12/10/19

A quebra na transmisión xeracional do galego certifica a importancia da poboación neofalante no futuro da lingua

O pasado setembro o Instituto Galego de Estatística actualizaba os datos de uso e coñecemento da lingua galega. As cifras amosaban que o galego resiste como lingua maioritaria entre a metade da poboación, aínda que cun enorme 'pero': esa resistencia aséntase fundamentalmente na poboación maior de cincuenta anos. Mentres, pola banda da mocidade as persoas que din falar habitualmente en galego ou "máis en galego que en castelán" xa non chegan ao 40% e a proporción cae por baixo do 30% no caso da infancia de 5 a 14 anos. O panorama ten aínda máis sombras no que atinxe ao coñecemento infantil: a cuarta parte dos nenos e nenas sabe falar galego "pouco ou nada", case seis puntos máis que a comezos de século.