02/09/23

Entrevista a Luís doRío Pena: "Moito do coñecemento que cremos que nos é propio repousa sobre as experiencias dos que viviron antes"

Luís do Río Pena (Santiago de Compostela, 1998) revoluciona as redes cos seus vídeos preparando un pito de pastor, un asubiote ou unha pipa de herba. Consciente de que non importa o medio a través do que se aprenda, está a gozar compartindo coñecementos que chegaron a el a partir das experiencias de persoas da xeración dos seus avós nas súas aldeas, entre Ames e Outes. "Quería facer algo que xerase un interese de aquí sen ter que relacionalo todo coa política", conta. Todo comezou como unha forma de esparexemento no seu tempo libre mentres prepara unhas oposicións tras graduarse en Dereito. Con máis de 15.000 seguidores no Instagram, compartindo xa os vídeos nunha canle de Youtube e agora tamén no TikTok, Do Río ten claro que se os seus vídeos cargados de sabedoría popular triunfan é porque sorprenden.

Luís do Río cun pito de pastor fabricado por el © cedida