Amosando publicacións coa etiqueta banda deseñada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta banda deseñada. Amosar todas as publicacións

14/09/21

Timelapse de David Rubín en Ourense.

 Hai un ano David Rubín creaba este mural na sala de exposicións da Fundación en Ourense titulada "Sacrificio e Ascensión. 15 anos do cómic de David Rubín".

19/07/21

100 anos da bandeira galega no Pazo Municipal da Coruña

 O martes, día 20 de xullo, ás 19 h, farase unha visita guiada á exposición 1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Pazo Municipal, comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro. 

 A mostra conta cun módulo de banda deseñada histórica realizada por Manel Cráneo e Manuel López Poy, e debuxada por Alberto Taracido e Rubén Rial. Un cómic que permite entender a evolución da bandeira galega desde finais do s. XIX ata 1921, ano no que se iza por primeira vez nunha institución. 

O Concello da Coruña foi a primeira institución pública en Galiza que aprobou izar a bandeira galega o 25 de xullo de 1921, a proposta do concelleiro nacionalista Lois Peña Novo e estando de alcalde o republicano Antonio Lens Vieira. Para completar a proposta expositiva, unha selección de ilustradores e ilustradoras, a plataforma Coruña Gráfica, ofrecen a súa homenaxe artística e persoal á bandeira galega. A visita guiada será realizada polo seu comisario Manel Cráneo. A exposición está en María Pita, na sala de exposicións do Concello.


 

22/04/21

O "Garaxe Hermético", o valor do cómic galego

 Pontevedra é a cidade galega do cómic. O historetista e ilustrador Kiko da Silva detectou unha eiva na formación en banda deseñada que "non se estaba impartindo como debería" polo que se decidiu a actuar e mudar o rumbo do cómic galego. 

En 2012 fundaba a primeira escola profesional de banda deseñada e ilustración de Galicia, o Garaxe Hermético. Nos últimos anos, o Garaxe Hermético conseguiu chegar a acordos coas editoriais Galaxia e Xerais. Dende Galaxia, Fran Castro expresa con absoluta claridade que a día de hoxe esta escola "é crucial" e engade: "xa perdín a conta do número de ilustradoras e ilustradores que saíron do Garaxe Hermético e traballan con Galaxia". 

Unha mensaxe que repiten en Xerais cando lle petamos na porta. "É a única escola profesional con sona e traxectoria. Para nós é unha oportunidade", explica Francisco Alonso. Con todo, un dos factores máis importantes e ilusionantes atópase dentro do alumnado do propio Garaxe Hermético. Unha das súas alumnas sostén ante as cámaras de Nós Televisión: "o mercado vai estar mellor para as nosas xeracións". Nesa frase reside a forza desta escola e o futuro que se abre para o cómic galego.

07/11/20

Teresa Ferreiro: «Hai certas cousas que aprendemos -e debemos aprender- só a través da memoria histórica»

 Ilustradora, autora de comics, investigadora cultural e DJ. Teresa Ferreiro é polifacética e multidisciplinar. Vinte aproveita a súa participación no ciclo VanGal 2.0 do Museo do Pobo Galego para interesarse polo seu ecléctico traballo, polas súas inquedanzas e influencias creativas e polo uso que fai da arte en prol da reivindicación política, da memoria histórica e do feminismo. 

Entrevista de Adela Bértolo en Vinte de Praza Pública


 

16/10/20

O papagaio: para a xente miúda

 

O PAPAGAIO é un xornal para a xente miúda, impreso en papel reciclado e a cor. Non contén publicidade, ten periodicidade mensual, e ao longo das 12 páxinas que o compoñen trata de temas de ciencia, ecoloxía, arquitectura, banda deseñada, literatura...
Os contidos das seccións están supervisados por especialistas na materia e ilustrados por diferentes autores e autoras.
O obxectivo do xornal é que as nenas e nenos se interesen pola cienia, a ecoloxía, a historia ou a arte, entre outras, dunha forma amena e divertida.




13/10/20

Wolfram. Espías, nazis e maquis

 Alberto Varela Ferreiro (autor e ilustrador).

1939, a Guerra Civil española remata pero un conflito moito máis grande está a piques de estoupar en  Europa e no mundo, no que as novas tácticas e as novas armas van facer do volframio un mineral esencial e escaso no planeta. W.C. Morgan é destinado á sucursal The Anglo South American Bank Ltd. en Galicia. Pero baixo a identidade dun banqueiro agóchase un axente de intelixencia británico coa misión de controlar os movementos nazis na zona, contactar coa guerrilla e iniciar unha guerra comercial que dificulte todo o posible a subministración de volframio á Alemaña do Terceiro Reich. Na viaxe coñece a Molly Morrison unha intrépida axente norteamericana coa que vivirá moitas aventuras...

06/09/20

A biografía de Josefina Arruti en banda deseñada

 OS BERROS DA MOTOCICLETA, a novela gráfica que narra a vida de Josefina Arruti, escrita por Kiko da Silva e debuxada por Pablo Prado, está rematada. 

Nas vindeiras semáns amosarémoslle o resultado á familia de Josefina e entrará en imprenta da man do CONCELLO DE PONTEVEDRA.