12/07/22

As asociacións de Editoras, Ilustradoras, Tradutoras, Librarías e Escritoras non acudirán ao Consello Asesor do Libro

 As cinco principais asociacións do sector do libro galego (Asociación Galega de Editoras, Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, Federación de Librarías de Galicia e Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) non asistirán ao Consello Asesor do Libro convocado pola Consellería de Cultura e Educación para o vindeiro 15 de xullo.

Consideran que o desenvolvemento das xuntanzas deste Consello Asesor non está a ser útil para este sector, pois nelas non se vehiculan solucións ou saídas aos principais problemas que afectan ao mundo do libro galego.

Ao mesmo tempo, queren deixar constancia de que o Consello Asesor, cuxa creación foi unha demanda histórica deste sector e así está recollido na Lei do Libro de 2006, é un organismo imprescindible onde abordar as principais liñas de traballo e de futuro para o libro galego.

Decisión tomada o 12 de xullo de 2022.

Imaxe: Xeral público_gala Premios Follas Novas 2019