Domingo Fontán Rodríguez (Portadeconde, Portas, 7 de abril de 1788 - Cuntis, 24 de outubro de 1866), ilustrado galego, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia.
Pasou boa parte da súa vida vinculada á Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou os estudos de Filosofía, matriculouse ao longo dos anos en Leis e Cánones, Ciencias Exactas e Teoloxía. En 1811 comezou a súa carreira de profesor nesta universidade.

Participou na creación da primeira fábrica de papel de Galicia, construída en Lousame en 1863, e traballou tamén no deseño do trazado da primeira linea férrea de Galicia en 1858, que uniu Santiago con Carril, proxecto aprobado polas Cortes en 1861, e que non foi inaugurado ata dez anos despois.
Está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa do convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.
A CARTA XEOMÉTRICA DE GALICIA
A Carta Xeométrica de Galicia é un mapa físico de Galicia, o primeiro da historia realizada con medicións matemáticas, obra de Domingo Fontán.
Domingo Fontán investiu na súa realización dezasete anos da súa vida (1817-1834). Esta obra foi o primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (medición de bases, triangulación, altimetría barométrica, etc.). Para cartografar Galicia aproveitou os avances científicos, provenientes sobre todo de Francia, e desenvolveu unha rede xeodésica, establecendo puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos, para os que empregou instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago e adquiridos en Paris e Londres.
Tomou como punto cero a torre da Berenguela, na Catedral de Santiago de Compostela. En 1817 iniciou os traballos da Carta, realizada a unha escala 1:100.000, pero ata 1830 non obtivo o apoio oficial para a súa redacción. Nese momento queda exento de impartir clases na Universidade de Santiago. Para realizar esta Carta tivo que percorrer a pé e a cabalo toda Galicia. Nela aparecen localizadas as 4.000 igrexas das parroquias galegas e todos os accidentes xeográficos importantes acadando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite. En 1834 acaba os traballos da Carta, e preséntaa á Rexente María Cristina que dará orde de imprimila. ata 1845 non foi posible a súa impresión, que se realizou en París, baixo a súa dirección polo gravador L. Bouffard.
O escritor da Xeración Nós, Ramón Otero Pedrayo, conserva unha das Cartas orixinais no seu pazo de Trasalba (Amoeiro, Ourense).

O escritor da Xeración Nós, Ramón Otero Pedrayo, conserva unha das Cartas orixinais no seu pazo de Trasalba (Amoeiro, Ourense).