A popular terraza do Portiño, famosa durante décadas polos seus eventos e postas de sol privilexiadas, hoxe cobra vida de novo grazas a Estrela Galicia e a súa nova proposta de establecemento: A Tita Rivera. Esta esperada inauguración unida á conxuntura das festas do Nadal, provocou que esta mañá se producisen colas de clientes para entrar e ser os primeiros en probar esta experiencia.
Algúns esperaban pacientemente á súa quenda a pesar das baixas temperaturas presentes hoxe na cidade e outros se marcharon decididos a probar sorte noutro día menos sinalado. O establecemento estará aberto de mércores a domingo entre as 11.00 e as 23.00 horas fronte ao mar e ao abrigo do porto coruñés.
Este é o terceiro local que Bares&Estrellas Food Services S.L., da Corporación Hijos de Rivera, abre en España: un está situado en Madrid e o outro na praza de Compostela de Vigo. Cada un dos establecementos ten unha "personalidade propia" e o obxectivo que se persegue está intimamente relacionado coa sustentabilidade. Unha filosofía moi presente mesmo na aparencia do establecemento, xa que hai mobles reutilizados ou elaborados con madeira de encofrado de obra, ademais de bancos feitos con madeira de batea recuperada e unha barra composta polo vidro de botellas de Estrella Galicia.
Así mesmo, este respecto ao mar e á terra fan que este local se converta nun enclave estratéxico para We, The sustainability Project, plataforma de sustentabilidade de Vazva e Hijos de Rivera. Canto á oferta gastronómica, a proposta céntrase en produtos da terra como mexillóns de Lorbé, berberechos da ría procedentes de pesca sostible, verduras ecolóxicas de Horta Millarada, patacas de Coristanco, xeados de Bico de Xeado e o porco celta de Pata Celta, á parte de que A Pulpeira de Melide incorporarase os primeiros domingos.