22/01/20

Un nome para o Ofimático: Xuxán

Nun informe realizado en setembro de 2019 para o goberno do concello da Coruña, a Real Academia Galega recomenda preservar o topónimo, único en Galicia e anterior ao século XVIII
 Información  de Montse Carneiro en La Voz de Galicia (22-1-2020)

 Xuxán era como un paraíso, o terreo facía de muro e alí nin se oían os coches, dixo alguén na homenaxe póstuma ao último lutier de gaitas da Coruña, Xosé López Bao, O rei do si bemol, desfiuzado da súa casa aos 85 anos. No 2012, as casas, a fonte e o lavadeiro de Xuxán aínda ocupaban o centro do Ofimático, aínda que o calificativo do polígono tecnolóxico aprobado polo pleno municipal vinte anos atrás xa silenciara os nomes antigos.
 
Evolución da área de Xuxán 1957 (dereita) imaxe aérea de 2017 (esquerda)
En Xuxán desaperceu antes o nome ca o lugar, advirte Iván Méndez, técnico do seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) e autor dun informe sobre a toponimia tradicional do novo barrio entregado no Concello da Coruña en setembro de 2019. Nel, o investigador detalla 50 nomes de núcleos, leiras e lugares desta área entre Eirís e Lavedra -A Vedra, como Pontevedra, corrixe-, e recorda a obriga da Administración local de protexelos e preservalos, en cumprimento da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016 e doutras recomendacións da Unesco sobre a conservación dos nomes xeográficos.
O informe naceu nunha visita institucional de Inés Rey ao presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, tras ser investida alcaldesa. Foi anecdótico. Falamos de como colaborar no noso labor e do mapa da toponimia de Galicia. nEla é unha señora sensible a estes temas, e entón comentou que precisamente tiña un barrio que lle preocupaba porque recibía queixas de veciños que non sabían nin de onde eran, recorda Freixanes, que inmediatamente ofreceulle un informe en dous días sobre a toponimia do Ofimático.

17/01/20

14/01/20

21 días de orgullo neofalante

Preto de 4.000 estudantes participan este ano no programa de dinamización lingüística


Alumnado do Colexio Fogar de Santa Margarida da Coruña participa na inicativa

O IES Blanco Amor de Ourense tamén está no programa

O IES Sanxenxo (Pontevedra) tamén

Igual que o IES Xelmírez I de Santiago
 

Calendario científico escolar: ciencia en galego para cada día do ano





13/01/20

Os 20 do XX: unha ollada a Galicia

Como era a Galicia dos anos 20 do século XX? Nesta serie de vídeos explicativos animados botámoslle unha ollada á sociedade galega de hai 100 anos. Comezamos por unha visión panorámica á poboación, a economía a política e a sociedade deses anos, marcada pola emigración, o movemento agrarista, a ditadura de Primo de Rivera, o crecente desenvolvemento das cidades e a escasa presenza das mulleres na vida pública.



https://vinte.praza.gal/video/os-20-do-xx-capitulo-1-unha-ollada-a-galicia

Galicia ten mais de 70 especies en perigo de extinción


No mundo actualmente estase a producir o que os científicos xa chaman a sexta extinción masiva, alusión ás cinco anteriores que xa sucederon no pasado da Terra, e que levaron á extinción de numerosas especies, mais que neste caso está a ser provocada polo ser humano: a contaminación, o cambio climático acelerado ou mesmo directamente por medio da deforestación ou otros medios coma a caza ou a pesca excesiva , entre outros problemas son as súas causas principais e estímase que xa a octava parte dos 8 millóns de especies que se estiman na Terra están en perigo. Galicia non é unha excepción.Segundo o catálogo galego de especies ameazadas na nosa comunidade atópanse actualmente en perigo 74 especies autóctonas, das cales soamente tres teñen plans de protección :son o sapoconcho europeo , a escribenta das canaveiras e a píllara das dunas, mais algúns que coma o oso pardo ou a da pita do monte (a cal leva extínta en liberdade oficialmente dende o 2003) que non termináronse levando a cabo por falta de presuposto. Algunhas especies, coma a pita do monte, que crese xa extinta, pero que podemos encontrar en figuriñas de Sargadelos ou na memoria popular ,ou as camariñas das que só quedan nalgunhas zoas e que ademais fotman parte do imaxinario e da cultura galegacon lendas e historias propias destacan tamen por non ter tampouco fortes medidas de recuperación,e segundo algunhas asociacións ecoloxistas co paso actual de conservación necesitaríanse mais de catrocentos anos para axudar a todas estas especies, tempo que estas especies non poden esperar se queremos que sigamos gozando delas e da súa biodiversiade no noso entorno e que poidamos seguir aprendendo delas e coñecelas. Se queredes mais información podedes buscar en: 



1º BAC D. Rubén Fernández Vecino

11/01/20

A Coruña das Mulleres


Elaborada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda

Dende a AC Alexandre Bóveda levan moito tempo denunciando a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. É necesario contruír de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual que sexa útil para a formación, a consulta e a investigación sobre a memoria feminina da cidade da Coruña.

 
Traballadoras na Fábrica de Tabacos da Coruña © A Coruña das Mulleres

08/01/20

Miserábeis: o musical

O teatro musical para fomentar a igualdade, a dinamización do galego e o desenvolvemento das competencias na secundaria.

07/01/20

1000 nenos cantan "Chea de vida"

Xornadas de canto coral escolar Mil nenas e nenos cantan a coro en Navantia a canción "Chea de vida" con Guadi Galego e Guille Fernández, dirixidos por Ramón Bermejo. Trátase dunha actividade dentro do marco da celebración do día das letras galegas do 2017. Este proxecto contou coa axuda da Secretaría Xeral de Política lingüística e da empresa Navantia. 

As bibliotecas gañan espazos. Avaliar para aprender


 

O impacto da violencia de xénero no alumnado




02/01/20

Sés: "Milonga de aquí"


Galiza perde case 100.000 habitantes entre o 2009 e 2019

Galiza tiña 96.590 habitantes menos no 2019 que fai unha década segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística a partir da revisión dos padróns municipais. A evolución demográfica é demoledora tanto no relativo ao crecemento vexetativo (morre moitísima máis xente da que nace) (e algo de responsabilidade terá a Xunta de Galicia posto que os resultados son moi negativos a pesar da aposta por unha "política natalista" que non está dando os resultados esperados) e no crecemento migratorio onde vimos nos últimos dez anos unha emigración da poboación nova cara a outros puntos do mundo principalmente Europa.
Dos 313 concellos que actualmente hai no país tan só 42 (13,4%) medraron en poboación. As áreas metropolitanas das principais cidades do territorio (coa excepcionalidade de Ferrol que sigue perdendo poboación de forma alarmante: máis de 8.000 habitantes). Tamén medran en poboación algúns municipios da Mariña lucense (Burela e Foz) e nas Rías Baixas crece na comarca do Salnés (Cambados, Illa de Arousa...) e a comarca do Val Miñor.
Noutro apartado observamos que 271 (86,6%) concellos teñen hoxe menos habitantes que hai dez anos predominando o despoboamento nos concellos da Galicia interior aínda que todas as provincias teñen menos poboación que fai unha década.





Verín cumpre un mes en pé contra o peche da atención aos partos: "Aguantaremos o que faga falta"



Iago, o primeiro bebé galego do 2020, naceu nun hospital comarcal

Tras o peche do paridoiro de Verín, o primeiro neno do ano en Galicia é do Barco e fillo dunha verinesa



Nace "Nós Diario"


"Nós Diario nace como un medio aberto, con vontade de escoitar todas as voces e de ofrecer información veraz, rigorosa e plural". Con estas palabras resumía Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, o leit motiv do xornal que se publica en papel de martes a sábado dende inicios deste ano 2020.
Tamén ten a súa edición dixital.



31/12/19

Quen inventou o futbolín?

Alexandre de Fisterra


Alexandre Campos Ramírez, coñecido como Alexandre de Fisterra, (nado en Fisterra en 1919 e falecido en Zamora no 2007) foi editor, escritor, inventor, republicano e testamentario de León Felipe.



Fillo do radiotelegrafista de Fisterra, Alexandre viviu nesa vila ata os cinco anos, para se trasladar despois á Coruña. Ós quince anos marchou estuda-lo bacharelato a Madrid.
Unha vez alí, a zapataría do seu pai quedou arruinada, polo que ó non poder paga-lo colexio privado no que estudaba, o director púxoo a corrixi-los deberes dos párvulos pagando así a matrícula. Tamén traballou na construción coma peón de albanel, como bailarín de claqué e despois nunha imprenta. Ademais foi nesta cidade onde coñeceu a León Felipe (do que sería testamenteiro), que xunto con Rafael Sánchez Ortega, editaron o xornal Paso a la juventud para vendelo pola rúa.

A guerra e o exilio

En novembro de 1936 quedou sepultado nun dos bombardeos de Madrid durante a Guerra Civil. Ó ter feridas graves foi trasladado a un hospital de Montserrat (Barcelona). Alí coñece moitos nenos feridos coma el, incapaces de poder xogar ó fútbol, e foi daquela cando pensou no futbolín inspirándose no tenis de mesa.
Confioulle ó seu amigo Francisco Xavier Altuna, un carpinteiro vasco, a fabricación do primeiro futbolín seguindo as súas instrucións. Non obstante, non puido vende-lo invento a nivel industrial xa que tódalas fábricas de xoguetes, a maioría en Valencia, estaban a fabricar armamento por mor da guerra. Patentou a invención en Barcelona no ano 1937 ó igual có primeiro pasafollas de partituras movido co pé que fixo para unha rapaza pianista da que estaba namorado. Co triunfo franquista na guerra, tivo que se exiliar a Francia cruzando a pé os Pirineos e debido a que estivo a chover durante dez días, perdeu a patente que levaba no macuto.
No ano 1948 marcha a Quito (Ecuador). Alí funda a revista Ecuador 0°, 0', 0" coa que dedicaba cada número a poetas dun país. Máis tarde, en 1952, foi a Guatemala, e alí despois de mellora-lo futbolín comezou a fabricalos, facendo un bo negocio. Alí foi ademais onde xogou partidas contra o Che Guevara. Isto aconteu mentres había democracia no país, xa que tralo golpe de estado do coronel Carlos Castillo Armas, foi roubado e secuestrado, quedando sen nada.
Axentes especiais españois embarcárono pois nun avión en dirección a España, pero el puido escapar, refuxiouse nos lavabos do avión e construíu unha bomba ficticia envolvendo xabrón con papel de aluminio. Con esa "bomba" ameazou a tripulación e gañou o favor dos viaxeiros logo de dicirlles que era "un refuxiado español". O avión desviouse a Panamá. Máis tarde marcha a México onde atopou amigos poetas e escritores polo que permaneceu alí adicándose ás artes gráficas e a editar. Así fundou e presidiu a editorial chamada Editorial Finisterre Impresora dende a cal editou a revista do centro galego de México e libros de variados poetas, entre os que se atopan León Felipe e Juan Larrea. Ademais foi redactor de El Nacional e editou un facsímile da revista Galeuska e o primeiro libro de poemas do nicaragüense Ernesto Cardenal.

O regreso

Cando volta a España logo de morrer Franco sorprendeuse ó ver que o futbolín se estendera amplamente, malia que gran parte desta divulgación se debera ó feito de que os fabricantes valenciáns asumiran o xogo coma nacional. Convenceu a editorial Alianza para reimprimir as obras completas de León Felipe e traballou intensamente na divulgación da obra deste poeta, de quen xestionaría a herdanza coma testamentario.
Os últimos anos da súa vida vivíunos en Zamora (a patria chica de León Felipe), onde faleceu, na súa casa do barrio de Pinilla. As súas cinzas foron espalladas no Río Douro ó seu paso pola cidade de Zamora e no Atlántico en Fisterra.
Era membro non numerario da Real Academia Galega.



Curiosidades

  • O grupo coruñés Os Diplomáticos de Monte Alto compuxo unha canción dedicada ó futbolín que comeza mencionando ao inventor: Ano 37, guerra civil / Alexandre de Fisterra inventa o futbolín. A canción fíxose famosa ó ser parte do videoclip do contentor infantil da Televisión de Galicia Xabarín Club.
  • Estaba casado coa cantante lírica María Herrero.
  • Malia toda a gran cantidade de facetas, Alexandre dicía que a súa vocación frustrada era «ser arquitecto».

29/12/19

O galego, materia pendente na misa

Hai 50 anos (1969) que se aprobou o seu uso litúrxico oficial pero a súa utilización sigue sendo mínima. Incluídos contextos galegofalantes como os da Galicia rural ou os barrios populares nas nosas vilas.



Misa das 13:30 en San Nicolás (A Coruña) unha das poucas parroquias da cidade onde se oficia a ecuaristía en galego

Alerta lingüística en Galicia: os nenos e os xoves perden o galego

Familias, profesorado e institucións culpan da perda de falantes a prexuizos e restricións na escola e o mundo dixital




Falece o prestixioso arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois

O prestixioso arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois (A Coruña, 1924) faleceu o domingo 29 de decembro a mediodía na súa cidade natal, tras complicarse unha afección respiratoria leve. Fernández-Albalat era un referente de la arquitectura de Galicia, onde deixou obras tan importantes como a fábrica de Sargadelos en Cervo, a rehabilitación do castelo de Monterrei, o estadio multiusos de San Lázaro, as facultades de Bioloxía e Matemáticas da Universidade de Santiago os edificios da Seat, a Sociedade Deportiva Hípica, o Conservatorio, a Escola de Idiomas e a Coca-Cola en A Coruña.


Polémica coa designación de Tomás Batuecas para o día da Ciencia en Galicia 2019

O exprofesor de secundaria Xosé Antón Fraga considera que é un novo agravio para a figura do xeólogo Isidro Parga Pondal posto que foi o responsable da súa expulsión da Universidade de Santiago en 1936.
Considera por outro lado que os máximos responsables da Real Academia Galega das Ciencias deberían ter aclarado este aspecto na Unidade Didáctica publicada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia durante este curso. Na presentación desta unidade o presidente da Real Academia falou de trasladar aos alumnos valores nos que, segundo el, salientou o científico Batuecas: a rigorosidade, a tenacidade, a sinceridade e a honestidade (sic). Aspectos que se poñen en cuestión co seu comportamento ético neste apartado.


Isidro Parga Pondal

28/12/19

Sentidiño a palabra do ano 2019

Unha ondulante fronteira divide o que sentimos e o que pensamos. Por iso moitas veces quen nos quere ben encoméndanos ao noso sentir: Vai con sentidiño! Quen así nos aconsella é posible que confíe máis na nosa intuición ca na nosa intelixencia, porque o sentidiño, aínda que pareza un paradoxo, non sempre acompaña o xeito de actuar das persoas máis brillantes. Que nos reprochen que non temos sentidiño ningún non nos descualifica, polo tanto, no intelectual pero é un convite a que pensemos dúas veces nas posibles consecuencias de calquera acción. O sentidiño, en definitiva, nunca sobra, e quizais por iso desta volta decidistes que sexa A Palabra do Ano 2019.




No lingüístico sentidiño é unha palabra derivada que ten como base o vocábulo sentido, que se orixina á súa vez da substantivación do participio pasado do verbo sentir, procedente do equivalente latino sentire “percibir polos sentidos”. De todas as acepcións que recolle o Dicionario para a palabra sentido, refírese á cuarta, a “capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta”. O aspecto máis interesante do termo é o papel do sufixo derivativo –iño, que neste caso non outorga á nova palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de “calidade de sensato’, expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala. De feito, o noso sentidiño podería considerarse un sinónimo do sentido común, que o Dicionario define como “bo xuízo” ou “calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente”.
Outra palabra da nosa lingua para se referir ao mesmo concepto que designa sentidiño é siso, “bo entendemento para falar ou actuar”, e tamén atopamos vocábulos similares noutros idiomas próximos. O noso sentidiño aseméllase moito, de feito, ao seny do catalán, cuxa primeira acepción denomina a “ponderación mental”. Bebe tamén do latín sentire, raíz compartida igualmente con outras solucións de idiomas da mesma familia nos que o adxectivo bo funciona como o noso -iño neste caso. Atopamos así o buonsenso italiano, o bon sens francés ou o bom senso portugués. Na banda dos antónimos podemos destacar arrouto ou arroutada, definido nunha das acepcións que lle asigna o Dicionario como aquel “feito pouco atinado ou pouco razoable”.
O sentidiño é, en definitiva, unha boa calidade que nos define como seres humanos e que nos axuda a sobrevivir no medio. Agora que se achega o 2020 desexámosvos boas doses del, pero tamén que nos vos impida o soño de voar. Por iso rematamos este 2019 cun desexo colectivo para un mundo mellor nos vindeiros doce meses: sexamos realistas e pidamos o imposible! (iso si, con sentidiño!).

27/12/19

Unha ducia de lugares de Galicia na 'lista vermella do Patrimonio'

A Asociación Hispania Nostra traballa dende 1976 promovendo a conservación do Patrimonio e dende hai uns anos mantén unha lista vermella de elementos patrimoniais "ameazados, en perigo ou con eivas na súa conservación", con 700 bens de todo o Estado e ao redor de 35 en Galicia. Tamén conta cunha lista verde con aqueles elementos que pasaron a estar correctamente protexidos. Velaquí apenas 12 exemplos galegos, aos que se poderían sumar a Torre dos Moreno (Ribadeo), o Pazo do Casal (Brión), a Casa Becerra (Vilagarcía) ou o Castelo de Pambre (Palas de Rei)

Parque do Pasatempo

26/12/19

Heráclito, Parménides e o Mixto de Monelos


MANUEL RIVAS EL PAÍS 15/10/2010
 
Estabamos de pé nas butacas de veludo roído do vello cine Monelos. Bailabamos ás ceibas Los chicos con las chicas. Los Bravos fixeron unha película a partir de aquel hit que tanto petou a finais dos sesenta. Pero nós tiñamos un motivo especial para berrar o elemental retrouso: "¡Los chicos con las chicas tienen que estar!" O de Monelos foi o primeiro instituto mixto. Unha revolución. Un frenesí. Ás veces viñan en grupo alumnos de colexios privados, relixiosos, para ver aquel espectáculo. O de saírmos xuntos das aulas mozos e mozas. Os pantalóns de campá, as primeiras minisaias. Mais sobre todo esa excitación de estarmos xuntos. Trazar de súbito unha conexión coa ollada, mentres o profesor Caeiro explica o debate esencial que atravesa a historia. Ou es Parménides. Todo permanece. Ou es Heráclito. Todo flúe: nunca nos bañamos no mesmo río.
Heráclito tiña razón, pero a Parménides tampouco lle faltaba.
O río, bañarse xuntos, nena. Permanecer, fluír. Velaí a filosofía.
Eu corría para aquel instituto. Cos pés e coa cabeza. Baixaba campo a través até Elviña. Cruzaba como un vietcong a avenida de Alfonso Molina, aquela ruta Ho Chi Min onde morría tanta xente atropelada. Un deles, o noso avó materno, o labrador escribá de Corpo Santo. Ao andareiro non o matou a guerra e foino matar un coche na avenida. Un furtivo. Un condutor que se deu á fuga. E aló ficou o Manuel na cuneta, na hora do lusco fusco. O caso é que eu corría para Monelos por Mato Grande, que daquela era un mar de cereal, por un carreiro paralelo ao camiño de ferro, e despois abeiraba o novo Barrio das Flores. E a miña Ítaca era aquel instituto. Foino durante sete anos. Estaba na ladeira do monte, entre leiras, trala igrexa de Oza. Pouco máis que un galpón, de paredes e tellado liviáns, sempre con aire provisorio, pero que loitaba bravamente coa tempestade. Horrorízame o túnel do tempo, pero a aquela época de Monelos si que volvería. Ir ver que foi de Heráclito, Parménides e as Peggy Sue!
Para nós estudar foi unha aventura temeraria. Refírome a María e a min. Empuxárannos os mestres de primaria, don Antonio e dona Fina. Pero aquilo dividiu á familia. Daquela era moi raro que os fillos dunha familia obreira seguiran estudos alén da escola. Meu pai non o tiña claro. E agora compréndoo. El víame a min na obra e a María buscáralle xa un traballo de dependenta nunha zapatería. Non estaba mal, non si? Pero ela foi dúas semanas de proba. Volveu un día do traballo e dixo: "Non vou ir máis. Quero estudar."
E María, cando tiña unha idea clara, non dobraba. Tiña alma de sufraxista. Así que estudamos. A ela matriculárona na Milagrosa, un centro público que tiña un vínculo co orfanato da Deputación. En cuarto de bacharelato, María gañou un concurso de redacción. Primeiro na fase da Coruña. Logo para toda España. De premio, fixo unha viaxe a Porto Rico. Os xornais titularon: "La hija de un albañil gana el concurso nacional de redacción". Aquel conto de María, escrito aos 14 anos, era un texto insólito, dunha fermosa dureza. A vida dunha árbore, a súa tala, a súa viaxe para ser despezada nun serradoiro. Esa clase de relato no que te preguntas: Como se fai isto? Un ano despois daquel premio, María desfíxose dos agasallos que lle deran. De todo. Agás duns discos de música portorriqueña e dun libro da poesía completa de Tagore. Medraba nos ollos a muller libre e a liberdade tamén pode doer. Lembro que non parou de chorar o día do golpe de estado en Chile, coa morte de Salvador Allende. E había quen sabía o porqué, e había quen non e preguntaba: "Pero, que lle pasa a esta nena?". E miña nai calaba.
Eu corría para Monelos cada día. Nunca pensara que o lugar de estudos puidera ser de tal xeito o lugar do desexo. O lugar erótico. Hoxe fálase moito dos "lugares" e dos "non lugares". Algo pasou alí. Unha cousa psicoxeográfica fixo concordar a un profesorado especial, con profesoras de literatura como Luz Pozo e Ánxeles Penas, e a unha rapazada insurxente. Semellaba un retallo da Institución Libre do Ensino no arrabalde coruñés.
Un sábado pedimos o espazo que facía de ximnasio para unha actividade libre, organizada polo alumnado. Juana, Celsa e Luciano recitaron a Bertold Brecht. Puxéronse discos de Voces Ceibes. Interpretamos o Catecismo do labrego, do tío Marcos da Portela.
-Sondes labrego?
-Si, pola miña disgracia.
Quen preguntaba, quen facía de cura, era Pedro Morlán. E eu era o labrego. El, Morlán, facía moi ben de confesor. Talvez pola súa presenza de mozo pálido, alto, fraco e revolucionario. Iso de revolucionario, en Monelos, dalgún xeito, erámolo todos. Había profesores conservadores, si, pero éranche os máis excéntricos. Mesmo os curas eran roxos. Primeiro, don Maurilio. E Pampín, que veu despois, de aparencia tímida, sempre a cismar, como se levase o peso do mundo enriba. Todo o contrario de don Maurilio. Un home miúdo este, fibroso, eléctrico. Semellaba que o corpo todo traballaba para a voz. Para soster leccións maxistrais ou prédicas co sal da terra. Por mor deste crego, fillo de labradores casteláns, soubemos aos 14 anos quen era Helder Cámara, o bispo brasileiro de Olinda que abriu o camiño da teoloxía da Liberación, ou Ernesto Cardenal ou Camilo Torres, mais tamén os presupostos básicos do estruturalismo ou da psicanálise. Creouse unha comunidade de base. Puidemos trasler os Evanxeos e entender moi ben que a Cristo, se volvese, crucificaríano outra vez os poderosos.
Pampín falaba galego. Comentoume un día que tiña algo para min. Fun á pensión onde vivía, en Catro Camiños. Deume un libro e díxome: "Lévao debaixo do xersei".
Era o Sempre en Galiza de Castelao, editado en América.
Por aqueles días ocorreu outra cousa. A brigada político social visitou a dirección de Monelos. E acabáronse os actos do sábado. A Institución Libre do Arrabalde, "los chicos con las chicas", estaba no punto de mira.

17/12/19

O ano no que a ficción galega triunfou nas plataformas globais como "Netflix"

O sabor das margaridas

É un caso interesante de como unha serie que tivo unha audiencia modesta na Televisión de Galicia conseguiu chegar a audiencias de moitos países, sendo ademais a primeira serie en galego que se distribúe en Netflix. “Tiveron que facer unha mellora técnica na plataforma para meter a opción de lingua galega, que non a tiñan”; explica o seu produtor executivo, Ghaleb Jaber Martínez, de CTV: “Foi unha pequena tarefa para un informático pero un grande paso para a nosa lingua”.

Máis información en Papeis da Academia

 

Mariluz. MJ Pérez

“Mariluz” é un tema inspirado nunha escena da obra “Elisa e Marcela” de A Panadaría. Unha canción que nace fai dous anos como algo anecdótico e que MJ decide sacar adiante facendo que cobre outra dimensión. Deste xeito, “Mariluz” foi o pretexto ideal para facer unha colaboración especial entre A Panadaría e MJ Pérez. Este videoclip foi gravado en dúas partes: unha en xaneiro de 2019 e outra en outubro deste mesmo ano. Co humor e a ironía como arma, “Mariluz” convírtese nunha ferramenta de crítica. É unha critica ás cidades escaparate, que agochan a precariedade e a exclusión social, así coma á tendencia xeral de buscar o artificio e a sorpresa, quedando só no superficial.


16/12/19

Rosalía de Castro e o río Sar xa alumean no ceo

O nome da poeta galega dá nome á estrela HD 149143  e o río que atravesa a capital galega ao planeta  HD 149143 b grazas a milleiros de votos en todo o mundo nunha votación online. 



Rosalía de Castro e o Río Sar son os claros vencedores da votación online para elixir o nome dunha estrela e dun planeta, dentro do proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU). Baixo o nome ‘NameExoWorlds’, asignouse a cada estado, máis de 110 en total, un sistema formado por unha estrela e un planeta que a orbita para que se lles dese un nome a través da participación cidadá. No caso do estado español, votouse entre unha ducia de propostas sendo as gañadoras (entre os máis de 34.000 votos) Rosalía de Castro e Río Sar. Desde agora, a estrela HD 149143 e o seu planeta HD 149143 b.
A proposta naceu da Agrupación Astronómica Coruñesa IO. Esta parella de nomes obtivo na votación exactamente 13.413 votos, máis dun 39% do total.

Compostela amplía a moratoria aos novos pisos turísticos, que seguen multiplicándose en toda Galicia


 

09/12/19

A peza solta - MJ Pérez

Tomás Batuecas Marugán . Creador da química física en Galicia

A UNESCO declarou 2019 como Ano Internacional da Táboa Periódica para conmemorar o 150 aniversario da publicación, por Dmitri Mendeleev, dunha táboa periódica que permitía ordenar os elementos químicos ata entón coñecidos. Ao fío desta efeméride, a Real Academia Galega de Ciencias elixiu como figura do Día da Ciencia en Galicia outro químico, Tomás Batuecas, polas súas contribucións no campo das masas atómicas.
Con tal motivo, o Consello da Cultura Galega presenta, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega de Ciencias, esta unidade didáctica coa que pretende, no camiño do seu compromiso en prol da divulgación dunha cultura científica galega en galego, dar a coñecer a quen foi o gran creador da química física no noso país. A publicación recolle de xeito ameno e con rigor científico as achegas que Tomás Batuecas fixo desde Galicia á ciencia. En principio, non se encadra o seu uso en ningunha etapa en particular do ensino non universitario e pódense levar a cabo varias das actividades propostas na educación infantil, na primaria ou na secundaria, en función da orientación e profundidade que se lles queira dar.


Vida Ártabra

Un realizador de Cambre estrena un documental en defensa dol humedal que está a punto de destruir a nova vía.




08/12/19

Cando te canses - MJ Pérez


"Cando te canses" é un dos temas que recolle o disco "Casandra", o terceiro de MJ Pérez. Unha canción que amosa unha faceta distinta desta artista, achegándonos a outro estilo moi preto do fado. Conta coa colaboración especial de Paco Cerdeira ao Bouzouki.

07/12/19

O Fío do que Pendo - MJ Pérez


"O Fío do que Pendo" é un dos temas que recolle o disco "Casandra", o terceiro de MJ Pérez. Unha canción con un tinte diferente, na que MJ se achega aos ritmos latinos que destacan grazas á colaboración especial de Ailén Kendelman nas percusións.

06/12/19

Vai Embora! MJ Pérez

Vai Embora!" é o NOVO SINGLE de MJ Pérez, o seu primeiro em português. A cantautora galega, com raízes em Portugal apresenta esta nova música que combina a sua essência com influências da música folclórica portuguesa e do Fado. O humor e a ironia estão presentes nesta nova música de MJ, aonde a cantora convida a mandar embora tudo aquilo que nos faz mal e não nos permite ser nós mesmos.