Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

07/06/23

Terceiro Tempo. Con Lucía Aldao: 'Mazar é político'

 Segundo episodio do Terceiro Tempo, unha serie de conversas-happening coas voces poéticas máis interesantes do noso panorama novo, que ten como epicentro o Café Universal da Coruña. Un espazo e un tempo para a vivir a acción poética doutro xeito, á calor do amor nun bar e gozando da conversa, da performance, da música, da bebida e do baile.

05/06/23

A poeta Luz Fandiño e a cooperativa A Morada, premio ‘Begoña Caamaño’ da Deputación da Coruña

 Información Xornal da Coruña

Xurado do premio 'Begoña Caamaño'. DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Franqueira, tradición e galeguidade

Tirar do fio para traer ao presente feitos históricos que teñen moito que ver coas tradicións populares é fundamental para coñecer de onde vimos, por iso a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia en colaboración co concello da Cañiza, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o abade do Santuario da Franqueira, levaron a cabo un acto de rememoración histórica en lembranza da creatividade literaria de D. Ramón Cabanillas, autor do “Romance da Franqueira” e ao mesmo tempo de D. Enrique Peinador Lines pois se non fose polo empeño do empresario de imprimirlle galeguismo á tradición relixiosa, Cabanillas nunca teria escrito esa xoia literaria. Por ese motivo e tamén para conmemorar o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, colocouse un monolito no adro do Santuario da Franqueira obra da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.

27/05/23

Entrevista a César Souto: "A poesía ten que poñer a linguaxe, como un fin en si mesmo, en primeiro lugar"

 Nun tempo de exposición permanente a través das redes sociais, César Souto escolleu contar unha historia sobre unha persoa que renunciou totalmente a proxectarse publicamente: o poeta estadounidense Wallace Stevens, gañador do premio Pulitzer no 1955. Nada de extraordinario sucedeu na súa vida anódina de oficinista. A poesía, dicía, non é nada persoal. Mais nas súas cartas agroma unha realidade que non era só a súa ou a do seu tempo. A alienación do traballo. O xeito no que consume a vida. Ante o que a poesía pode ser, tamén, un xeito de erixirse. Iso se albisca en A Foreign Song (Matriuska), que vén de ser proxectada no Play-Doc. 

Información en Praza Pública

César Souto © Praza.gal / Cedida
 

26/03/23

Un documental web da Academia percorre a traxectoria de Fernández del Riego: "o seu grande amor foi Galicia"

 Información Praza Pública


'Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu' é unha serie documental de seis episodios sobre o intelectual ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2023, producida pola propia e institución e realizada pola produtora Miramemira co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. 

O primeiro capítulo, "As luces primeiras", repasa a infancia de Francisco Fernández del Riego no seo dunha familia acomodada de Lourenzá e mais a adolescencia e os primeiros anos de mocidade, que transcorreron tamén en Monforte de Lemos (onde estudou nos Escolapios) e, máis adiante, Santiago de Compostela, onde se trasladou a familia para darlles estudos universitarios a todos os irmáns. O relato lembra a intensa afección temperá á lectura de don Paco, a súa amizade con Álvaro Cunqueiro, a quen coñeceu sendo aínda un cativo nas festas do Conde Santo de Modoñedo; as súas primeiras publicacións na revista 'Páginas Calasancias' e 'Vallibria', que dirixía 'Trapero Pardo'; continúa co espertar ao galeguismo consciente cando comeza a estudar Dereito en Madrid e avanza o activismo político e cultural xa de volta en Galicia, cando o 25 de xullo de 1931 iza a bandeira galega e le dende o balcón do concello de Lourenzá o que foi seguramente o primeiro manifesto de celebración do Día de Galicia na Mariña lucense. 

A narración avanza ao longo das seis entregas coas lembranzas de persoas que coñeceron e estudaron a figura de don Paco, e tamén coa vivencia de autoras e autores das novas xeracións da conmemoración do Día das Letras Galegas que o propio Del Riego propuxo crear no seo da RAG en 1963, cando se celebrou por primeira vez cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Son Malores Villanueva, Manuel Román, Ramón Nicolás, María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Fina Casalderrey, Margarita Ledo, Camiño Noia, Rosa Aneiros, Francisco Castro, Xosé Manuel Soutullo, Dolores Vilavedra, Patricia Arias Chachero, Antón Santamarina e Víctor F. Freixanes; e mais Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés, Cándido Paniagua e Ledicia Costas. 

Tamén participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais o músico do Valadouro Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en "off" de don Paco nos anos de mocidade e madureza, respectivamente. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo, que recorreu á percusión inspirándose no propio carácter de don Paco.

12/03/23

(RE)SER(VADO) - Carolina Rubirosa e Yolanda Castaño (Lyric Video)

RE) SER (VADO) é o primeiro sinxelo extraído do EP de Carolina Rubirosa "Alén do mar". Trátase dun poema da autora galega Yolanda Castaño, convertido en canción con músicas orixinais escritas e interpretadas por Carolina Rubirosa, baixo a producción de Pablo Vidal. 
(RE) SER (VADO) é un poema en catro tempos que abre o libro “Profundidade de campo”(2007) de Yolanda Castaño. O cuarto texto (D) é o que pon letra a esta canción.
O EP recolle cinco poemas de autores de recoñecido prestixio internacional traducidos ao galego, Indran Amirthanayagam, Salgado Maranhao e Katia- Sofía Hakim, e dúas das autoras galegas máis notables: Eva Veiga e Yolanda Castaño. O videoclip é unha creación da realizadora Iria Iglesias, que se encarga tamén de todo o deseño do arte do EP. As obras de fondo amosadas pertencen á colección "Tormenta de ideas" da artista Batís Campillo. Canción grabada nos estudios AldeaGlobal, Vilagarcía de Arousa, en novembro de 2021.

 

25/02/23

Terceiro tempo. Con Ismael Ramos: 'Nacer nun bar'

 Velaquí o episodio piloto de 'Terceiro tempo', unha serie de conversas-happening coas voces poéticas máis interesantes do noso panorama novo, que ten como epicentro o Café Universal da Coruña. Un espazo e un tempo para a vivir a acción poética doutro xeito, á calor do amor nun bar e gozando da conversa, da performance, da música, da bebida e do baile. 

O primeiro Terceiro Tempo fixérono con Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, autor de "Lixeiro", "Lumes" ou "Os fillos da fame" e do libro de relatos "A parte fácil", recén publicado por Xerais. 

Farto de andar nos últimos meses pola vida de poeta serio, nesta sesión puidemos ver o Ismael máis "mamarracho" (así se autodefine el). En conversa con María Yáñez falou de como é medrar nunha taberna, dos bares da Coruña, do Superdépor, do Tinder ou do primeiro tren da mañá Coruña – Vigo. E recitou. E botaron unhas boas risas e uns bos bailes. 

Se non estiveches aquí tes un resumo bastante fiel, case sen censurar. Case. ;) 

Terceiro tempo é un proxecto colaborativo entre o Café Universal - Club Uni, a revista VINTE e a libraría Lume. 

Vídeo: Javi Quiroga, coa colaboración de Martín Caínzos.

02/02/23

Xosé Lois Romero & Aliboria: La leyenda del tiempo

 Unha das grandes sorpresas deste final de ano esta versión de 'La leyenda del tiempo', o tema de Camarón de la Isla a partir dos versos de Lorca, realizada por Xosé Lois Romero & Aliboria. Unha auténtica xoia con vídeo de Adrián Canoura.