Científico da Misión Biolóxica de Galicia e presidente da Asemblea de Municipios da que sae o anteproxecto de Estatuto de Autonomía. Alcalde de Pontevedra, presidente da Deputación e deputado en Cortes. Comisario do Exército no goberno de Negrín. Colaborador da ONU en misións diplomáticas e candidato -el mesmo rexeitou a proposta- a presidir a Xunta da preautonomía galega. Había moitos motivos para escribir unha novela sobre Bibiano F. Osorio-Tafall. Pero o escritor Xosé Monteagudo precisaba máis, e atopounos na figura da súa primeira muller, Josefina Arruti. Vémonos mañá (Xerais) é, así, a historia dun encontro que o exilio imposibilita. Tamén a dunha familia, coma tantas outras, separada pola represión franquista e a dunha muller, Josefina, que se vale soa para sacar adiante os fillos mentres o seu marido fai a súa vida lonxe deles practicamente sen axudalos.