A candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución.
Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar.
Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. A candeloria tamén podería estar relacionada coa festa romana das Lupercais, na que, alén de venerar o deus da fertilidade e a sexualidade masculina, Pan, facíase unha procesión onde os participantes zorregaban a xente cunhas tiras de coiro, co obxecto de “purificala”. O catolicismo procurou rematar coa festa –como fixo con moitas outras celebracións pagás–; para iso, o papa Xelasio transformouna na festividade relixiosa da “purificación” da Virxe María e mais a presentación de Xesús no templo; co paso do tempo, fíxose costume nas parroquias bendicir as candeas que se empregarían logo en caso de tronada ou nos velorios para alumear o defunto no camiño ao máis alá.
A voda dos paxariños
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!
O venres 2 febreiro o EDLG do IES Monelos pretende celebrar este día.
Para iso pensamos en que podiades enviar unha mensaxe por escrito nunha carta de afecto a un d@s compañeir@s de clase ou do centro que teñades en estima, amistade...
Na semana do 25 de xaneiro ao 1 de febreiro podedes entregar a carta (escrita en galego) a un membro do Equipo de Dinamización que se encargará de depositala na caixa de correo ao longo desta semana.
No sobre poñeredes o nome e apelidos do destinatario e o curso.
O venres 2 de febreiro entregaráselle a carta ao destinatario.