13/05/22

ALMANAQUE AGRÍCOLA ZZ 70 anos de lealdade lingüística

 Setenta anos despois de publicarse o primeiro número do Almanaque Agrícola ZZ editado no ano 1952 polos laboratorios Zeltia, o Foro Peinador celebrou na Casa da Cultura do concello de O Porriño un acto que foi moito máis cunha lembranza, resaltando a importancia que ten na historia da publicidade a devandita publicación, porque foi o primeiro soporte publicitario en lingua galega que como un pequeno libro divulgou tradicións culturais e información científica moi útil para á agricultura que entrou na práctica totalidade dos fogares galegos durante moitas décadas, achegando a lingua e a cultura popular á cidadanía. O presidente do Foro Peinador, D. Xosé González Martínez, entidade que desde o seu nacemento está empeñada en mover os marcos da diglosia lingüística para ampliar os espazos de uso do galego na sociedade insistíu na necesidade que de que as universidades galegas, nomeadamente as de Ciencias da Comunicación, formen aos novos publicistas e axentes de comunicación para que poidan desenvolver o seu traballo en galego nas empresas e agradeceu á empresa Syngenta a continuidade desta publicación. A representante do BIOGA, Cluster Tecnolóxico empresarial das Ciencias da Vida, Dna. Marisa Castro, fixo fincapé na necesidade de usar o galego tanto nas empresas como na vida cotiá porque é a única maneira de reafirmarmos na nosa identidade. D. Carlos Varela García insistíu na necesidade de que as empresas, a través da Responsabilidade Social Corporativa, incidan de maneira consciente no territorio no que se asentan e sexan respectuosos coa sociedade sobre a que actúan. O Xefe da área atlántica da multinacional farmacéutica Syngenta, D. Paulo Machado, falou do compromiso que a empresa sigue tendo coa publicación do Almanaque Agrícola ZZ respectando o patrimonio cultural de Galicia. O Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez, recordou a importancia que tivo que unha publicación como o Almanaque agrícola ZZ entrase nos fogares galegos na lingua do país e agradeceu que a multinacional Syngenta recollese o testigo da empresa Zeltia e siga actualmente apostando por unha publicación en galego para publicitar os seus produtos. O alcalde do Porriño, D. Alejandro Lorenzo, recordou a importancia que tiña o Almanaque na súa casa e animou a que as empresas do polígono industrial do Porriño aposten polo galego como vehículo de expresión para afianzar a relación de proximidade cos consumidores.