O GALEGO, PRÁCTICAMENTE DESAPARECIDO NA MÚSICA QUE SE ESCOITA NA ADOLESCENCIA
Unha enquisa realizada a máis de 1.000 escolares da Galiza revela a práctica desaparición do idioma galego entre os seus hábitos de consumo musicais. Un 80% confesa que nunca -ou case nunca- escoita música en galego. Máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego.
O proxecto socio-educativo “Ao Son da Nosa Música”, realizou un traballo de investigación nos meses de outubro e novembro en 20 centros educativos galegos das catro provincias. Contou coa participación de alumnado desde 5º de Primaria ata 2º de Bacharelato e foron pesquisados os seus hábitos musicais tanto dentro como fóra do centro escolar. A enquisa puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan, poñéndose en evidencia unha dramática e alarmante realidade.
É rechamante a presenza maioritaria do castelán como lingua vehicular no ensino musical, tanto dentro dos centros educativos como nos diferentes ámbitos de formación. O cuestionario revela ausencia da música en galego nas propias aulas de música cun 50% que resposta escoitala poucas veces e un 27% nunca. En canto ás actividades musicais preferidas no ámbito do ensino atópanse a escoita musical e a práctica instrumental nos primeiros lugares, seguidas do canto e a danza.
Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas máis coñecidas pola rapazada. En canto aos estilos o Pop, o Reggaetón e o Rap son os xéneros preferidos polos adolescentes cun 63%, 53% e 44% respectivamente.
En relación aos hábitos de consumo de música, un 62% nunca mercou música. Entre o 38% que si o fixo un 45% investiu en música en castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que mercou música en galego. En canto aos medios dixitais que se empregan para escoitar música YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a radio cun 35%. Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades.
A enquisa enmárcase nunha iniciativa pedagóxica de investigación desenvolvido ao abeiro dunha licenza de formación de docentes no curso 2021/2022.
Neste mes de xaneiro, este proxecto socio-educativo presenta os seus resultados de investigación de xeito global e presentará as propostas de mellora que considera oportunas para reverter esta situación.