IALMA é un grupo de música formado por catro mulleres belgas de nacemento pero galegas de paixón e corazón; mulleres concienciadas coa esencia máis tradicional do pobo galego, a música e a cultura.
Fillas de inmigrantes galegos en Bélxica, comezaron a súa traxectoria no ano 2000 no ámbito do Centro Galego de Bruxelas, como un grupo de pandereteiras que acompañaba aos bailaríns, convertíndose pouco a pouco nun grupo de música independente.
Cun estilo moi particular, tocan a pandeireta e cantan cancións tradicionais galegas adaptándoas ao seu estilo "Todo noso traballo está baseado na tradición, polo que a cultura e a música tradicional galega é o que nos define”.
Teñen no mercado 5 álbumes de gran éxito comercial e a súa evolución a estilos máis actuais e contemporáneos, lonxe de separalas das súas raices provoca todo o contrario, unha exaltación da identidade galega.
Verónica Codesal é a alma do grupo, profesora de música en Bruxelas ten un grupo propio “Urban Trad” co que representou a Bélxica en Eurovisión no ano 2003 tocando unha gaita galega. Anos máis tarde chegou novamente á fase final do concurso de selección cunha canción nas dúas linguas que a definen, o francés e o galego.
Teñen participado nos mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación e moitos dos seus traballos reflexan a historia dos emigrantes galegos a través do mundo. Atrevéronse a versionar ao galego temas de grupos moi coñecidos como "Under the bridge" de The Red Hot Chili Peppers ou “ Walk like an Egyptian” de The Bangles que elas titularon “Like an Galician”.
Neste ano 2022 IALMA volve por segunda vez a Galicia para a presentación do seu novo disco, CAMIÑO, de Bruxelas a Santiago, con cancións do exilio, un alento cheo de diversidade e música de raíz que interpretan cunha nova visión adaptada aos novos tempos.