Unha
ondulante fronteira divide o que sentimos e o que pensamos. Por iso
moitas veces quen nos quere ben encoméndanos ao noso sentir: Vai con sentidiño! Quen así nos aconsella é posible que confíe máis na nosa intuición ca na nosa intelixencia, porque o sentidiño, aínda que pareza un paradoxo, non sempre acompaña o xeito de actuar das persoas máis brillantes. Que nos reprochen que non temos sentidiño ningún
non nos descualifica, polo tanto, no intelectual pero é un convite a
que pensemos dúas veces nas posibles consecuencias de calquera acción. O
sentidiño, en definitiva, nunca sobra, e quizais por iso desta volta decidistes que sexa A Palabra do Ano 2019.
No lingüístico sentidiño é unha palabra derivada que ten como base o vocábulo sentido, que se orixina á súa vez da substantivación do participio pasado do verbo sentir, procedente do equivalente latino sentire “percibir polos sentidos”. De todas as acepcións que recolle o Dicionario para a palabra sentido,
refírese á cuarta, a “capacidade mental de actuar de maneira razoable e
correcta”. O aspecto máis interesante do termo é o papel do sufixo
derivativo –iño, que neste caso non outorga á nova
palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de “calidade de
sensato’, expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa
coa que se fala. De feito, o noso sentidiño podería
considerarse un sinónimo do sentido común, que o Dicionario define como
“bo xuízo” ou “calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente”.
Outra palabra da nosa lingua para se referir ao mesmo concepto que designa sentidiño é siso, “bo entendemento para falar ou actuar”, e tamén atopamos vocábulos similares noutros idiomas próximos. O noso sentidiño aseméllase moito, de feito, ao seny do catalán, cuxa primeira acepción denomina a “ponderación mental”. Bebe tamén do latín sentire, raíz compartida igualmente con outras solucións de idiomas da mesma familia nos que o adxectivo bo funciona como o noso -iño neste caso. Atopamos así o buonsenso italiano, o bon sens francés ou o bom senso portugués. Na banda dos antónimos podemos destacar arrouto ou arroutada, definido nunha das acepcións que lle asigna o Dicionario como aquel “feito pouco atinado ou pouco razoable”.
O sentidiño é, en definitiva, unha boa calidade que
nos define como seres humanos e que nos axuda a sobrevivir no medio.
Agora que se achega o 2020 desexámosvos boas doses del, pero tamén que
nos vos impida o soño de voar. Por iso rematamos este 2019 cun desexo
colectivo para un mundo mellor nos vindeiros doce meses: sexamos
realistas e pidamos o imposible! (iso si, con sentidiño!).