13/10/20

O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria

Autores Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira

Presentado como preocupación dalgúns historiadores galegos, ou como cuestión escura e marxinal propia de especialistas, o certo é que o vello Reino medieval de Galicia tivo unha entidade histórica real entre o século V e os comezos do século XIII. Chegou a estenderse dende o Atlántico até as terras da actual Cantabria e dende o Canatábrico até as beiras do río Douro. Así o recoñecen boa parte das fontes históricas europeas e musulmás. Pola contra, nas hispanas "asturianas, leonesas e castelás" a súa existencia foi deturpada e agochada. Un agocho asumido máis tarde pola maioría dos historiadores dos séculos XIX e XX, que empregaron esas fontes cristiás para dar vida a un relato histórico de corte esencialista que xustificase e lexitimase o nacemento e desenvolvemento do Estado español contemporáneo. Neste relato, o Reino medieval de Galicia quer non existía, quer se supeditaba, como unha mera anécdota, á pretendidas historia de España. Do porqué dese agocho e desa desmemoria dan conta os autores deste libro.