Hai 25 anos que a nosa antiga compañeira María Xosé Sánchez pon en marcha esta revista que tiña inicialmente unha periodicidade trimestral acompañada da ilusión de tantas xeracións de rapazas e rapaces do IES Monelos. Despois, da man de Antón Capelán, a proposta continuou en papel xa cunha periodicidade anual. No ano da pandemia o EDLG rescatamos o proxecto en formato dixital e así continuamos.
Neste novo curso que remata desenvolvemos unha actividade moi intensa no Equipo de Normalización e Dinamización do centro. Continuamos co proxecto de Radio Monelos que comezamos no 2021-2022.
Seguimos centrados na música en galego. No primeiro trimestre a historia da música galega dos últimos cincuenta anos foi a referencia fundamental. Cantantes e grupos de distintos estilos (pop, rock, punk, folk, música tradicional, bravú...) que encheron a nosa historia deixando unha pegada na memoria do noso pasado recente. Aí quedan nove exemplos que desde Andrés do Barro e pasando, entre outros, por Fuxan os Ventos (festexando o seu cincuenta aniversario) chega ao bravú dos Diplomáticos de Monte Alto. Pechamos este capítulo entrevistando ao gran mestre que é Xurxo Souto.
O segundo trimestre arrancou tamén con música pero enfocadas ás tendencias actuais e saíron 16 propostas que dan continuidade aos 17 grupos do curso anterior. Grandes foron os descubrimentos como Antía Muiño, Carolina Rubirosa, Fillas de Cassandra, Laura Lamontagne e Pico Amperio entre outros coa veteranía de Mercedes Peón e Familia Caamagno.
Tamén iniciamos novos contidos como Historias da Coruña e do noso barrio. 17 programas que tratan de descubrir o que fomos e o que somos.
Saímos á rúa e entrevistamos a xente da vida comercial e cultural do noso barrio entre eles ao noso Alfredo.
Tamén fixemos programas sobre o Samaín, o 20 aniversario sobre a traxedia do Prestige, o centenario do nacemento de María Casares, o centenario da morte de Pondal, Francisco Fernández del Riego nestas Letras do 2023...
Visitáronnos Hydn (exalumna do centro) e o youtubeiro Olaxonmario coa súa proposta Gallaecia Pop.
E volvemos a saír á rúa no Día da Ciencia, nas andainas do Proxecto Terra, nos roteiros pondalianos, rosalianos e como non... volveu o Correlingua no seu formato tradicional a discorrer polas rúas coruñesas.
Este novo número dixital de Camiño do Corgo pretende ser unha homenaxe do que fomos e o que somos. Seguimos no Camiño!