12/05/22

II Encontro lingüístico entre o IES "Poeta Díaz Castro" de Guitiriz e o IES Monelos da Coruña

 II Encontro lingüístico entre o IES "Poeta Díaz Castro" de Guitiriz e o IES Monelos de A Coruña no curso 2021-2022. Organizado polos EDLG dos respectivos centros. 10/5/2022. 

  

Xosé María Díaz Castro, nado no lugar do Vilariño (Os Vilares) concello de Guitiriz en 1914 e finado en Lugo en 1990, foi un poeta e tradutor galego. 

Tivo un gran sensibilidade poética e dende a súa adolescencia publicou innumerables versos con todo, Díaz Castro está considerado autor dunha soa obra, o poemario Nimbos  editado en 1961 que tivo moita influencia nos poetas posteriores pola súa perfección, pola preocupación por Galicia e polos problemas básicos do ser humano, a vida, a morte e o tempo. Díaz Castro adoita ser encadrado dentro da Xeración do 36 a carón de poetas coma Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño. Na obra, que inclúe revisados os poemas que escolmara Fernández del Riego, móstrase unha reflexión sobre o destino humano a través da preocupación existencial e relixiosa e da comuñón coa natureza. Nun dos seus poemas máis coñecidos, Penélope, reflexiona sobre unha Galicia que permanece durmida, mais sen refugar á esperanza para a súa terra.

A voz poética de Díaz Castro apóiase nunha linguaxe rica e exacta, da que xorde a xusteza da imaxe e o fondo poder evocador que se desprende dos seus versos. Os temas, que aparecen sempre envoltos na roupaxe elegante dun clasicismo exemplar, son os da grande poesía universal: a dor do ser humano, o amor, a paisaxe, os sentimentos relixiosos, a liberdade... Carvalho Calero dixo que Nimbos veu restaurar na literatura galega a poesía total.

A Real Academia Galega decidiu dedicarlle, coincidindo co centenario do autor, o Día das Letras Galegas do ano 2014. O instituto de Guitiriz, por outro lado, leva o seu nome.

Os temas musicais que acompañan os vídeos están inspirados na figura do poeta e do seu poema máis famoso que, como indicamos anteriormente, é Penélope. O traballo foi realizado polo alumnado e profesorado do IES "Poeta Díaz Castro" de Guitiriz no curso 2013-2014 (ano do centenario e día das letras dedicado ao poeta) "Esa lus" e "Penélope" este último tema musicado pola profesora Sandra Tenreiro Doldán.