Un fin de semana de outubro de 1992 naceu o Superdépor, tras unha épica remontada contra o Real Madrid (3-2). O club blanco inciaría nese momento unha sequía de 17 tempadas consecutivas sen gañar en Riazor, con auténticos bailes para escarnio galáctico.
Case tres décadas depois, outro Superdépor, o feminino, colíder de Primeira Iberdrola co orzamento máis baixo da competición, parece disposto a recoller aquel legado. O derradeiro domingo de outubro ridiculizou ao Club Deportivo Tacón (3-1), club comprado a golpe de talonario polo Real Madrid, e para o que ficharon moitísimas xogadoras internacionais. Porque se Pablo Pereiro e Manú Sánchez víronse e desexáronse para armar un equipo de elite, co bloque da tempada pasada e algunhas xoves que foron captando, o Tacón aproveito a notable inxección económica de Florentino para firmar internacionais suecas, francesas, ingles, brasileiras e nixerianas.
Pero este novo Superdépor é moi grande. Enorme. As branquiazuis rebentaron Abegondo (terceiro cheo consecutivo), aumentado incluso máis o sobreaforo, xa que contras as madrileñas encheuse de público a pé de campo, por detrás das vallas. Á media hora do inicio, xa non había sitio para sentarse.