05/05/21

'Os afogados' | As miradas de Isaac

 

Na exposición 'As miradas de Isaac' no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura exhíbese unha obra pintada por Díaz Pardo en 1946 e que conmove profundamente: 'Os afogados'. Nela transmítese cunha extraordinaria forza expresiva a traxedia da morte. Mais, aínda que o cadro ten por título 'Os afogados' e recolle varios elementos claramente mariños, o título ben podería ter sido 'Os fusilados', xa que se trata dunha metáfora das persoas asasinadas nas cunetas polos fascistas nos primeiros días do golpe de Estado de 1936. Díaz Pardo deixou a pintura xusto cando empezaba a ser un artista recoñecido dentro e fóra do país, porque tal e como el mesmo recoñeceu non se sentía cómodo pintando para a burguesía da época, mais fíxoo tras crear obras tan extraordinarias e de tan profundo dramatismo como esta, un lenzo no que é imposible non imaxinar a súa propia dor pola tráxica morte do pai e pola de tantos outros asasinados coma Díaz Baliño nas cunetas nese verán de terror de 1936.