15/06/22

Editorial: Somos un pobo de artistas

 O curso 2021-2022 trouxo novidades moi positivas para o IES Monelos. Xa temos radio: Radio Monelos! Unha radio impulsada pola dirección do Centro na que nos implicamos diversos departamentos didácticos, a biblioteca, o club de lectura e, por suposto, o equipo de normalización e dinamización da lingua. 

Os comezos, como todos, foron (e seguen sendo!?) algo accidentados no que se refire a parte técnica e a ousadía ou ignorancia dos que arrancaron este proxecto. Temos incluso logotipo que foi elaborado pola alumna de 4º de ESO Iria Hidalgo Novoa e que ilustra esta editorial e o conxunto desta revista veterana do centro: Camiño do Corgo

 Radio

Desde a radio fixemos contidos de predición meteorolóxica semanal (coa colaboración das compañeiras do departamento de bioloxía e do seu proxecto da Meteoescola), contidos de historia e o protagonismo da muller nela, lectura de relatos impulsada pola biblioteca e o club de lectura, o mundo do deporte como o balonmán OAR no que participan varios alumnos do centro, seguimento directo de diversos eventos nos que participou o centro como a entrega dos premios da XVII edición de fotografía Xurxo Lobato ou o Día da Ciencia na Rúa que volveu a súa actividade presencial e festeira ao final deste curso.

 Pero sobre todo tivemos moita programación musical feita por cantantes e grupos galegos... e en galego. Tratamos de dar a coñecer unha pequena escolma do panorama musical actual en Galicia que é moi variado en estilos e voces: pop, hip hop, rap, trap,reagge, funk, indie pop, ska, rock, punk, parodia musical... Este número da revista case é un monográfico a este apartado. A proposta deste contido na radio xurdiu incluso antes da revolución Tanxugueiras provocada no panorama da música internacional a comezos deste ano. Como un grupo de música tradicional é valorado de forma tan positiva no panorama estatal e mundial. Pero Tanxugueiras é unha mostra máis da inmensa idade dourada que a cultura musical está a florecer en Galicia. Como expresa outro grupo como Dakidarría Somos un pobo de artistas que superou o autodio para exterminar a nosa cultura e que volva a xermolar a autoestima do que somos... e en galego? Por suposto!