Cineuropa comezou este venres 7 de novembro en Compostela. Dende hoxe e ata o 23 de novembro poderán verse no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C un total de 140 títulos, nunha escollida programación na que destacan os novos filmes de Paolo Sorrentino, Jim Jarmusch, Richard Linklater, François Ozon, Olivier Assayas, Lucrecia Martel, Radu Jude ou Joachim Trier e boa parte dos títulos que triunfaron este ano nos grandes festivais. Jonás Trueba, Jaione Camborda e Kamal Aljafari recibirán o máximo galardón do festival, o Premio Cineuropa. E Faye Dunaway será obxecto dunha retrospectiva.