09/06/22

"O libro negro da lingua galega", de Carlos Callón

 Por vez primeira un libro céntrase en recoller e explicar testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos.Nas súas páxinas abordamos a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 até 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos, o método do anel etc. Abrimos un camiño para o estudo das multas franquistas por "hablar al público en gallego» e das inspeccións por «exagerado acento gallego". Revoltámonos coa profanación da lápida de Alexandre Bóveda para lle castelanizaren o nome e publicamos regulamentos escolares inéditos que perseguían o galego no século XVIII. Detémonos na negativa do Consejo de Castilla a autorizar un libro en galego en 1616. Vemos como o director da Real Biblioteca española no Setecentos decidiu non imprimir as "Cantigas de Santa María" por achar «extravagancia y mal gusto» a poesía en galego. Asistimos a queimas de libros e mesmo nos abraiamos ao saber que millares de cartas do padre Sarmiento acabaron como papel hixiénico. Ollamos o caso do taxista que perdería o traballo se en 48 horas non rotulaba "Rianjo" no seu vehículo e lembramos que en 1980 o Ministerio de Educación expedientaba e exhortaba a «repudiar» o profesorado que ensinaba en galego sen cobertura legal.Debruzámonos sobre estas e outras 1001 noites de pedra para así podermos entender como chegamos até aquí e como podemos gañar o futuro para a lingua que nos une.

Publicado por Edicións Xerais de Galicia.