Este sábado 11 de maio o xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, concedéronlle un accésit a alumna de 4º de ESO Sofía Regueiro polo videopoema Rosas, en que o xurado salientou “pola intelixente solución visual que xogando coa dobre cor, a luz e o ritmo, consegue transmitir a beleza da palabra poética”.
Neste concurso recibiu o primeiro premio o videopoema A xustiza pola man, de Noa Cabaleiro Ribadulla do IES Nº 1 da Estrada, “por unha sobresaliente interpretación da protagonista cuns planos que transmiten plenamente a variedade de emocións que transitan o poema. Pola plasticidade das imaxes e un ritmo na montaxe que contribúen moi notablemente a conducir e achegarnos á palabra literaria”. Así mesmo, premiou o videopoema Negra sombra, do alumnado do CPR de Narón, “polo potente e coherente resultado que consegue esta obra coral en feminino utilizando a iluminación como recurso dramático, complementado cunha posta en escena en branco e negro como única gama de cor”.