02/02/24

"É moi lamentable que unha sociedade do século XXI teña prexuízos lingüísticos"

Que pasa co galego? Non é unha pregunta que sexa allea a quen teña un mínimo interese na nosa lingua. A resposta, pola contra, acostuma a ofrecerse en foros especializados ou a través de discursos máis ben académicos. O libro Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación social da lingua, publicado por Edicións Xerais, está escrito polo catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Vigo Fernando Ramallo (Vigo, 1965), que formou parte do Comité de expertos da Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa, pero diríxese ao conxunto da sociedade que convive coa lingua. Nel atópanse cuestións como o uso do galego nas redes sociais, o bilingüismo, a relación coa Lusofonía, a intelixencia artificial, os dereitos lingüísticos ou a influencia do capitalismo sobre a lingua galega. Cun ton rigoroso, pero divulgativo, Ramallo ofrece unha nova canle para facilitar a comprensión da problemática actual do galego.

Información de Ana G. Liste en Praza Pública

O sociolingüista vigués Fernando Ramallo © cedida