06/05/25

Amor de auga lixeira - Proxecto Imaxina

Aquí tamén se fala e Amor de auga lixeira (IES Rafael Dieste) unen forzas para traballaren arredor da auga e da reivindicación das fontes, apoiados en testemuños orais, accións de rúa, traballo de campo e laboratorio, encontros con filólogos e percebeiros que nos falan da memoria líquida da terra.  

A auga que corre polos montes, que dorme nos acuíferos e resucita nas fontes, percorre un longo camiño ata chegar á nosa billa. Purificada, filtrada, tratada con precisión científica para garantir a súa potabilidade. Mais, que valor ten unha auga se esquecemos de onde vén?  

As fontes, outrora posibilitadoras de encontros, foron templos da palabra compartida, do rumor fresco que saciaba sede e conversa. A auga da billa, tan inmediata, tan invisíbel na súa comodidade, é herdeira daqueles mananciais que a modernidade foi silenciando.  

Nas fontes vive a memoria do chan que pisamos, e cada grolo, sexa dunha billa ou dunha pedra antiga, leva consigo o eco do río que foi.