Amosando publicacións coa etiqueta dereito. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dereito. Amosar todas as publicacións

06/08/22

LUGO, EXEMPLO DE GALEGUIZACIÓN XURÍDICA

 Tecer redes para a normalización do galego na sociedade é algo fundamental para promover unha visibilización da nosa lingua en todos os ámbitos da vida, tamén no xurídico. Con esta finalidade a Irmandade Xurídica Galega levou a cabo na cidade de Lugo, xunto coa Deputación Provincial, o concello da cidade, a Audiencia Provincial e a Xunta de Galicia, un acto de homenaxe a aqueles operadores xurídicos que co seu traballo dinamizan o proceso de normalización lingüística no eido xurídico.

21/07/22

COUTO MIXTO: SOÑO E REALIDADE

 O sábado 2 de xullo de 2022 celebrouse en Santiago de Rubiás un novo acto de nomeamento de xuices honorarios do Couto Mixto, 3 persoas que en cadanseu ámbito representan un valor engadido para eses territorios da Galicia profunda e do Portugal esquecido. Dª. Consuelo Castro Rei, xurista, Avogada Xeral do Estado, ourensá de cerne que leva Galicia na pel a pesar de estar lonxe da terra; D. Armando González, médico, ourensá chantado na terra que deu alma ao Couto Mixto coa fermosa letra do seu himno e Dª Diana Gonçalvez, directora de cine que no documental “Mulleres na Raia” deu voz a mulleres que viviron tempos difíciles na fronteira galego-portuguesa. 

Ao son da gaita galega foron achegándose os Homes de acordo, os novos Xuices Honorarios e as autoridades presentes no acto ata o adro da igrexa de Santiago de Rubiás onde os veciños fíxeron, como cada ano, a ofrenda floral ao derradeiro xuíz do Couto Mixto, D. Delfín Modesto Brandón. A Arca onde se garda a memoria documental do Couto Mixto, pechada con tres chaves que gardan cada un dos homes de acordo representantes das freguesías de Santiago de Rubiás, Rubiás e Meaus, saíu da sancristía para presidir, un ano máis, un acto de reivindicación histórica e de recuperación da memoria esvaida destes territorios arraianos. 

Unha morea de persoas ateigaron a pequena igrexa que a través dos séculos gardou a memoria colectiva destas terras como símbolo de unión entre galegos e portugueses, pobos irmáns con historia, cultura e lingua compartida. O acto estivo presidido polo Secretario xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez e polos alcaldes dos concellos de Calvos de Randín e Baltar. D. Luís García Mañá, presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto agradeceu a presenza das autoridades e deu a benvida ao gran número de persoas que se acercaron para acompañar aos novos xuices honorarios. 

Coa finalidade de buscar novos espazos de visibilización para estas terras, a Asociación de Amigos do Couto Mixto crea a partir deste ano un novo órgano de estudo, a Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto, que dirixirá o membro da Asociación D. Xosé Manuel Cid, pretendendo formar un espazo de traballo e pensamento integrado por persoas de distintas disciplinas que poidan aportar a súa visión para a recuperación deste singular territorio. A voz de María do Ceo e os seus músicos Xosé e Alex Salgado, resonou entre eses vellos muros de pedra facendo vibrar a todos os presentes coa súa sensibilidade.

09/07/22

XIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega. Con todo Dereito

A Irmandade Xurídica Galega, herdeira dun discurso galeguizador no ámbito do Dereito e da Xudicatura celebrou o día 11 de xuño a súa XIII Asemblea no Pazo de Fonseca en Compostela, facendo xirar o acto arredor da conmemoración do 50º aniversario do I Congreso do Dereito Galego celebrado na Coruña no ano 1972.
 
 

13/05/22

A CONSTANCIA NA GALEGUIZACIÓN XURÍDICA

 Coa presenza dunha ampla representación institucional e profesionais da avogacía, celebrouse no edificio da Audiencia Provincial de Ourense no mes de abril de 2022 un acto de homenaxe ao maxistrado D. Xoán Manuel Alfaya Ocampo e ao letrado D. Miguel A. González Trigás, ámbolos dous causantes da primeira sentenza ditada en lingua galega no Xulgado de Primeira Instancia núm. 2 de Ourense en marzo de 1988. 

O avogado membro da Irmandade Xurídica e Vicedecano da Facultade Ciencias Xurídicas e do Traballo da UdeVigo, D. Xosé Manuel Pacho Blanco e a avogada ourensá Dna. Yolanda Ramos Capelo, tamén da IXUGA, con cadansúa intervención centradas na necesidade de recoñecer a existencia dunha tradición xurídica galega que tivo querencia pola galeguidade, apelaron ao sentido da responsabilidade dos operadores xurídicos instándoos á utilización da lingua galega perante os órganos xurisdicionais. D. Antonio Piña Alonso, Presidente da Audiencia Provincial de Ourense, apuntou na súa intervención a importancia de exercer a profesión tendo en conta a realidade cultural de Galicia “porque o Dereito no territorio onde se exerce ten peculiaridades de seu que a lingua galega vehiculiza con maior precisión”. 

Tanto o maxistrado D. Xoán Alfaya Ocampo como o letrado D. Miguel A. González Trigás agradeceron á Irmandade Xurídica Galega a homenaxe que lles tributou facendo referencias aos seus respectivos exercicios profesionais no idioma galego porque é unha maneira de prestixiar a lingua cara á sociedade. O Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez, suliñou que actos de galeguización xudicial como éstes que leva a cabo a Irmandade Xurídica Galega son imprescindibles no calendario da normalización lingüística nun ámbito institucional que presta servizos á cidadanía, pois o galeguismo xurídico debe estar presente como unha actividade normal nos procedementos procesuais. Unha placa de bronce conmemorativa quedou para sempre colocada na entrada do edificio da Audiencia Provincial en homenaxe tamén a todos os operadores xurídicos que fan posible a galeguización xurídica.