Amosando publicacións coa etiqueta audiovisual. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta audiovisual. Amosar todas as publicacións

25/06/23

Quique Otero presenta a película "Honeymoon": "Non me mola adoutrinar, mólame contar historias"

Eva e Carlos son unha parella en fase terminal. Dúas persoas que xa non se entenden. Mais a repentina morte do seu fillo vainos obrigar a recoñecerse outra vez. Ademais de a tomar decisións que lles permiten descubrir cousas sobre si mesmos. Sobre quen poden ser nunha situación límite. Diso vai Honeymoon, a nova película de Quique Otero, recentemente presentada no Festival de Cans.

Información en Praza Pública

Javier Gutiérrez, Nathalie Poza e Silvia Xirui en 'Honeymoon' © Control Z
 

27/05/23

Entrevista a César Souto: "A poesía ten que poñer a linguaxe, como un fin en si mesmo, en primeiro lugar"

 Nun tempo de exposición permanente a través das redes sociais, César Souto escolleu contar unha historia sobre unha persoa que renunciou totalmente a proxectarse publicamente: o poeta estadounidense Wallace Stevens, gañador do premio Pulitzer no 1955. Nada de extraordinario sucedeu na súa vida anódina de oficinista. A poesía, dicía, non é nada persoal. Mais nas súas cartas agroma unha realidade que non era só a súa ou a do seu tempo. A alienación do traballo. O xeito no que consume a vida. Ante o que a poesía pode ser, tamén, un xeito de erixirse. Iso se albisca en A Foreign Song (Matriuska), que vén de ser proxectada no Play-Doc. 

Información en Praza Pública

César Souto © Praza.gal / Cedida
 

21/05/23

CINEMA NA ESCOLA 2023 IES MONELOS A Caída

Video elaborado polo alumnado de 1º ESO coa coordinación do profesor de tecnoloxía Ramón Espasandín dentro do proxecto Cinema na escola do concello da Coruña.

 

12/05/23

O festival (S8) proxecta 180 filmes nunha edición que homenaxea Urbano Lugrís no seu 50 cabodano

 A XIV edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, que terá lugar entre o 26 de maio e o 4 de xuño na Coruña, volve achegar unha coidada selección de cine de vangarda e experimental e proxectará máis de 180 pezas procedentes dunha ducia de países. Ademais, a cita será unha homenaxe ao pintor Urbano Lugrís, do que se conmemora este ano o 50 aniversario da súa morte.

Rodrigo Osorio, da Asociación Cultural O Mural, e Elena Duque, programadora do (S8), na presentación da programación e da imaxe do festival © María Meseguer

29/04/23

Intervención no Intergrupo de Linguas do Parlamento Europeo

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, instou ao Parlamento europeo a que o informe sobre a aplicación da Directiva do audiovisual asegure igualdade de condicións para o galego e outras linguas nas cotas de pantalla, financiamento anticipado, dobraxe, lexendaxe, interfaces, webs e audiodescricións, tal e como reclamaba a Iniciativa Xabarín.

26/03/23

Un documental web da Academia percorre a traxectoria de Fernández del Riego: "o seu grande amor foi Galicia"

 Información Praza Pública


'Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu' é unha serie documental de seis episodios sobre o intelectual ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2023, producida pola propia e institución e realizada pola produtora Miramemira co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. 

O primeiro capítulo, "As luces primeiras", repasa a infancia de Francisco Fernández del Riego no seo dunha familia acomodada de Lourenzá e mais a adolescencia e os primeiros anos de mocidade, que transcorreron tamén en Monforte de Lemos (onde estudou nos Escolapios) e, máis adiante, Santiago de Compostela, onde se trasladou a familia para darlles estudos universitarios a todos os irmáns. O relato lembra a intensa afección temperá á lectura de don Paco, a súa amizade con Álvaro Cunqueiro, a quen coñeceu sendo aínda un cativo nas festas do Conde Santo de Modoñedo; as súas primeiras publicacións na revista 'Páginas Calasancias' e 'Vallibria', que dirixía 'Trapero Pardo'; continúa co espertar ao galeguismo consciente cando comeza a estudar Dereito en Madrid e avanza o activismo político e cultural xa de volta en Galicia, cando o 25 de xullo de 1931 iza a bandeira galega e le dende o balcón do concello de Lourenzá o que foi seguramente o primeiro manifesto de celebración do Día de Galicia na Mariña lucense. 

A narración avanza ao longo das seis entregas coas lembranzas de persoas que coñeceron e estudaron a figura de don Paco, e tamén coa vivencia de autoras e autores das novas xeracións da conmemoración do Día das Letras Galegas que o propio Del Riego propuxo crear no seo da RAG en 1963, cando se celebrou por primeira vez cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Son Malores Villanueva, Manuel Román, Ramón Nicolás, María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Fina Casalderrey, Margarita Ledo, Camiño Noia, Rosa Aneiros, Francisco Castro, Xosé Manuel Soutullo, Dolores Vilavedra, Patricia Arias Chachero, Antón Santamarina e Víctor F. Freixanes; e mais Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés, Cándido Paniagua e Ledicia Costas. 

Tamén participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais o músico do Valadouro Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en "off" de don Paco nos anos de mocidade e madureza, respectivamente. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo, que recorreu á percusión inspirándose no propio carácter de don Paco.

04/03/23

Unha ducia de vídeos de Galicia no NO-DO: 40 anos dun país en branco e negro

 O Noticiario Cinematográfico Español, máis coñecido como NO-DO (acrónimo de Noticias y Documentales) funcionou como instrumento de propaganda da ditadura franquista dende o ano 1943, proxectándose nos cines antes de cada longametraxe. Galicia foi escenario ou protagonista de medio milleiro de noticias, que nunha gran porcentaxe amosaban actos e inauguracións a cargo do propio ditador e que, ademais, constribuían a asentar unha serie de estereotipos folclóricos sobre Galicia. Todo o arquivo do NO-DO, custodiado por Filmoteca Española (e as filmacións sobre Galicia tamén polo CGAI), pode consultarse online na web de RTVE.

Información de Marcos Pérez Pena en Praza Pública

Inauguración do ferrocarril Santiago-A Coruña (1943) (Imaxe do NODO)

01/03/23

Baiuca e Laura Lamontagne - Conseguiremos - Novas voces para a lingua

 Os músicos Alejandro Guillán 'Baiuca' e Laura Lamontagne son os protagonistas do novo capítulo da serie 'Conseguiremos', a produción da Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela coa que ambas as institucións abren o proxecto 'Novas voces para a lingua'. 

Os dous artistas conversan sobre a capacidade de chegar coa música en galego “a calquera parte do planeta”. A gravación realizouse no Porto de Santa Cruz (Oleiros).

 

24/01/23

Algúns exemplos de videos gañadores do concurso de videopoemas convocado pola Fudación Manuel María

Videopoema gañador da III edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Autores: Álvaro Pan Lapido e Nehuen Márquez 

Centro: IES de Monelos (A Coruña)

   

Videopoema gañador do I Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María 

Poema: Cheguei a Fisterra Autor do poema: Manuel María 

Autora do videopoema: Noa Fernández Morano , 4º ESO, curso 2016-2017.

Centro: IES David Buján (Sigrás-Cambre)