Que pasa co galego? Non é unha pregunta que sexa allea a quen teña un
mínimo interese na nosa lingua. A resposta, pola contra, acostuma a
ofrecerse en foros especializados ou a través de discursos máis ben
académicos. O libro Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación social da lingua, publicado por Edicións Xerais,
está escrito polo catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de
Vigo Fernando Ramallo (Vigo, 1965), que formou parte do Comité de
expertos da Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias do
Consello de Europa, pero diríxese ao conxunto da sociedade que convive
coa lingua. Nel atópanse cuestións como o uso do galego nas redes
sociais, o bilingüismo, a relación coa Lusofonía, a intelixencia
artificial, os dereitos lingüísticos ou a influencia do capitalismo
sobre a lingua galega. Cun ton rigoroso, pero divulgativo, Ramallo
ofrece unha nova canle para facilitar a comprensión da problemática
actual do galego.
Emisión do segundo programa en directo de "Monelos no ar" realizado este mércores 30 de xaneiro.
O programa estivo centrado sobre preguntas e respostas sobre a institucións da UE, dentro do proxecto de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, e unha entrevista ao alumno de 2º de Bacharelato Xoel Saavedra importante promesa do voleibol español.
Coordinaron o programa as profesoras Mónica Alonso e Elena Conde. Na presentación estiveron as alumnas de 2º ESO Lara Beade e Inés Insua. Entrevistou Noelia Saavedra, de 3º de ESO, ao seu irmán Xoel.
Cando Arsenio conseguiu deter un diluvio, o Dépor fixo historia. Cando o Racing decidiu abandonar os infernos, comezaron a soñar cos ceos. Cando no 92 o CD Lugo colleu con firmeza o sacho, os campos da muralla tinguíronse para sempre de vermello e branco. E cando o Celta acadou a excelencia estética dentro dun campo de fútbol, puxo a bailar "A Rianxeira" a toda Europa.
Hoxe o fútbol galego vai, de man dadas, nun novo paso que virá marcar un antes e uns despois. Porque o fútbol profesional galego: Dépor, Racing, Lugo e Celta, berra con orgullo que en Riazor, na Malata, no Anxo Carro e en Balaídos "Tamén se fala galego".
A guionista e directora de cine Jaione Camborda nace en Donostia en 1983 aínda que, desde 2010, vive e traballa en Santiago de Compostela. A súa primeira longametraxe chámase Arima, premiada á mellor dirección no Festival de Cine de Sevilla. Coa segunda, O Corno, consegue a Cuncha de Ouro á mellor película no Festival Internacional de Cine de Donostia. É a primeira vez que se premia neste Festival un filme en lingua cooficial, neste caso, en lingua galega. Tamén é a primeira muller nada no Estado español que se fai coa Cuncha de Ouro. Entramos na Facultade de Ciencias da Comunicación, en Compostela, para falar con Jaione Camborda sobre estas conquistas, a importancia dun bo equipo técnico e de cine, moito cine.
A candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución.
Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar.
Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. A candeloria tamén podería estar relacionada coa festa romana das Lupercais, na que, alén de venerar o deus da fertilidade e a sexualidade masculina, Pan, facíase unha procesión onde os participantes zorregaban a xente cunhas tiras de coiro, co obxecto de “purificala”. O catolicismo procurou rematar coa festa –como fixo con moitas outras celebracións pagás–; para iso, o papa Xelasio transformouna na festividade relixiosa da “purificación” da Virxe María e mais a presentación de Xesús no templo; co paso do tempo, fíxose costume nas parroquias bendicir as candeas que se empregarían logo en caso de tronada ou nos velorios para alumear o defunto no camiño ao máis alá.
A voda dos paxariños
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!
O venres 2 febreiro o EDLG do IES Monelos pretende celebrar este día.
Para iso pensamos en que podiades enviar unha mensaxe por escrito nunha carta de afecto a un d@s compañeir@s de clase ou do centro que teñades en estima, amistade...
Na semana do 25 de xaneiro ao 1 de febreiro podedes entregar a carta (escrita en galego) a un membro do Equipo de Dinamización que se encargará de depositala na caixa de correo ao longo desta semana.
No sobre poñeredes o nome e apelidos do destinatario e o curso.
O venres 2 de febreiro entregaráselle a carta ao destinatario.
1. O concurso está organizado pola materia de Xeografía e Historia de 1º de ESO coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro.
2. O obxectivo do concurso sensibilizar ao alumnado nos valores da xustiza e da paz, implicándoos na resolución de conflitos de forma pacífica, partindo da súa realidade cotián e dos problemas de convivencia que existen no orde mundial.
3. No concurso participará todo o alumnado de 1º de ESO. O traballo terá carácter obrigatorio dentro da área de Xeografía e Historia.
4. A proba consistirá na elaboración dun cartel relacionado co tema do día da paz e da non violencia.
5. Os carteis quedarán expostos nos corredores do instituto durante o mes de febreiro de 2024.
6. O xurado estará formado por un representante dos departamentos de xeografía e historia, lingua galega, educación plástica e visual; o representante do equipo de dinamización da lingua galega e vicedirección.
7. Tamén haberá un xurado popular formado por todo o alumnado do centro.
8. A entrega dos carteis realizarase antes do 29 de xaneiro.
9. O mércores 1 de febreiro o xurado reunirase no 1º recreo para deliberar e outorgar os premios aos carteis gañadores.
10. O xurado popular votará ao longo de toda a semana (do mércores 31 de xaneiro ao venres 2 de febreiro) polo cartel que considere mellor.
11. Haberá un gañador e un segundo clasificado que terán premio. Por outro lado o xurado popular (alumnado) concederá un único premio ao máis votado. Os premios consistirán: • O primeiro premio dun vale de 5 bocadillos e bebida • O segundo premio dun vale 3 bocadillos e bebida canxeable na cafetería do instituto. Un agasallo por parte do xurado popular tamén canxeable na cafetería do instituto.