24/04/22

Isaac Alonso Estraviz: "Sou natural do país onde nasceu a língua galego-portuguesa"

 Nacido en Vila Seca en 1935, o profesor Isaac Alonso Estaviz é o lexicógrafo máis importante que ten a nosa lingua. Licenciouse en Filosofía na Universidade de Comillas e en Filosofía e Letras e Filoloxía Románica na Complutense de Madrid; diplomouse en cultura e lingua portuguesas na Universidade de Lisboa, e doutorouse en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. 

A de Isaac Alonso Estraviz é unha vida comprometida por enteiro coa defensa e o estudo do galego, desde que sendo moi novo sofreu a represión por ser galegofalante. Monxe en Oseira na súa mocidade --de onde será desterrado por rebelde--, percorreu distintos países e cidades antes de poder volver a se instalar na Galiza. Detrás do seu sorriso e dunha nada finxida modestia, atopamos o autor do máis importante dicionario galego en liña. 

Elaborado á marxe das institucións e da Academia, a súa obra recibe milleiros de consultas diarias e é unha referencia fundamental para todos os países de fala galega e portuguesa. Conversamos con Isaac Alonso Estraviz en Allariz, na Casa da Fundación Vicente Risco e deixámonos levar polo pracer da escoita.