25/02/23

Terceiro tempo. Con Ismael Ramos: 'Nacer nun bar'

 Velaquí o episodio piloto de 'Terceiro tempo', unha serie de conversas-happening coas voces poéticas máis interesantes do noso panorama novo, que ten como epicentro o Café Universal da Coruña. Un espazo e un tempo para a vivir a acción poética doutro xeito, á calor do amor nun bar e gozando da conversa, da performance, da música, da bebida e do baile. 

O primeiro Terceiro Tempo fixérono con Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, autor de "Lixeiro", "Lumes" ou "Os fillos da fame" e do libro de relatos "A parte fácil", recén publicado por Xerais. 

Farto de andar nos últimos meses pola vida de poeta serio, nesta sesión puidemos ver o Ismael máis "mamarracho" (así se autodefine el). En conversa con María Yáñez falou de como é medrar nunha taberna, dos bares da Coruña, do Superdépor, do Tinder ou do primeiro tren da mañá Coruña – Vigo. E recitou. E botaron unhas boas risas e uns bos bailes. 

Se non estiveches aquí tes un resumo bastante fiel, case sen censurar. Case. ;) 

Terceiro tempo é un proxecto colaborativo entre o Café Universal - Club Uni, a revista VINTE e a libraría Lume. 

Vídeo: Javi Quiroga, coa colaboración de Martín Caínzos.