Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman pechan o forno teatral d’A Panadaría. Estes doce anos amasando creacións propias permitíronlles compartir con públicos diversos as montaxes Pan!Pan! (2013), Panamericana(2015), Elisa e Marcela (2017, en coprodución co Centro Dramático Galego) e As que limpan (2022, en coprodución co Centro Dramático Nacional). Neste tempo, a compañía tivo unha moi boa acollida nos escenarios galegos e, con esta última montaxe na que reivindican o labor das camareiras de piso e a súa dignidade como traballadoras, estiveron de xira por toda a Península Ibérica. Tamén as acompañou o recoñecemento da profesión con múltiples galardóns, entre os que destacan os Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Información de Ana G. Liste en Praza Pública