A vinganza dos homes bos é un libro sobre o paso do tempo e o exilio dos
anos. Sobre a culpa, que medra como carriza, desfacendo a pedra máis
forte. Sobre o valor necesario para ser covarde. Sobre as palabras que
son capaces de rachar as armaduras máis feroces. E tamén sobre as
palabras capaces, mesmo, de matar. Palabras sinxelas, como, por exemplo,
«perdón». O exinspector de policía Carlos Manso anda detrás dun
asasino, pero non do que a el lle gustaría. El mesmo tamén matou un
home, unha vez.Dúas historias policiais separadas por vinte anos e dous
mil quilómetros, pero unidas pola necesidade de redención. O barco
American Star, a Marcha Verde sobre o Sáhara Occidental ou os túneles
agochados baixo a cidade de Vigo son os escenarios dun naufraxio, real e
metafórico, que supón, en certo xeito, o final de Carlos Manso.