En Loita (2026) é un proxecto galardoado co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade 2025 da Deputación da Coruña e elaborado por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega en colaboración coa Asociación Memoria e Cinema e co G.I. HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Este proxecto documental ten por obxectivo recuperar e visibilizar a participación das mulleres no movemento estudantil galego durante o tardofranquismo e os primeiros anos da democracia. A peza constrúe un relato coral a partir das voces de catro mulleres de distintas xeracións universitarias, que participaron en contextos, colectivos e momentos diversos, permitindo observar a continuidade e transformación das formas de mobilización ao longo do tempo.
A través dos seus testemuños en primeira persoa, o documental percorre as inquedanzas dunha xeración que accede á universidade nun contexto de represión, a súa implicación na loita polas liberdades e polos dereitos, a defensa da democratización do espazo universitario e a progresiva incorporación do pensamento feminista como marco de acción e conciencia. Máis alá de relatos illados, a peza revela unha cadea de transmisión entre xeracións, onde unhas abren camiño e outras recollen, reformulan e prolongan esa loita.