Temos un novo número de Camiño do Corgo en dixital. Van seis desde o curso 2019-2020 en dixital. Número moi limitado se temos en conta que a revista naceu en 1999. A metade da historia do noso centro.
O formato multimedia ten unha vantaxe que nos parece interesante: sumar á escrita a oralidade, a través dos pódcast de Radio Monelos, e o audiovisual dos pequenos vídeos onde presentamos as actividades realizadas no instituto. Tamén ten un problema: o parón enerxético como o do luns 28 de abril de 2025.
Esta revista reflicte en gran parte a actividade realizada por Radio Monelos durante este curso. Cinco foron os temas fundamentais tratados polo alumnado dos diversos niveis educativos que, en gran parte, son continuidade de cursos anteriores: elas foron, o fútbol, os compositores clásicos na nosa cidade, historias da Coruña e, por suposto, a creación musical en Galicia na actualidade.
Elas foron
É o seguimento a unha sección iniciada no curso 2021-2022. Neste curso centrámonos na historia de nove mulleres ao longo da historia: Aspasia e Hipatia, na Idade Antiga; María Balteira, na Idade Media; Francisca de Isla y Losada, na Idade Moderna e Concepción Arenal, Sofía Casanova, Gloria Pérez Corrales, María Miramontes e María Wonenburger, na Idade Contemporánea.
Fútbol
Centrados na historia do Dépor, sobre todo daquel Super Dépor (1992-2005): os grandes éxitos (Supercopas, copas do Rei e a liga de 1999-2000), o Centenariazo ou a vitoria no Bernabéu nos cen anos da historia do Real Madrid, as vitorias contra o Milán, o grande Mauro Silva... Tamén falamos de seareiros como os Blues, de Martola (compoñente e exalumna de Monelos que formaba parte deste grupo). Ah! e tamén falamos do fútbol de man: o futbolín! cun capítulo dedicado ao seu inventor en plena Guerra Civil: Alexandre de Fisterra
Compositores clásicos na Coruña
A Coruña ten unha enorme tradicional musical. A opera, a Orquestra Sinfónica de Galicia son exemplos. Elaboramos sete programas relacionados con compositores que naceron ou viviron na nosa cidade.
Historia da Coruña
16 episodios sobre historia da nosa cidade nunha sección iniciada no curso 2022-2023.
Musicos e música en galego
Cuarta serie con 16 novos músicos recentes e consolidados dun apartado iniciado no 2021-2022.
O capítulo principal da revista está relacionado co homenaxe que este ano se realiza ás Cantareiras e pandeireteiras. A música folclórica popular que conservou a lingua en momentos escuros e que rexurde con moita pegada en grupos folclóricos recentes.
Que gocedes deste novo número de Camiño do Corgo.