A editorial Baía publica un libro dez relatos de escritoras galegas actuais
Temos nesta obra dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais, diversas en estilo narrativo, experiencias, recoñecemento e noutros moitos aspectos vitais, pero que coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia.
En palabras recollidas do Epílogo de Ana Luisa Bouza:
Non
hai que confundir a realidade co desexo dos homes, recoméndanos un dos
relatos desta obra colectiva. Non hai que confundir a literatura coa
ollada masculina. A simple acción de escribir, de pasar de lectora a
autora, de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o
punto de vista. Mais este cambio faise radical cando a escrita é
feminista. Se ollamos alén da aparente banalidade da escrita de ficción,
podémonos facer unha idea da importancia do relato dos relatos na
socialización, na construción, destrución e cambio de estereotipos de
toda caste, incluídos os de xénero.
[...]
Algúns modelos e relatos
alternativos que se nos ofrecen dende a produción cultural, optan pola
vía do cambio cuantitativo, expoñendo gran cantidade de exemplos que
mostran opcións diferentes de comportamentos, coa pretensión (máis ou
menos consciente) de provocar un efecto acumulativo, que vaia reforzando
novas sinapses e debilitando as antigas de maneira que se adopten
comportamentos máis adecuados ás demandas dos novos escenarios e
situacións. Outros modelos procuran a vía cualitativa do cambio,
contradicindo de maneira dramática o estereotipo tradicional, para que
mude de golpe a nosa visión do que debe ser e do que pode ser. E que ese
cambio sexa permanente.
As escritoras dos relatos desta obra
colectiva, atopan eses escenarios e historias propicios a contradicir os
argumentos da dominación. Algunhas re-visitando vellas historias dende a
ollada feminina, outras re-significando os arquetipos clásicos, cunha
nova explicación [...]. Usan a ironía como arma de combate simbólico
[...].