Amosando publicacións coa etiqueta portugués. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta portugués. Amosar todas as publicacións

29/05/21

O risco de giz: 7 días na Raia

 Os vínculos lingüísticos, históricos, sociais e culturais dos lugares e persoas que viven a un e outro lado da fronteira entre Galicia e Portugal son evidentes. Comprobámolo percorrendo en coche e gravando durante sete días toda a zona. A través da viaxe coñecemos os nexos entre as dúas realidades. O resultado: Un documental en forma de road trip que vai parando en numerosas localidades, de oriente a occidente, para falar con diferentes persoas de cada unha delas e poñer en valor os costumes e a riqueza patrimonial e cultural propia desta área. 

 Un documental realizado por Xarda Cooperativa Galega para Nós Televisión co apoio da Deputación de Ourense, a Eurocidade Chaves-Verín, o Concello de Hermisende, o Concello de Entrimo, o Concello de Tomiño, o Concello de Tui e a Câmara Municipal de Montalegre.

 


22/05/21

Galicia crea pontes coa lusofonía: da lei Paz Andrade á Casa da Lusofonía

 A Deputación de Ourense, da man da Associação Impulsora Casa da Lusofonia, están a traballar para que a cidade das Burgas sexa sede dunha Casa da Lusofonía, dentro da rede de casas internacionais do Estado español. 

Trátase dunha nova iniciativa, sete anos despois da aprobación da Lei Paz Andrade en Galicia, para ter unha maior presenza no mercado económico, social e cultural do mundo lusófono, sacándolle todo o proveito ao potencial da lingua galega como lingua extensa , útil e claramente internacional. Sobre todos os pasos dados neste sentido nos últimos anos, falamos co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco; co secretario xeral da Associação Impulsora Casa da Lusofonia e portavoz para a defensa da ILP Paz Andrade no Parlamento Galego no 2013, Xosé Carlos Morell; o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau; e a escritora, psicóloga e integrante da Comissão Executiva do Patronato da Fundação Academia Galega da Língua Portuguesa, Concha Rousia.

17/04/21

Eólica mariña, hidróxeno ou corredor atlántico: o Plan de Recuperación do Goberno de España bosquexa varios proxectos con Portugal

 Información de David Rainero en Praza Pública

Barco pesqueiro galego CC-BY-SA Xunta

 

Zeca 1972 Galiza - o Zeca Afonso máis aló do Grândola

 O 10 de maio de 1972 o Zeca tocou en Compostela por vez primeira o Grândola. José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos fai parte da nosa historia. O Zeca forxou un vínculo co pobo galego que vai máis alá dos concertos e das amizades. 1972 tampouco é unha data calquera en Galiza. Este ano está cheo de forza e de memoria no movemento obreiro galego tanto polo asasinato dos sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla cometido o 10 de marzo a mans da policía franquista como pola forza da clase traballadora no reclamo de melloras sociais e laborais. Este documentario, producido por Nós Televisión, afonda no Zeca, no 1972 e na Galiza. Esta produción non tería sido posíbel sen a colaboración de Xarda Cooperativa Galega de Comunicación e a Associaçom José Afonso Galiza.

15/04/21

Camiño da Geira e dos Arrieiros

 Documental dirixido por Xoel Méndez no que se percorre o Camiño de Santiago desde Braga a través da ruta da Geira e dos Arrieiros. Cun enfoque eminentemente divulgativo e a xeito de road movie, a cámara (por terra e por aire) percorre esta senda que, malia o seu inxusto anonimato, xa conta seis séculos de historia. No camiño irá atopándose investigadores e persoeiros da vida política e cultural dos diversos concellos polos que pasa. Son eles quen, xunto cunha narración en off de corte neutral e informativo, irán ilustrando e explicando a importancia histórica dese itinerario, da paisaxe e do patrimonio que atesoura e que converte o da Geira nun dos vieiros con maior potencial e mellor valoración entre os peregrinos.

24/01/21

Unha ducia de vídeos dos Meniños Cantores

 No ano 2005, co impulso da Asociación Ponte… nas ondas!, o alumnado de 17 escolas galegas e portuguesas gravou o libro-disco Meniños Cantores, con 28 cancións, un álbum presentado en directo en Vigo e Porto e que se converteu nun referente mundial do traballo co patrimonio musical compartido dous dous países. Neste ano 2021 repetirase a iniciativa e 19 colexios galegos e portugueses gravarán cadanseu vídeo musical para o disco Cantamos Nós. Repasamos doce das cancións da primeira edición.

Información de Marcos Pérez Pena en Praza Pública

22/12/20

Zeca 1972 Galiza [tráiler]

 José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos, máis coñecido por Zeca Afonso, fai parte da nosa historia. Este vínculo con Galiza non só se forxou a través dos seus concertos, ou das fortes amizades que mantivo no noso país, senón que se tratou dunha conexión  popular e nacional entre o Zeca e o pobo galego. 

O 10 de maio de 1972 o Zeca tocou por vez primeira o Grândola no Burgo das Nacións, en Compostela. Ese ano está cheo de forza e de memoria no movemento obreiro galego tanto polo asasinato dos sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla cometido polo día 10 de marzo a mans da policía franquista como da forza da clase traballadora no reclamo de melloras sociais e laborais.

 Que relación vai tecendo o Zeca con Galiza? Ten contacto co movemento da canción popular galega? É o Zeca unha influencia na nosa música actual?