06/12/22

Ruth Matilda Anderson. Galicia de 20 a 20: De Cangas a Padrón

 A segunda etapa da viaxe comeza por mar, cruzando a ría de Vigo para chegar a Cangas. Alí seguirémoslle a pista a unha casa de patín que retratou Ruth Matilda en 1924. Beti Iglesias, técnica de turismo, axudaranos nesta busca da arquitectura tradicional. Despois faremos unha parada en Pontevedra para tirar do fío dunhas pezas de pan retratadas por Ruth e feitas por Manuel Vilela, da panadaría La Estrella de Viena. A súa pista levaranos ata a actual panadaría Acuña. Na ría de Pontevedra buscaremos un misterioso lugar que Ruth anotou como “Jeivotas”, preto de Raxó. Para saber máis deste suposto topónimo, pedirémoslle axuda a Iago Tomé, patrón maior, e a seu pai Sebastián Tomé. A seguinte foto que actualizaremos será a dunha mariscadora de Carril con Rita Vidal e Guadalupe Jueguen de Amarcarril. E remataremos esta etapa cun final moi especial en Padrón, na Casa de Rosalía de Castro. Ruth Matilda visitou e retratou a casa da poeta nun estado ruinoso e tamén traduciu poemas seus ao inglés. Ademais de falar con Anxo Angueira, presidente da Fundación, xuntaremos tres poetas novas da zona para casar as fotos de Ruth coa poesía dos 20 do XXI.