Da Lingua ao Prato Coa lingua falamos, cantamos, soñamos, amamos e tamén degustamos os produtos que a terra nos ofrece, por iso etiquetalos en galego é dárlle un plus de identidade creando a marca Galicia.
O consumidor consciente ten o poder nas súas mans, escoller produtos de noso etiquetados na nosa lingua, é valorizar o rural apoiando aos produtores que apostan pola etiquetaxe en galego como marchamo de calidade e garantía de orixe dun produto. A campaña "Da Lingua ao Prato" acerca á cidadanía a varios produtoras e produtores galegos que apostan polo uso da lingua galega para etiquetar os seus produtos de calidade poñéndoos nos mercados nacionais e internacionais cun marchamo de identidade que os valoriza. BUBELA é unha empresa creada por Fran e Marta en Lugo, dous emprendedores que elaboran pasta seca de xeito artesanal e cervexas ecolóxicas como base dunha alimentación saudable, dando prioridade á calidade do produto e cunha clara aposta polo consumo de proximidade. Con técnicas tradicionais, ingredientes procedentes de agricultura ecolóxica e un proceso de elaboración moi coidado, poñen no mercado varios tipos de cervexa de carácter moi definido e varios tipos de pasta seca que elaboran utilizando moldes de bronce e un proceso de secado moi lento para preservar as propiedades nutricionais e organolépticas conseguindo un produto de altísima calidade.