaba ben. O trauma era máis forte do que imaxinaba e aínda por enriba reabrira a ferida que me deixara o abandono dos meus pais. Definitivamente non estaba ben psicoloxicamente. 

Decidín non saber nunca quen foron esas persoas. Creo que foi a mellor decisión que puiden tomar nesa situación. Acabei mandándolle unhas flores a aquela ‘parella’. Fun a pedir a baixa uns días despois e decidín ir ao psicólogo para saber que me pasaba. Pero os episodios de ‘fantasmas’ non cesaron, eu seguía falando cos meus pais e acabei dándome de conta de que o mundo me enviaba sinais para que eu me dese de conta de que eles morreran. Informeime e tiven que escoitar o que xamais aceptaría: eles morreran había anos e eu non fixera nin acto de presencia. Isto aumentou a miña culpabilidade e a psicóloga acaboume diagnosticando depresión. A isto sumábaselle ansiedade, medo, traumas e o máis importante, ver ‘espíritos’. Internáronme nun centro psiquiátrico no que estiven 2 anos e hai cerca dun mes xa que saín. Repito: son Carmen e esta é a historia da miña vida.

12/11/23

Entrega dos premios de Cociña de Outono (3ª edición)

O pasado martes 7 de novembro realizouse a entrega dos premios da 3ª edición de Cociña de Outono celebrado no instituto o pasado 26 de outubro.

O primeiro premio foi para Carolina Barbeito de la Cruz, Ada Pita Fernández e Paula Rial Cernadas por un Carrot Cake e o segundo para Estela Cao Díaz e Iria Díaz Herrero por alfajores arxentinos. 

Parabéns ás gañadoras!




22/10/23

BASES DO CONCURSO LITERARIO DE RELATOS DE TERROR DO IES MONELOS 2023

Organizado pola Biblioteca escolar en colaboración do EDLG do Centro. 

PRIMEIRA.- Poderá participar neste certame calquera alumna/o matriculada/o no IES Monelos durante o curso 2023-2024. Para este concurso estableceranse dúas categorías: -1ª Categoría (1º, 2º e 3º ESO). -2ª Categoría (4º ESO e Bacharelato). 

SEGUNDA.- Cada participante de poderá presentar unha proposta de relato curto. A extensión máxima será de cinco páxinas por unha soa cara e de temática de terror.

TERCEIRA.- Os traballos estarán escritos en lingua galega e deberán ser orixinais, inéditos e non premiados. 

CUARTA.- Deberán estar escritos con ordenador, en tamaño A4, espazamento entre liñas simple e tamaño de letra 12; paxinados e sen asinar. 

QUINTA.- Os traballos presentaranse por correo electrónico enviándoos á dirección endliesmonelos@gmail.com. No asunto figurará o PSEUDÓNIMO do autor. No corpo do texto figurarán o PSEUDÓNIMO, TÍTULO DA OBRA e CATEGORÍA. Enviaranse dous arquivos adxuntos en PDF. O primeiro deles coa ficha de inscrición do concursante sinalando o seu nome, apelidos, idade e curso; no segundo arquivo irá o traballo que levará o PSEUDÓNIMO e o TÍTULO da obra. 

SEXTA.- Haberá un premio por categoría, aínda que o xurado poderá declarar deserto calquera delas no caso de considerar insuficiente a calidade dos traballos presentados. O importe dos premios será de: Modalidade de relato de terror 1ª categoría: vale de 30 €. Modalidade de relato de terror 2ª categoría: vale de 30 €. 

SÉTIMA.- O prazo de entrega de traballos comeza o 23 de outubro e remata o día 10 de novembro de 2023. 

OITAVA.- A composición e o fallo do xurado darase a coñecer o 24 de novembro de 2023. 

NOVENA.- A organización do Certame publicará os traballos premiados na páxina web da Biblioteca escolar, na revista dixital do EDLG do IES Monelos Camiño do Corgo e elaborarase un podcast para ser emitido por Radio Monelos. Tamén poderán ser publicados algúns traballos non premiados se o xurado o considera oportuno. 

DÉCIMA.- O xurado e a organización do certame están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante a aparición dalgún imprevisto non recollido expresamente nas presentes bases. A participación neste certame implica o coñecemento e a aceptación íntegra destas bases.